Dublin Grange 30/09 – Excursión a Glendalough

Onte, sábado, estivemos nun dos sitios máis bonitos de Irlanda: o val de Glendalough.

Collemos o autobús moi cedo e comezamos o día cantándolle “Happy Birthday” ao noso compañeiro Miguel, que onte facía 15 anos. Así nos aseguramos de que o conductor estaba ben esperto.

Cando chegamos, os nosos guías explicáronnos un pouco de historia sobre o Monasterio e a súa torre, tan alta coma no conto de Rapunzzel. Sabedes por que a porta da torre está a tantos metros do chan? Porque cando eran atacados, os monxes metíanse na torre cunha escalaeira de madeira e despois recollían a escaleira para que ninguén os puidera alcanzar alí dentro. Gardaban con eles as cousas máis valiosas, coma o ouro, ata que os invasores marchaban.

Despois contemplamos un dos fermosos lagos (o nome do sitio, Glendalough, vén do irlandés e significado terra de dos dous lagos), fixemos unhas cantas fotos de grupo e comezamos a andaina cara a montaña.

A todos e todas lles custou manter o ritmo, foi unha andaina moi esixente e rematamos suando, pero as vistas que tivemos ao chegar arriba pagaban a pena:

Tomamos os nosos bocatas e aproveitamos para descansar mentres respirabamos o aire puro da montaña.

Cando chegamos de volta abaixo, os estudantes case non o podían crer. As monitoras démoslles a noraboa, estabamos moi orgullosas deles!

Rematamos a tarde parando no centro comercial e aproveitamos para sorprender a Miguel cunha tarxetiña de cumple ben merecida.

E isto é todo por hoxe. Desexamos que pasedes un moi bo domingo,
Andrea e Gabriela

Dublin Grange 29/09 – O día máis completo!

Boas noites papis e mamis!

Hoxe tivemos un día fantástico no que fixemos un montón de cousas diferentes pola cidade de Dublín.
Como o instituto estaba pechado visitamos o zoo da capital e tamén paseamos polo parque Phoenix, un dos máis grandes de toda Europa (dos que están en cidades). O veraniño de San Miguel chegou tamén ate o Norte e nos brindou un solciño estupendo durante -case toda- a xornada.

Pola tarde cambiamos as paisaxes naturais por paisaxes arquitectónicas e entramos na National Gallery of Ireland para contemplar cadros de tódalas épocas. Algúns alumnos marcharon na procura das obras de Picasso e Velázquez sen dubidalo. Claro… Non é o mesmo velas nos libros que en directo!

E como lles gusta tanto ter tempo libre na cidade, rematamos o día paseando e facendo compras por Graffton Street, no sen antes recibir unha boa “ducha” de auga fría (aquí chaman “showers” aos periodos curtos nos que chove moi intensamente).

Xuntámonos no punto de encontro para volver a casa e.. adiviñades o que pasou? Rematamos cantando a coro o “Despacito” cun artista de rúa moi simpático que movilizou a todo o grupo para dar un show único no medio de Dublín. De aquí a Brodway!

Seguiremos informando,
Gabriela e Andrea

Dublin Grange 28/09 Irish dancing

Benvidos e benvidas de novo:

Hoxe foi o último día de cole desta semana, pois mañá marchamos de excursión. Como había moita ledicia no ambiente por esta fin de semana tan larga que nos agardaba, aproveitamos moito a clase de Danza Irlandesa á que asistimos esta tarde.

Coma sempre, camiñamos ata a estación de tren e alí os estudantes aproveitaron a espera para descansar un chisco, compartir anécdotas ou xogar cos seus teléfonos, como vedes na foto.

whatsapp-image-2017-09-28-at-20-41-54-2

Pero en canto chegamos ao Grand Hotel… Tadaaan! Empezou o show!whatsapp-image-2017-09-28-at-20-41-53

Dúas bailarinas con moita experiencia -e sobre todo moita paciencia- comezaron por ensinarnos os pasos básicos da danza irlandesa ao ritmo dunha canción de Madonna. Semella doado cando o vemos nos escenarios pero non o é! Custounos bastante.whatsapp-image-2017-09-28-at-20-41-53-1

Os risos non faltaron e liberamos moitas endorfinas mentres socializabamos con outro grupo de estudantes que tamén participou neste evento.

