DUBLIN GRANGE 12/10 – Good bye, Ireland!

Bos días, familias!

Estabamos facendo as nosas maletas pero fixemos unha pausa para contarvos como está indo o final do programa de intercambio dos vosos fillos.

Onte as emocións eran variadas: por ser o último día algúns non querían nin poñer o uniforme, outros, sen embargo, camiñaban polos corredores do instituto con aires melancólicos…

Tamén os vimos nerviosos cando tiveron que facer o test final de inglés, mirade que concentración!

Os alumnos pedíronnos unha festa e fixemos o mellor que puidemos: conseguimos un aula no colexio na que escoitamos música, bailamos entre nós e con outros compis do instituto, comemos “chucherías” e pizza e tamén sacamos unhas últimas fotos de despedida. Aquís vos deixamos algunhas:

Entre baile e baile puidemos saudar ao director do instituto, que veu para preguntarnos como fóra a nosa estadía no centro e desexarnos unha moi boa viaxe.

Agora mesmo estamos preparándonos para ir ao aeroporto, recordando a todos e todas que teñen que levar un documento de identidade, unha soa maleta de mano e non pasarse dos 23 kilos e todas esas cousas… Chegaremos a tempo a Vigo? Agardamos unha gran pancarta de benvida!

Moitas grazas a todos e todas por ternos lido ata agora. Mandámosvos unha aperta moi grande dende o Norte e xa esta noite nos vemos na nosa querida e adorada cidade olívica.

(Vide recibilos con comida española, estarán moi agradecidos) 😀

Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 11/10 – Despedíndonos de Dublín

Good morning!

Como sabedes, o venres poñemos rumbo a casa! As emocións son moi variadas por aquí: hai quen está desexando durmir na súa cama e probar a comida galega de sempre, hai quen quedaría aquí outro mes sen dubidalo. De tódalas maneiras, a partida é inminente e iso non podemos evitalo, así que estamos tentando sacar o máximo proveito destes días.

Onte visitamos de novo a capital de Irlanda e os estudantes tiveron moito tempo libre para desfrutar destes últimos momentos na big city. Despois de darnos unha volta por O’Connell Street camiñamos ata o Trinity College. Tivemos unha temperatura moi suave e algún que outro raio de sol, pero tamén choveu durante uns minutos.

Algunhas persoas do grupo aproveitaron para visitar a biblioteca do Trinity College, unha das máis antigas e coñecidas de Europa dado que contén unha das escasas copias do “Libro de Kells” (Leabhar Cheanannais en irlandés). Este libro, tamén coñecido como o Gran Evanxeliario de San Columba, é un manuscrito ilustrado realizado por monxes celtas no ano 800 en Kells, unha vila de Irlanda.

Aquí vos deixamos unha foto de grupo para que vexades que os vosos retoños seguen tan guapiños e activos coma o primeiro día.

Nesta cidade pasamos todos xuntos moi bos momentos. Para algúns era a primeira vez que estaban nunha urbe tan grande e cosmopolita. De seguro en adelante prestarán máis atención cando viaxen, serán máis resoltos cando teñan un problema e sentirán menos reparo para lanzarse a falar unha lingua estranxeira.

Ata mañá!
Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 10/10 – Museo de Historia e artes decorativas

Moi bos días aos nosos lectores e lectoras favoritas:

Como estades? Xa botades moito de menos aos vosos fillos e fillas? Xa non queda nada para que vos xuntedes!

Onte tivemos a última saída en grupo. Como voa o tempo! Pola mañá collemos o tren e máis o tranvía para desprazarnos ata un dos moitos museos que se engloban no National Museum of Ireland. Desta vez escollemos un de historia e artes decorativas, perto do centro de Dublín, que non deixou a ninguén indiferente.

Cando chegamos nos impresionou o tamaño do museo, era enorme!

Dividímonos en dous grupos e visitamos algunhas das salas (foi imposible ver todo en tan pouco tempo). Aproveitamos para saber un pouco máis sobre o conflicto bélico irlandés a través do tempo. Tamén é verdade que entre visita e visita houbo quen aproveitou para pintar e colorear unha bonita postal, pois o museo fixo vinte anos e había que celebralo. Como vedes, entretenemento para todos os gustos!

Pola tarde volvimos ao instituto para desfrutar dunha película en inglés (“Nerve”) e mellorar así os nosos coñecementos da lingua. Esta vez si que se puideron poñer cómodos nas aulas sen que os profes lles chamaran a atención. Luces, cámaras e acción!

