Nottingham: excursión a Chatsworth House! – 09/07

Ola a todos 🙂

Este sábado foi a nosa primeira excursión de día completo, tratou dunha casa señorial chamada Chatsworth, propiedade dos duques de Devonshire e na que se grabou unha película tan famosa como a adaptación de 2005 da novela de Jane Austen Orgullo e Prexuízo. 

Comezou a viaxe pronto pola mañá cunha volta polo exterior, no que hai un cabalo mecánico que se move unha vez por hora. Cando chegamos non tivemos tempo de velo ben, pero por fortuna para os rapaces, puideron velo en acción máis tarde e gravar vídeos e facer fotos. Posteriormente dividímonos en dous grupos e comezamos o tour dentro da mansión, onde apreciaron cómo eran as habitacións dos duques e os distintos elementos artísticos que as decoraban.

Unha vez rematado o tour, partimos nunha excursión polos xardíns ao redor da casa, que son inmensos. Nun deles, atopamos un labirinto cunha plataforma elevada no centro, e dixemos ‘vamos intentar atopala, por qué non?’. Bueno, hai que admitir que non foi tan fácil como pensabamos, pero foi todo un éxito ao final, e quedou un bo recordo de todos os rapaces intentándose axudar entre risas mentres recorrían os pasillos do labirinto.

Tamén vimos unha fonte enorme e fixemos unha foto xusto diante da fachada que se ve na película, que fai o papel da casa de Pemberley. Finalmente, tiveron algo de tempo libre para explorar e descansar 🙂

Jorge e Lucas

Laura, Diego, Lucas, Sofía e Pedro xogando ás cartas no descanso

Mañá terán tempo para desfacerse por fin de todo o cansancio dos primeiros días. Despedímonos un día máis e feliz domingo!

Aida e Noe

Nottingham: toma de contacto – 08/07

Ola de novo!

Hoxe foi a primeira toma de contacto dos rapaces coa cidade na que estamos a residir, e foi bastante exitosa para aínda non ter moito costume do lugar! Chegamos ao punto de encontro sobre as nove, e intercambiaron impresións sobre as host family, que foron boas en xeral. Algúns deles comparten casa con estudantes franceses cos que tamén coincidirán nas aulas.

Posteriormente visitamos a facultade, na que os mozos e mozas recibiron a benvida ao programa e coñeceron á profesora Lauren, coa que realizaron a proba de nivel,  da que coñecerán os resultados o próximo luns.

 

Logo Lauren levounos a visitar The Arboretum, preto da facultade, onde sentaron en círculo e puideron falar e coñecerse mellor, xa que recordámosvos que son catro coles diferentes polo que aínda están familiarizándose coas caras. Tiveron algo de tempo para explorar o parque e despois xantamos e tomamos o sol.

Logo do ‘lunch’ reunímonos outra vez con Lauren para comezar o tour da cidade. Comezamos no centro, onde fixemos algunhas fotos e tamén unha pequena parada para coller os pases do bus que van utilizar toda a estadía. A parte que máis lles gustou foi a estatua de Robin Hood, na que fixemos varias fotiños, incluso coa pose del! 🙂

Finalmente, rematamos a actividade no cole, onde algúns marcharon coas súas host family, outros agardaron aos estudantes franceses das súas casas para marchar, e outros que foron xa probando a coller o transporte público por eles mesmos.

Biquiños e ‘falamos’ mañá!

Noe e Aida

Nottingham: chegamos! – 07/07

Ola familias!

Hoxe foi un día intenso para o noso grupo. É verdade que comezamos con bastante présa e tivemos pouco tempo para coñecernos, pero bueno, tivemos uns voos moi agradables!

Unha vez aterramos en Manchester saímos cun pouco de retraso cara o noso destino, pero estando xa no bus, tivemos por fin a oportunidade de falar con máis calma e comentar a mañá. Tras un longo traxecto no que se facían visibles as caras de cansancio, finalmente chegamos ao punto de encontro onde cada un puido coñecer e marchar coa súa host family.

Despedímonos aquí, temos que recuperar forzas para comezar xa co primeiro día nas aulas, ata mañá!

Noe e Aida

 

Presentación Monitoras – Nottingham

Boas tardes a todos e todas!

Nós seremos as monitoras que vos van acompañar durante as próximas semanas de estancia en Nottingham. Imos usar esta entrada do blog para que nos coñezades un pouquiño antes do encontro no aeroporto.

O meu nome é Noelia e na actualidade estou finalizando o Grao en Linguas Estranxeiras. Fai xa bastantes anos tiven a sorte de participar no programa Vigo en Inglés como estudante, que foi a miña primeira aventura fóra da casa, e á que lle seguiu tempo despois o programa Erasmus+. Experiencias como estas abren moitas portas tanto lingüística como culturalmente, polo que teño ganas de vos acompañar e axudar nesta vivencia tan proveitosa.

Eu chámome Aida, son do concello de Teo e estudio na Universidade de Santiago, por iso esta experiencia tamén é nova para min, posto que ao non ser de Vigo non coñecía este programa de antes, como algunhas das miñas compañeiras. Porén, teño moitísimas ganas de comezar xa e coñercervos a todos e todas canto antes. Espero que esta oportunidade vos resulte moi enriquecedora e que a disfrutedes un montón, e saibades que tanto eu como a miña compañeira estamos á vosa disposición para calquera dúbida, cuestión ou problema que teñades. 

Acordade ter todo en orden chegado o momento para evitar contratempos de última hora (non esquezades o pasaporte e o permiso paterno!) Vémonos prontiño. 

Unha aperta,

Aida e Noe