Godalming 01/10 – Modelos e modistas por un día

Olá! Alguén nos botaba de menos? 🙂

Despois do éxito da visita a Londres o pasado sábado (pinchade na ligazón para refrescar a memoria) hoxe tivemos tempo para contarnos o que fixemos o domingo por separado.

Houbo quen foi a boleira, quen foi facer patinaxe sobre xeo, quen foi de visita a Stonehenge, quen tivo unha festa de “cumpre” porque lle coincidiu aquí… Seguro que xa vos foron informando en privado, non? Ben, o importante é que as host families son un encanto e que todo o mundo chegou ao instituto pola mañá cun sorriso na cara. Iso non ten prezo 🙂

E para continuar na boa, ao acabarmos as clases tivemos unha actividade orixinal, un Fashion Show, un espectáculo de moda. Suzie organizou tres grupos que tiñan que deseñar e fabricar un “modelito” con papel de xornal co que desfilar despois. Xa imaxinades o panorama 😀

Para variar, faltoulles tempo para ir ao tema e poñer en marcha todo o seu talento creativo! Tanto “modelos” como “modistas”. O deste grupo é moito 😉

Un posado previo antes do gran momento dos e das escollidas para amosar tan finas roupas (entre eles buddies ingleses, unha delas unha rapaza que aínda non fixera unha actividade de tarde connosco, na que se meteu sen sabelo a coitada!):

E a continuación as risas foron aínda a máis co desfile a ritmo de música. Algunha xente que pasaba polo corredor paraba un instante a ver, porque non entendían que facíamos no seu salón de actos a golpe de luns pola tarde. Nada, uns sosos, para divertidos nós:

E así rematamos a tarde. O seguinte foi xa voltar para casa facendo unha escala no parque do lado, aproveitando a boísima tarde de sol que quedou. Uf, continuamos tendo unha sorte espectacular co tempo por estas terras a estas alturas do ano…

Ata mañán! 🙂

Godalming 28/09 – Concurso fotográfico no Broadwater Park

Ui, que hoxe apareceron as nubes e chispeou algo a primeira hora! Pero nada, enseguida abriu o día e cando batía o sol facía bastante calor.

E que fixemos hoxe? Ben, o ambiente de venres sempre é diferente e para esta noite algunhas das host families tiñan organizadas algunhas ceas conxuntas, así que xa vedes como van integrando os vosos fillos e fillas na comunidade local 😉

Pero antes diso rematamos a xornada lectiva e pola tarde realizamos un concurso de fotografía da mao de Alex, un dos nosos coordinadores locais e con quen xa estivéramos onte. Non se lle ve pero por aquí andaba organizando grupos e explicando os “retos” a cumprir:

Do que se trataba era de completar unha serie de tarefas ou misións pola zona, a modo de xogo en grupos pequenos (tirar unha foto dun obxecto inusual, un selfie de grupo, unha foto dun can…). Como non, alá foron todos e todas de cabeza!

Tomáronno en serio para escoller as mellores fotos de todas as que tiraran:

Houbo duras deliberacións polas puntuacións 😉

E finalmente tivemos un equipo gañador por un único punto! Foi ben axustado!

Como non podía ser doutra forma, rematamos con unha foto de grupo máis os catro buddies habituais que sempre están connosco:

O sítio este tan bonito onde pasamos a tarde é un parque con lago ao pé do seu instituto chamado Broadwater Park. Xa comentara que esta zona é super pintoresca 😉

E entre isto e a sensación de fin de semana, despedímonos ata mañán, que quedamos cedo na estación local para collermos o tren á Londres. Iso si que vai ser un contraste! Chao! 🙂

Godalming 27/09 – Xogo de brilé nunha tarde radiante

Hoxe amencimos coa típica brétema atlántica. Entre iso e o verde que nos rodea parecía que estábamos na casa, aínda que facía un pouco máis de fresco (aquí si que chegou o Outono).

Non pasa nada, polo momento non nos choveu e polas tardes vai calor, para que despois falen do clima inglés. Que dure!

Así que decidimos trocar a actividade física desta tarde, que ía ser badminton, por outra. Daba pena meterse nun ximnasio e non sairmos fora e por iso Alex, o noso segundo coordinador local, organizou unha variante do xogo de brilé “estilo inglés”.

 

Entendidas as intrucións en inglés, todo o grupo tentou darlle ao asunto:

E aínda fixemos varias partidas cun par de variantes e cambios de equipo. Facía calor e cansamos de correr, pero como sempre a cousa desenvolveuse entre risas:

E claro está, foto de grupo final! Mañán xa é venres e parece incríbel que xa pasara unha semana… uf! O tempo voa unha vez te adaptas e o pasas ben 😉

PD. Os das sombras somos o Alex máis eu… 😀

Godalming 26/09 – Quiz time!

