Nottingham: xogando aos bolos – 27/07

Queridas familias,

Achegámonos ao final! Este mércores foi o último día en Nottingham, e como non podía ser de outra forma e podedes imaxinar, disfrutamos ao máximo cunha xornada de descanso pero tamén de diversión tras tres semanas de esforzo nas aulas.

A mañá foi moi tranquiliña, nas clases os rapaces recibiron as notas do project que entregaron onte (que foron moi boas por suposto!) e puideron relaxarse vendo unha peli. Unha das dúas clases nas que están divididos, por exemplo, viu Orgullo e Prexuízo, o filme que se grabara en Chatsworth House, o obxecto de visita da nosa primeira excursión de día completo! Fíxolles moita ilusión 🙂 e ao rematar a clase déronlles unha tarxetas con dedicatorias de todos que emocionaron enormemente ás profes Lauren e Janaya.

A clase de Janaya!

Algo despois tivemos unha despedida todos xuntos no salón de actos do cole, no que se lles fixo entrega dos certificados que recollen toda a información académica importante destas tres semanas: os resultados dos exames, das presentacións en grupo…todo consta nese papel xunto ao seu nivel oficial de inglés e comentarios individuais.

Posteriormente desfrutamos dun apacible lunch no Arboretum, o parque preto do cole ao que xa fomos algunha vez na primeira semana, e despois puxemos rumbo á bolera xunto cas profes. Foi unha partida moi intensa, xa que todos os cinco grupos nos que nos tivemos que dividir estabamos moi igualados, así que pouco importou ao final quen quedou en que posto dado que tivemos todos resultados bastante similares. Para algúns foi a súa primeira vez e hai que recoñecer que foi de sobresaínte!

Cando rematamos de xogar, tivemos a despedida coas profes. Intercambiaron palabras de aprecio, abrazos, e fixeron fotos con elas, un aplauso para Lauren e Janaya por ser as mellores profes!

Mañán será un día longo e tamén a última entrada sobre esta marabillosa experiencia, nós deixámosvos aquí antes de que nos poñamos cursis. Vémonos axiña familias.

 

Unha aperta

Noe e Aida

🙂 A clase de Lauren (+ Pablo Pillado de infiltrado)

 

Nottingham: coñecendo a council house – 25/07

Bo día a todos 🙂

Moi tristemente, entramos na recta final da nosa estadía, qué rápido pasou o tempo!!!!

Precisamente este foi o tema máis sonado das conversacións no break e lunch deste luns: cómo voaron os días nesta especial experiencia. Houbo reflexións sobre como o comezo foi un pouco frouxo, xa que as primeiras actividades non foron as favoritas de ninguén…pero tamén había moito entusiasmo respecto á pasada semana, e moitos comentarios de cómo se sentían contentos coa experiencia e co ben que o están a pasar.

Tras moito falar nestes dous momentos de recreo, partimos cara a council house, onde traballan a alcadesa e outros cargos importantes do concello, coma o sheriff de Nottingham. Foi xustamente o ex-sherrif da cidade quen nos acompañou polo tour que fixemos nas instalacións, xunto ao guía que nos ía explicando feitos históricos importantes da cidade, por exemplo a visita da raíña Isabel II de Inglaterra, da que puidemos apreciar diversas fotos tomadas na mesma sala na que nós fomos recibidos ao chegar.

En canto rematou a visita, quedamos un rato polo centro e demos unha volta pola praza maior de Nottingham, na que acaban de montar unha feria de verán, cunha praia artificial e todo. ‘Vémonos’ mañá no teatro familias!

Saudiños

Noe e Aida

Buscando un osiño de peluche camuflado nun cuadro de Isabel II

Nottingham: Visita a Cambridge! – 23/07

Moi boas queridas familias,

Este foi o último sábado do programa e polo tanto, e tristemente, última excursión de día completo dos nosos rapaces 🙁

O día empezou moi cedo, madrugramos moitísimo para coller o bus que nos levaría a Cambridge, a coñecida cidade no Reino Unido famosa maioritariamente pola súa universidade. Acompañounos Janaya, a profesora que ensina xunto a profe Lauren no cole e que é experta na cidade, e levounos unhas dúas horas chegar, nas que os rapaces estiveron caladiños xa que algún non se despertara de todo aínda.

Unha vez chegamos, fixemos un percorrido polo centro. Vimos o mercado da cidade, paseamos polas rúas principais, nas que están algunhas das 31 colleges que constituyen a University of Cambridge, e detivémonos nun parque a tomar o noso lunch. Cando xa finalizamos, dirixímonos preto do parque ao muelle de punting, actividade típica da cidade que consiste en navegar nun bote no que unha persoa (o punter) rema cunha vara moi moi longa que se impulsa ao tocar no fondo do río. Foi unha actividade moi amena, na que nos tivemos que dividir en tres grupos e que permitiu algo de relax mentres víamos de lonxe algúns dos colleges e escoitábamos feitos históricos que nos ía contando o punter.

O grupo 1 e o grupo 2 cruzámonos no percorrido polo río!

