Godalming 01/10 – Modelos e modistas por un día

Olá! Alguén nos botaba de menos? 🙂

Despois do éxito da visita a Londres o pasado sábado (pinchade na ligazón para refrescar a memoria) hoxe tivemos tempo para contarnos o que fixemos o domingo por separado.

Houbo quen foi a boleira, quen foi facer patinaxe sobre xeo, quen foi de visita a Stonehenge, quen tivo unha festa de “cumpre” porque lle coincidiu aquí… Seguro que xa vos foron informando en privado, non? Ben, o importante é que as host families son un encanto e que todo o mundo chegou ao instituto pola mañá cun sorriso na cara. Iso non ten prezo 🙂

E para continuar na boa, ao acabarmos as clases tivemos unha actividade orixinal, un Fashion Show, un espectáculo de moda. Suzie organizou tres grupos que tiñan que deseñar e fabricar un “modelito” con papel de xornal co que desfilar despois. Xa imaxinades o panorama 😀

Para variar, faltoulles tempo para ir ao tema e poñer en marcha todo o seu talento creativo! Tanto “modelos” como “modistas”. O deste grupo é moito 😉

Un posado previo antes do gran momento dos e das escollidas para amosar tan finas roupas (entre eles buddies ingleses, unha delas unha rapaza que aínda non fixera unha actividade de tarde connosco, na que se meteu sen sabelo a coitada!):

E a continuación as risas foron aínda a máis co desfile a ritmo de música. Algunha xente que pasaba polo corredor paraba un instante a ver, porque non entendían que facíamos no seu salón de actos a golpe de luns pola tarde. Nada, uns sosos, para divertidos nós:

E así rematamos a tarde. O seguinte foi xa voltar para casa facendo unha escala no parque do lado, aproveitando a boísima tarde de sol que quedou. Uf, continuamos tendo unha sorte espectacular co tempo por estas terras a estas alturas do ano…

Ata mañán! 🙂