Godalming 12/10 – A emocionante despedida dun grupo moi especial

Derradeiro día, e mañán á noitiña xa veredes a todos os vosos fillos e fillas pero, como volo explicaría nesta entrada final pola miña parte?

A ver, eu con este grupo tal cal está iríame ao Polo Norte ou ao medio da selva agora mesmo, e aínda metía un par de buddies e alguén máis da organización local. Así foi a miña experiencia persoal durante tres semanas con esta maravilla de rapaces e rapazas 🙂

E é que hoxe foi día de despedidas. Cando collamos o bus para o aeroporto pola mañá será o adeus definitivo ás host families e a unha experiencia única, pero hoxe tocou despedirse da escola e de buddies que xa son amigos e con quen tantas cousas aprenderon doutro país, doutra língua e doutra xente.

A primeira hora o ambiente xa era diferente a xornadas anteriores. Había risas e alegría, si, pero algo máis apagadas, nervosas, con certa melancolía anticipada. A mediodía organizouse un pequeno acto na Broadwater School, que tan ben nos acolleu, onde houbo entrega de certificados. Aquí o noso grupo:

Aquí os buddies e algún local máis que axudou no proxecto dalgunha forma. Boa xente!

E aquí todos e todas na actitude xovial que foi a habitual todos estes días (cos sempre presentes chocolates de agasallo, claro):

Houbo un xesto moi especial cos dous buddies que non nos deixaban pasara o que pasara e que animaron cada momento, Jeven e Salvatore (con mención especial a Lily e Lola). Transformaron esta visita de “moi boa” a “estratosférica”. Para eles foi a bandeira de Vigo asinada por todo o grupo:

Emocionáronse? Pois un cacho! E nós! Imaxinade como é que mañán virán despedirse de novo ás 6 e media cando saia o bus… Definitivamente son doutra pasta:

Aquí os fenómenos estes que imos botar moito de menos no instante que arranquemos… Había que levalos para casa un día destes oh!

A cousa non quedou aí, pois unha vez rematado o acto que Alex, Mel e eu tíñamos pensado, eles tiñan aínda outra sorpresa emocionantísima: unhas cartas escritas aos buddies que leron en voz alta por turnos, e despois diso todos e todas foron falando e compartindo momentos e sentimentos destas semanas. Chorouse moito, de alegría…

Foi algo espectacular que xurdíu deles e delas de forma espontánea e así estiveron máis de 40 minutos (acabaron por sentar), cun respecto impresionante. Os profesores e outros estudantes que pasaban polo corredor e miraban polas portas de cristal alucinaban:

Neste ambiente era complicado realizar ningunha actividade de tarde e decidimos “esquecer” a sesión de deportes programada, así que Alex arranxounos uns billetes de ida e volta a Guildford para máis unha visita á cidade e unhas últimas compras rápidas.

Ben, así remata esta auténtica aventura no que todo o persoal da escola co que tratei non deixaba de felicitarme polo grupo. Oxalá o mérito fora meu, pero é deles e delas e de vós, os pais e nais, pois esta forma de ser ten que vir de algures.

Inglés abofé que practicaron e aprenderon, pero eu creo que sobretodo aprenderon o fantástico gusto por viaxar, por descobrir, por querer ir un pouco máis alá, por perder o medo e como din na Irlanda (aínda que estivéramos en Inglaterra): “un estraño é un amigo ao que aínda non coñeciche”.

As persoas que ides recibir no aeroporto de Vigo son os vosos fillos e fillas, pero agora saben máis, agora viviron máis, agora van querer máis… e iso é xenial. Avante! 🙂

E con isto e co voso permiso despídome eu e vou pensando en ir para cama, que toca madrugón e viaxe das longas. O dito, foi un pracer. Ata sempre!

Thank you group! You’ve been great. Be proud of yourselves, you deserve it 🙂

Godalming 04/10 – Debutar no fútbol marcando goles!

Boas!

Esta mañá trocamos o lugar habitual de espera polos buddies, pasando da recepción (demasiado pequena e barulleira) ao salón de actos, e mentres alguns conversaban houbo quen decidiu matar o tempo tocando o piano… Que bonita forma de comezar a xornada! 🙂 Non poño fotos diso porque tristemente saíron todas a contraluz :'(

Despois das clases chegaron novas actividades deportivas en pavillón, que aínda que continua sen chover as nubes non deixan de ameazar. Desta vez dímoslle ao deporte inglés máis famoso no mundo… fútbol! Típico? Depende! porque usamos unhas regras especiais que explicamos ben para igualar equipos e talentos:

Primeiro practicamos un pouco, porque había quen nunca xogara, e despois chegou o partido. E que tiña de especial entón? Que non había foras (máis fácil para continuar o xogo) e só podían marcar as rapazas! Así que todos os rapaces tiñan que xogar para elas facilitando pases 😉

Se ao principio había quen dicía “eu isto non o podo fazeeer”, “eu nunca xoguei a fútboool”, “son fataaal”… ao final houbo quen acabou marcando 2 e 3 goles 😀 (e así o conto xa cambia! haha).

