DUBLIN GRANGE 02/10 – Visita a Galway

Bos días a todos e a todas!

Esta semana estamos a ter moita sorte, xa que o instituto estivo pechado dous días e puidemos visitar moitos sitios fermosos de Irlanda.

Onte tocou viaxar ao outro lado do país: a illa é tan pequena que puidemos atravesala e chegar á costa oeste en tan só dúas horas e media… (En realidade, por culpa do tráfico, foi un anaquiño máis… Pero que ben o pasamos xogando no autobús!)

Cando chegamos a aqueles lares paramos primeiro na costa de Salthill e comprobamos que é certo iso que din sobre o tempo en Irlanda: é posible vivir as catro estacións do ano na mesma mañá! Cando baixamos do autobús, precisabamos as gafas de sol e cando botamos a andar, caiunos enriba unha boa tromba de auga. Mirade, aquí estabamos posando antes de saber que rematariamos mollados coma pitos!

Despois fomos por fin ao centro de Galway e, a pesares do vento, desfrutamos paseando polas súas rúas cheas de vida e de visitantes de todas partes. Había músicos que, entre canción e canción, tiñan que resgardarse da chuvia para máis tarde seguir o concerto. Aquí a xente non protesta, adáptanse a todo! A catedral é preciosa e, por sorte, fixo sol durante toda a nosa visita.

Como estabamos tan lonxe da vila onde vivimos, tivemos que irnos bastante cedo, e no bus de volta algúns aproveitaron para botar unha boa soneca.

Foi un día moi divertido, pero hoxe xa tivemos que volver ás aulas… O bo non dura eternamente! 🙂

Andrea e Gabriela

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *