Derradeiro día, e mañán á noitiña xa veredes a todos os vosos fillos e fillas pero, como volo explicaría nesta entrada final pola miña parte?
A ver, eu con este grupo tal cal está iríame ao Polo Norte ou ao medio da selva agora mesmo, e aínda metía un par de buddies e alguén máis da organización local. Así foi a miña experiencia persoal durante tres semanas con esta maravilla de rapaces e rapazas 🙂
E é que hoxe foi día de despedidas. Cando collamos o bus para o aeroporto pola mañá será o adeus definitivo ás host families e a unha experiencia única, pero hoxe tocou despedirse da escola e de buddies que xa son amigos e con quen tantas cousas aprenderon doutro país, doutra língua e doutra xente.
A primeira hora o ambiente xa era diferente a xornadas anteriores. Había risas e alegría, si, pero algo máis apagadas, nervosas, con certa melancolía anticipada. A mediodía organizouse un pequeno acto na Broadwater School, que tan ben nos acolleu, onde houbo entrega de certificados. Aquí o noso grupo:
Aquí os buddies e algún local máis que axudou no proxecto dalgunha forma. Boa xente!
E aquí todos e todas na actitude xovial que foi a habitual todos estes días (cos sempre presentes chocolates de agasallo, claro):
Houbo un xesto moi especial cos dous buddies que non nos deixaban pasara o que pasara e que animaron cada momento, Jeven e Salvatore (con mención especial a Lily e Lola). Transformaron esta visita de “moi boa” a “estratosférica”. Para eles foi a bandeira de Vigo asinada por todo o grupo:
Emocionáronse? Pois un cacho! E nós! Imaxinade como é que mañán virán despedirse de novo ás 6 e media cando saia o bus… Definitivamente son doutra pasta:
Aquí os fenómenos estes que imos botar moito de menos no instante que arranquemos… Había que levalos para casa un día destes oh!
A cousa non quedou aí, pois unha vez rematado o acto que Alex, Mel e eu tíñamos pensado, eles tiñan aínda outra sorpresa emocionantísima: unhas cartas escritas aos buddies que leron en voz alta por turnos, e despois diso todos e todas foron falando e compartindo momentos e sentimentos destas semanas. Chorouse moito, de alegría…
Foi algo espectacular que xurdíu deles e delas de forma espontánea e así estiveron máis de 40 minutos (acabaron por sentar), cun respecto impresionante. Os profesores e outros estudantes que pasaban polo corredor e miraban polas portas de cristal alucinaban:
Neste ambiente era complicado realizar ningunha actividade de tarde e decidimos “esquecer” a sesión de deportes programada, así que Alex arranxounos uns billetes de ida e volta a Guildford para máis unha visita á cidade e unhas últimas compras rápidas.
Ben, así remata esta auténtica aventura no que todo o persoal da escola co que tratei non deixaba de felicitarme polo grupo. Oxalá o mérito fora meu, pero é deles e delas e de vós, os pais e nais, pois esta forma de ser ten que vir de algures.
Inglés abofé que practicaron e aprenderon, pero eu creo que sobretodo aprenderon o fantástico gusto por viaxar, por descobrir, por querer ir un pouco máis alá, por perder o medo e como din na Irlanda (aínda que estivéramos en Inglaterra): “un estraño é un amigo ao que aínda non coñeciche”.
As persoas que ides recibir no aeroporto de Vigo son os vosos fillos e fillas, pero agora saben máis, agora viviron máis, agora van querer máis… e iso é xenial. Avante! 🙂
E con isto e co voso permiso despídome eu e vou pensando en ir para cama, que toca madrugón e viaxe das longas. O dito, foi un pracer. Ata sempre!
Thank you group! You’ve been great. Be proud of yourselves, you deserve it 🙂