Aquí estamos, por exemplo, ao rematar comentando a experiencia, como sempre entre risas e cun ambiente excelente:

Mañán será outro día e, por aquilo de que trocamos a orde das actividades dun par de tardes, faremos algo máis tranquilo: seguiremos parte do fermosísimo paseo do rio Wey desde a escola ata a pintoresca vila de Godalming propiamente dita. É pequerrecha, pero moi curiosa… xa vededes! 🙂

PD. A escola está no que sería o “concello” de Godalming, pero o que ten máis perto é a aldea de Farncombe, non a “capital”.

Godalming 03/10 – De compras por Guildford

Hoxe tocaba facer visita institucional ao Concello de Godalming pero, por problemas de axenda do alcalde, adiamos iso para a próxima semana e trocamos pola segunda visita á linda cidade de Guildford, que xa coñecíamos de antes.

Antes de nada, iso si, fixemos a foto “oficial” de grupo. Aquí están posando na porta da xa totalmente familiar Broadwater School con algúns dos seus buddies (mágoa que non puideran estar todos e todas!):

E xa que saímos un pouco antes porque na escola era día de “portas abertas” (cando pais e nais veñen de visita para decidiren se queren levar aí os seus fillos o próximo curso), deu tempo a mudaren de roupa e camiñar ata a xa tamén familiar estación de tren de Farncombe:

Chegamos a Guildford nun instante e unha vez alí as instrucións foron claras: tiñan a tarde libre para pasear e ir de compras, pero con hora límite e, de todas formas, tanto Alex (o coordinador local) como eu estábamos localizábeis e de “patrulla” na cidade en caso de que os vosos fillos e fillas necesitaran algo:

Pero como son un grupo super-responsábel e con sentidiño obviamente non fixo falta a nosa intervención para nada 😉

Aquí están saíndo da estación de Guildford dirección ao centro que, ben, realmente está ao lado porque é unha cidade pequena:

E así pasaron catro horas como se nada! Agardemos que non compraran tanto que superen o peso permitido da equipaxe, hehehe… pero seguro que non, que non mirei eu que levaran tantas bolsas! 😀

Mañán sera outro día! (e continua sen chover e facendo “calor”, alucinante).

PD. Lembrade que vanse colocando todas estas fotos e máis na seguinte ligazón directa: https://www.flickr.com/photos/159579612@N07/albums/72157673902139848  (clicade ou facede un corta/pega)

Godalming 26/09 – Quiz time!

Terceiro dia, isto xa está controlado 🙂

Máis clases e máis experiencias únicas a cada momento. Realmente, son cousas que nunca voltarán a suceder… Pero antes de que nos poñamos filosóficos dicir tamén que houbo momentos para xogos! 😀

Hoxe fixemos un “Quiz“, é dicir, un xogo de preguntas e respostas por equipos típico destas illas. Existen diversas modalidades e neste caso usamos unha versión simple.

Os “quizzes” son algo que está totalmente metido na cultura popular. É unha actividade habitual onde se organizan grupos de amigos, familias etc que depois compiten ben sexa por un premio, para axudar nunha causa benéfica ou o que faga falta. Algúns tómanno super en serio!

Así que, antes de nada, con axuda de Suzie (o noso contacto local) explicamos un pouco a dinámica e fixemos os grupos:

E a partir daí comezaron os “piques”, tal e como farían os ingleses 😉 O dito, é como xogar un trivial ou como se fora un concurso da tele, pero en grupos organizados que moitas veces se manteñen ao longo dos anos.

Creo que os nosos rapaces e rapazas entenderon ben como vai a cousa e desfrutaron bastante, e entenderon tamén como este tipo de actividades poden chegar a ser tan populares noutros países.

Mañán máis! Pero iso será mañán 🙂

PD. Mentres esperávamos por Suzie e antes de montar nada tivemos un instante para posar con algúns dos xa inseparábeis “buddies“. Aquí os vosos fillos e fillas con Jeven, Salvatore e Lily, da Broadwater School:

Godalming 24/09 – Primeiro día, primeiras impresións

Hello desde o precioso Godalming, no condado de Surrey, Inglaterra (o sitio é realmente bonito, iredes mirando nas fotos).

Aproveito a oportunidade para presentarme agora a quen non puidera saudar onte na saída de Vigo: son Xoán, o monitor do grupo, e terei o prazer de irvos informando de todas as actividades do grupo de Godalming, tanto dentro da Broadwater School como fora.

Pois así foi que chegamos ao aeroporto de Heathrow na tarde do 23 sen maior problema

 

e pasadas as 8 (hora local) xa ao noso destino final, onde todos os vosos fillos e fillas foron calurosamente acollidos polas súas host families.

Hoxe luns 24 erguimos cedo (aquí os días acaban antes pero tamén comezan antes) e completamos o primeiro día de instituto en Inglaterra e a experiencia foi todo un éxito.

O primeiro foi asignar os buddies (os “colegas”), os estudantes ingleses que irán facendo de anfitrións do noso grupo no día a día e entre clase e clase. Daí pasamos xa á “rutina” do instituto, só que esta rutina é en inglés… 😉 Así todo o mundo xa sabe máis ou menos como funciona a cousa e que agardar dos próximos días.

Depois das clases chegaron as actividades da tarde, que para hoxe consistían nun obradoiro de teatro no que contamos coa axuda de catro estudantes locais. Apesar dalgúns lóxicos problemas de comprensión (para iso estamos aquí! 😀 ) a cousa foi bastante divertida. Marchamos todos e todas para casa entre risas!

E iso por hoxe… Xa iremos contando máis cousas así como vaian pasando.

See you!