Foto co punter 🙂

Posteriormente, tivemos a sorte de visitar un dos colleges, o Corpus Christi College, no que vimos a súa capela e os seus patios interiores, e finalmente tiveron algo de tempo libre para explorar a cidade: algúns foron ao Fitzwilliam Museum, no que hai antigüidades; outros foron mercar souvenirs para vós os pais jeje…

Pouco despois collimos o bus, e así finalizou o día. Entre Chatsworth House, Newstead Abbey e Cambridge, sen dúbida podemos afirmar que foi este último o que máis lles gustou, polo que cabe decir que rematamos os sábados on a high note (por todo o alto)!

Bicos

Noe e Aida

 

 

Nottingham: Patinaxe sobre o xeo – 22/07

Boas a todos e todas!

Hoxe, antes de comezar as clases, a coordinadora local levounos a unha sala para falar con todos, onde nos deu unha sorpresa. Xa sabiamos que algo andaba argallando posto que o project que debíamos facer hoxe adiantouse, e ademais pediunos que levaramos roupa abrigada, mmm sospeitoso…

Pois resulta que hoxe tivemos a oportunidade de ir facer patinaxe sobre xeo! A coordinadora conseguiu facer unha reserva no National Ice Centre que se atopa saíndo do centro da cidade. Así, despois dunha mañan de clases na que continuamos co proxecto, diriximonos ao centro para comezar a prepararnos para a aventura.

Despois dunha odisea para atopar as tallas correctas, e a preocupación dalgúns por ser a súa primeira vez, logramos montarnos nos patíns e salir á pista; ata as monitoras nos animamos! Debemos admitir que algunha caída houbo, pero ningún accidente grave, e ata descubrimos algunha que outra estrela do patinaxe artístico. En calquera caso, todos e todas se axudaron mutuamente, dándose as mans para non caer, e incluso botaron algunhas carreiras. Deixamos por aquí unhas fotiños para que vexades mellor como foi a experiencia 🙂

Nottingham: excursión a Chatsworth House! – 09/07

Ola a todos 🙂

Este sábado foi a nosa primeira excursión de día completo, tratou dunha casa señorial chamada Chatsworth, propiedade dos duques de Devonshire e na que se grabou unha película tan famosa como a adaptación de 2005 da novela de Jane Austen Orgullo e Prexuízo. 

Comezou a viaxe pronto pola mañá cunha volta polo exterior, no que hai un cabalo mecánico que se move unha vez por hora. Cando chegamos non tivemos tempo de velo ben, pero por fortuna para os rapaces, puideron velo en acción máis tarde e gravar vídeos e facer fotos. Posteriormente dividímonos en dous grupos e comezamos o tour dentro da mansión, onde apreciaron cómo eran as habitacións dos duques e os distintos elementos artísticos que as decoraban.

Unha vez rematado o tour, partimos nunha excursión polos xardíns ao redor da casa, que son inmensos. Nun deles, atopamos un labirinto cunha plataforma elevada no centro, e dixemos ‘vamos intentar atopala, por qué non?’. Bueno, hai que admitir que non foi tan fácil como pensabamos, pero foi todo un éxito ao final, e quedou un bo recordo de todos os rapaces intentándose axudar entre risas mentres recorrían os pasillos do labirinto.

Tamén vimos unha fonte enorme e fixemos unha foto xusto diante da fachada que se ve na película, que fai o papel da casa de Pemberley. Finalmente, tiveron algo de tempo libre para explorar e descansar 🙂

Jorge e Lucas

Laura, Diego, Lucas, Sofía e Pedro xogando ás cartas no descanso

Mañá terán tempo para desfacerse por fin de todo o cansancio dos primeiros días. Despedímonos un día máis e feliz domingo!

Aida e Noe

Presentación Monitoras – Nottingham

Boas tardes a todos e todas!

Nós seremos as monitoras que vos van acompañar durante as próximas semanas de estancia en Nottingham. Imos usar esta entrada do blog para que nos coñezades un pouquiño antes do encontro no aeroporto.

O meu nome é Noelia e na actualidade estou finalizando o Grao en Linguas Estranxeiras. Fai xa bastantes anos tiven a sorte de participar no programa Vigo en Inglés como estudante, que foi a miña primeira aventura fóra da casa, e á que lle seguiu tempo despois o programa Erasmus+. Experiencias como estas abren moitas portas tanto lingüística como culturalmente, polo que teño ganas de vos acompañar e axudar nesta vivencia tan proveitosa.

Eu chámome Aida, son do concello de Teo e estudio na Universidade de Santiago, por iso esta experiencia tamén é nova para min, posto que ao non ser de Vigo non coñecía este programa de antes, como algunhas das miñas compañeiras. Porén, teño moitísimas ganas de comezar xa e coñercervos a todos e todas canto antes. Espero que esta oportunidade vos resulte moi enriquecedora e que a disfrutedes un montón, e saibades que tanto eu como a miña compañeira estamos á vosa disposición para calquera dúbida, cuestión ou problema que teñades. 

Acordade ter todo en orden chegado o momento para evitar contratempos de última hora (non esquezades o pasaporte e o permiso paterno!) Vémonos prontiño. 

Unha aperta,

Aida e Noe