Para cada un dos estudantes todas estas lembranzas se convertirán tamén nunha parte importante das películas das súas vidas, das que eles e só eles son os protagonistas. As súas monitoras agardamos que sigan desfrutando como ata agora e sacándolle o máximo partido a esta experiencia que está a piques de rematar.

Seguiremos informando,
Andrea e Gabriela

 

DUBLIN GRANGE 9/10 – Traballo con madeira

Boas noites!

Aquí estamos outra vez con máis novidades!

Esta mañá algúns dos nosos estudantes tiveron a sorte de asistir a unha clase na que lles ensinaron como cambiar os pneumáticos do coche. Verdade que é unha aprendizaxe moi útil? É que o cuarto da ESO de Irlanda non é coma o noso; aquí se toman un ano máis relaxado para aprender a facer moitas cousas diferentes (cociñar, falar outros idiomas, coidar do seu corpo, asistir a conferencias e visitas culturais, crear obxectos con diferentes materiais,…) Trátase de que o alumnado teña moitas experiencias variadas para madurar e saber mellor o que quere facer no bacharelato e na universidade. Aquí temos a Miguel poñendo a proba as novas habilidades adquiridas:

Pola tarde todo o grupo puido desfrutar dunha nova actividade: traballo con madeira. Nun taller moi ben preparado e equipado cada un foi quen de crear un salvamanteis para apoiar as teteiras ou as cacerolas moi quentes. Ata puideron gravar os seus nomes!

A verdade é que o obradoiro de traballo en madeira se alargou un pouco máis da conta porque todos se aplicaron moito e foron moi coidadosos coas súas pezas. Agora os rapaces están preocupados porque non saben se con isto e o soporte para velas do outro día van ter sitio dabondo nas maletas! Están pensando en vender as súas creacións a prezos moi pouco razoables. Ollo porque se lles está subindo a fama de artistas á cabeza! 😉

Un saúdo e ata mañá, familias.

Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 7/10 – Castelo de Kilkenny

Ola de novo!

Ésta foi, por desgraza, a última fin de semana que pasamos en amor e compañía, pero soubemos aproveitala.

O sábado marchamos en autobús a Kilkenny, con outro grupo de estudantes de PiliVigo. Nada máis chegar, atopamos a un rapaciño duns 11 anos tocando a guitarra e cantando na rúa e nos quedamos para escoitalo e botarlle algunhas moediñas. Que arte!

Nesta vila tan pintoresca, tranquila e bonita, visitamos algunhas igrexas moi antigas e demos unha volta antes de entrar ao seu famoso Castelo.

Cando chegou por fin o momento de entrar ao Castelo, unhas guías moi simpáticas nos agardaban para contarnos todos os detalles. Por dentro todo estaba remodelado para que puideramos facernos unha idea de como vivían os seus habitantes hai moitos séculos.

Foi un día moi interesante e, de novo, tivemos moita sorte coa meteoroloxía!

Seguiremos informando,
Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 6/10 Aprendemos a facer scones!

Good morning, everybody!

O pasado venres desfrutamos dunha actividade moi divertida: fixemos os famosos scones que tanto se comen por aquí.

Resulta que neste insti teñen unhas aulas onde ensinan ao alumnado a cociñar na materia de Home Economics. Estas aulas están equipadas con fregadeiro, forno, mesas e todo tipo de utensilios. Os rapaces e rapazas vestíronse cos seus mandís e seguiron as instruccións das monitoras en grupos de tres.

Empezaron a amasar e os mandís foron tornándose brancos de tanta fariña, pero estaban moi entretidos!

Ademáis de aprender sobre cociña fomentaron as súas habilidades de comunicación e traballo en equipo.

O postre que estaban a facer empezou a tomar forma…

E por fin… chegou o resultado final! Que ricooo! As monitoras puidemos probar este manxar feito polos estudantes e damos fé de que non estaba nada mal. Menuda merenda nos pegamos entre todos. Só nos faltaba o té para acompañalo!

Lembrade que podedes atopar máis fotos de todos os días facendo click no seguinte enlace:

FOTOS DUBLIN GRANGE 2017

Saúdos,
Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 5/10 – Visita a Bray e Hurling

Queridos papás e mamás:

Onte foi para nós un día moi completo. A verdade é que estamos sorprendidas, non sabemos de onde sacan a enerxía os vosos retoños!

