DUBLIN GRANGE 9/10 – Traballo con madeira

Boas noites!

Aquí estamos outra vez con máis novidades!

Esta mañá algúns dos nosos estudantes tiveron a sorte de asistir a unha clase na que lles ensinaron como cambiar os pneumáticos do coche. Verdade que é unha aprendizaxe moi útil? É que o cuarto da ESO de Irlanda non é coma o noso; aquí se toman un ano máis relaxado para aprender a facer moitas cousas diferentes (cociñar, falar outros idiomas, coidar do seu corpo, asistir a conferencias e visitas culturais, crear obxectos con diferentes materiais,…) Trátase de que o alumnado teña moitas experiencias variadas para madurar e saber mellor o que quere facer no bacharelato e na universidade. Aquí temos a Miguel poñendo a proba as novas habilidades adquiridas:

Pola tarde todo o grupo puido desfrutar dunha nova actividade: traballo con madeira. Nun taller moi ben preparado e equipado cada un foi quen de crear un salvamanteis para apoiar as teteiras ou as cacerolas moi quentes. Ata puideron gravar os seus nomes!

A verdade é que o obradoiro de traballo en madeira se alargou un pouco máis da conta porque todos se aplicaron moito e foron moi coidadosos coas súas pezas. Agora os rapaces están preocupados porque non saben se con isto e o soporte para velas do outro día van ter sitio dabondo nas maletas! Están pensando en vender as súas creacións a prezos moi pouco razoables. Ollo porque se lles está subindo a fama de artistas á cabeza! 😉

Un saúdo e ata mañá, familias.

Andrea e Gabriela

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *