A mañá de hoxe comezou moi ben para as mozas do Presentation: fomos ver o musical do Rei León! E pensaredes vós: un musical? Nunha vila tan pequena? Pois si, e a cargo das súas compañeiras! O mellor de todo: son unhas auténticas profesionais! Tiveron un mes para preparar os decorados, a roupa, para ensaiar… e o resultado foi inmellorábel!
Cal foi a nosa sorpresa cando despois dos miles e ben merecidos aplausos para as actrices a directora colleu o micro para nos despedir… e facernos subir ao escenario! Agasalláronnos cuns recordos de Irlanda e cun agarimoso aplauso. Comezaban as terríbeis despedidas!!
Por outra banda, ás mozas do Coláiste Mhuire déronnos uns diplomiñas ben xeitosos como lembranza da nosa estadía no colexio.
Riiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiinnnngggg!! Soou o timbre e con el chegou a fin das clases. Agora si que tocaba despedirse de verdade! Unha mistura de tristura por ter que marchar e de ledicia por volver á casa apoderouse de todas nós e, por que non dicilo, unhas cantas bágoas tamén asomaron nalgunhas das nosas tristes cariñas 🙁
Ao final, xunto cos colegas do CBS e entre rotundos “pois eu non marcho”, “eu quero quedar aquí” e “que pasa se perdemos o voo de volta?”, acabamos todas a rolos polo chan nunha aperta conxunta.
Ao outro lado de Thurles repetíanse as mesmas esceas, pero tamén tivemos momentos de ledicia celebrando o aniversario da Laura. Moitísimos parabéns, riquiña!
E até aquí chegou todo, familias. Poñemos punto e final a este blog onde vos fomos relatando todas as fermosas historias que tivemos a sorte de vivir neste marabilloso país. Avisad@s quedades: volveremos! O noso romance con Irlanda non fixo máis que comezar ♥♥♥
Bicos mil!