Como tan só queda unha semana para que volvamos, aproveitamos para levalos a un sitio precioso que aínda non coñecían, a vila de Bray. Tivemos moita sorte co tempo, que nos brindou momentos de calma e sol nas súas praias, conversando e compartindo as vivencias dos últimos días (dálles moita pena marchar, ou iso nos comentan!)

Os máis enérxicos non se deixaron engatusar pola suave brisa do mar e decidiron subir ata o alto da montaña que está ao lado da costa para contemplar as paisaxes dende máis arriba. Esta é a foto que nos amosaron ao baixar, que envexa!

Pola tarde volvimos cara Malahide para asistir á actividade deportivas que estaba planificada. Tocounos probar un pouco de Hurling e a verdade é que non lle demos nada mal. Mirade que estilazo teñen Paloma e Malena e como se aplica Clara.

Imos rematar por hoxe porque seguro que tedes xa os dentes largos e estades desexando vir para aquí con nós. A verdade é que cada día o pasamos mellor ca o anterior e tentamos non deixarnos amedrentar polas temperaturas máis baixas destes lares.

Seguiremos informando!

Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 04/10 – Natural History Museum

Bos días, familias:

Hoxe queremos amosarvos algunhas fotos da nosa visita ao Museo de Historia Natural, que, segundo nos comentou o noso guía, tamén se coñece aquí como o “Death Zoo” por ter moitas especies animais disecadas en exposición.

Algúns dos estudantes desfrutaron moito e a outros deulles algo de repelús, pero todos pasaron unha tarde diferente e entretenida entre as paredes do museo. Máis tarde fomos ata o Trinity College e imaxinamos que eramos estudantes universitarios dublineses, preparando os nosos exames nuns edificios dignos da película de Harry Potter.

Rematamos o día con algo de tempo libre para que os máis presumidos puideran realizar algunhas compras ou tomar un delicioso xeado (aquí están a venta en todas as épocas do ano!).

Saúdos das monitoras,

Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 03/10 – Traballando con metal

Bos días de novo,
Xa chegamos á metade da nosa experiencia en Irlanda, mais seguimos aprendendo cousas novas cada día.

Onte os estudantes puideron desfrutar dun obradoiro diferente a todos os demais, no que fabricaron os seus propios soportes para velas a partir dunha peza de metal.

Mirade como se aplicaron!

O profesor de tecnoloxía deulles as instruccións necesarias para cortar, lixar e moldear o metal e, acto seguido, puxéronse mans á obra.

Verdade que parecen profesionais? As ferramentas producían ruidos estridentes que levantaron algunha que outra dor de cabeza, pero pagou a pena soportalo. Cada estudante fabricou o seu propio aparello e remataron moi satisfeitos 🙂

Temos unha panda de artistas!

Seguiremos informando,

Andrea e Gabriela

DUBLIN GRANGE 02/10 – Visita a Galway

Bos días a todos e a todas!

Esta semana estamos a ter moita sorte, xa que o instituto estivo pechado dous días e puidemos visitar moitos sitios fermosos de Irlanda.

Onte tocou viaxar ao outro lado do país: a illa é tan pequena que puidemos atravesala e chegar á costa oeste en tan só dúas horas e media… (En realidade, por culpa do tráfico, foi un anaquiño máis… Pero que ben o pasamos xogando no autobús!)

Cando chegamos a aqueles lares paramos primeiro na costa de Salthill e comprobamos que é certo iso que din sobre o tempo en Irlanda: é posible vivir as catro estacións do ano na mesma mañá! Cando baixamos do autobús, precisabamos as gafas de sol e cando botamos a andar, caiunos enriba unha boa tromba de auga. Mirade, aquí estabamos posando antes de saber que rematariamos mollados coma pitos!

Despois fomos por fin ao centro de Galway e, a pesares do vento, desfrutamos paseando polas súas rúas cheas de vida e de visitantes de todas partes. Había músicos que, entre canción e canción, tiñan que resgardarse da chuvia para máis tarde seguir o concerto. Aquí a xente non protesta, adáptanse a todo! A catedral é preciosa e, por sorte, fixo sol durante toda a nosa visita.

Como estabamos tan lonxe da vila onde vivimos, tivemos que irnos bastante cedo, e no bus de volta algúns aproveitaron para botar unha boa soneca.

Foi un día moi divertido, pero hoxe xa tivemos que volver ás aulas… O bo non dura eternamente! 🙂

Andrea e Gabriela