Terceiro dia, isto xa está controlado 🙂

Máis clases e máis experiencias únicas a cada momento. Realmente, son cousas que nunca voltarán a suceder… Pero antes de que nos poñamos filosóficos dicir tamén que houbo momentos para xogos! 😀

Hoxe fixemos un “Quiz“, é dicir, un xogo de preguntas e respostas por equipos típico destas illas. Existen diversas modalidades e neste caso usamos unha versión simple.

Os “quizzes” son algo que está totalmente metido na cultura popular. É unha actividade habitual onde se organizan grupos de amigos, familias etc que depois compiten ben sexa por un premio, para axudar nunha causa benéfica ou o que faga falta. Algúns tómanno super en serio!

Así que, antes de nada, con axuda de Suzie (o noso contacto local) explicamos un pouco a dinámica e fixemos os grupos:

E a partir daí comezaron os “piques”, tal e como farían os ingleses 😉 O dito, é como xogar un trivial ou como se fora un concurso da tele, pero en grupos organizados que moitas veces se manteñen ao longo dos anos.

Creo que os nosos rapaces e rapazas entenderon ben como vai a cousa e desfrutaron bastante, e entenderon tamén como este tipo de actividades poden chegar a ser tan populares noutros países.

Mañán máis! Pero iso será mañán 🙂

PD. Mentres esperávamos por Suzie e antes de montar nada tivemos un instante para posar con algúns dos xa inseparábeis “buddies“. Aquí os vosos fillos e fillas con Jeven, Salvatore e Lily, da Broadwater School:

Godalming 25/09 – Primeira visita a Guildford

Ready for day 2?

Hoxe comezamos o día con… un simulacro de incendio no instituto! Obviamente non era momento de tirar fotos porque é unha cousa bastante seria e formal, como comprobamos en persoa. Desde logo foi toda unha experiencia que vivimos como se fóramos da Broadwater School “de toda a vida” 😉

O segundo día lectivo xa foi diferente ao sabermos moito mellor como funciona todo, así que pouco a pouco imos entrando na normalidade inglesa.

Iso sí, pola tarde tocou ir explorar un pouco os arredores e collimos un tren ata Guildford, que é a localidade máis grande de camiño a Londres e cidade de referencia dentro do condado de Surrey. Realmente chegamos en nada.

En Guildford a nosa guía local, Suzie, plantexou un xogo no que tivemos que visitar algúns dos lugares máis emblemáticos desta cidade comercial. Aquí abaixo está ela organizando os grupos que contaron máis unha vez coa simpática presenza dalgúns buddies ingleses.

En definitiva, botamos un ollo e agora coñecemos a cidade para a próxima visita, que será na última semana. Ou sexa, we’ll be back 🙂

Ah, e para que vos fagades unha idea do bonita que é esta zona, aquí vai de despedida unha panorámica desde o castelo de Guildford!

Godalming 24/09 – Primeiro día, primeiras impresións

Hello desde o precioso Godalming, no condado de Surrey, Inglaterra (o sitio é realmente bonito, iredes mirando nas fotos).

Aproveito a oportunidade para presentarme agora a quen non puidera saudar onte na saída de Vigo: son Xoán, o monitor do grupo, e terei o prazer de irvos informando de todas as actividades do grupo de Godalming, tanto dentro da Broadwater School como fora.

Pois así foi que chegamos ao aeroporto de Heathrow na tarde do 23 sen maior problema

 

e pasadas as 8 (hora local) xa ao noso destino final, onde todos os vosos fillos e fillas foron calurosamente acollidos polas súas host families.

Hoxe luns 24 erguimos cedo (aquí os días acaban antes pero tamén comezan antes) e completamos o primeiro día de instituto en Inglaterra e a experiencia foi todo un éxito.

O primeiro foi asignar os buddies (os “colegas”), os estudantes ingleses que irán facendo de anfitrións do noso grupo no día a día e entre clase e clase. Daí pasamos xa á “rutina” do instituto, só que esta rutina é en inglés… 😉 Así todo o mundo xa sabe máis ou menos como funciona a cousa e que agardar dos próximos días.

Depois das clases chegaron as actividades da tarde, que para hoxe consistían nun obradoiro de teatro no que contamos coa axuda de catro estudantes locais. Apesar dalgúns lóxicos problemas de comprensión (para iso estamos aquí! 😀 ) a cousa foi bastante divertida. Marchamos todos e todas para casa entre risas!

E iso por hoxe… Xa iremos contando máis cousas así como vaian pasando.

See you!