De seguro que esta noite todos durmen coma anxiños, e máis lles vale, porque mañá temos outro día completo con visita a un dos parques máis grandes de Europa… Seguiremos informando!

Andrea e Gabriela

Dublin Grange 27/09 Visitamos a capital!

Bos días de novo!

Onte chegou o momento que todos e todas agardaban : Visitamos a cidade de Dublin!
Despois dunha mañá intensa de instituto, comemos os nosos bocatas e collemos o tren á capital. Que sorte non ter que camiñar ata a parada do tren, porque estivo chovendo. No bus estivemos quentiños/as e secos/as durante todo o traxecto!

Ao chegar, o noso guía amosounos o monumento do Spire, que é unha especie de palo altísimo e plateado que a xente utiliza coma referencia para xuntarse. Nós fixemos o mesmo e separámonos para que cada grupo puidese descubrir a coñecida rúa de O’Connell ao seu ritmo. Pero, primeiro, fixemos un par de fotos de recordo.

Verdade que algúns se disfrazaron moi ben para a ocasión? O noso estudante Efrén converteuse nun Leprecaun estupendo! (Aínda que bastante máis alto ca os auténticos!).
Tamén visitamos the Wall Of Fame, onde figuran moitos dos artistas orixinarios de Irlanda, como os compoñentes de U2 ou Rory Gallagher.

Paseamos, por suposto, polas ateigadas e pintorescas rúas de Temple Bar; posamos ao lado da figura de Molly Malone, contemplamos as características arquitectónicas de Dublín e entramos nas tendas que nos chamaron a atención. Os/as estudantes puideron desfrutar de moito tempo libre e facer algo de shopping no centro.

Pasamos un día marabilloso en grupo a pesares da chuvia. É normal, somos de Galicia!

Gabriela e Andrea

Dublin Grange 26/09 Table Quizz no Grand Hotel

Good morning, everybody!

Onte foi un día tranquilo no que, pola tarde, os estudantes tiveron que poñer a proba os seus coñecementos sobre cultura e sociedade. Despois das clases marchamos ao Grand Hotel de Malahide para participar nunha especie de trivial xigante que aquí chaman Table Quizz.

Para xogar, os estudantes fixeron equipos con alumnos e alumnas de outro grupo de PiliVigo, así tamén aproveitaron para coñecer a novas persoas.

As monitoras tamén quixemos participar, aínda que na parte da música gañáronnos por goleada!

whatsapp-image-2017-09-27-at-08-49-43
whatsapp-image-2017-09-27-at-08-49-42

O equipo gañador resultou ser o que vedes na foto, moi contentos se marcharon para casa cunha bolsa de chocolatinas ben merecidas

whatsapp-image-2017-09-26-at-18-56-56

Ao remate do Table Quizz desfrutamos dun relaxado paseo ao sol, xa que o tempo en Malahide nos mimou moito últimamente por estes lares… Iso si, hoxe xa temos os paraugas abertos. O bo dura pouco, amigas e amigos!

Non esquezades que moi pronto teredes todas as fotos no seguinte enlace:
Colección Vigo En Inglés 2017

Vémonos pronto para seguirvos contando as nosas aventuras por Éire!
Andrea e Gabriela

Dublin Grange 25/09 Primeiro día de insti!

Bos días, familias viguesas:

Onte foi un día moi importante para os estudantes, pois coñeceron por primeira vez o instituto ao que van asistir durante estas tres semanas: Donahies Community School.

Moi cedo, pola mañá, collimos o tren dende Malahide.
– Que elegantes estades! – exclamamos as monitoras
– Diso nada! Menudas pintas! – respondían entre risos elas e eles, que non están habituados aos uniformes.

whatsapp-image-2017-09-26-at-09-09-01

O traxecto transcorreu sen incidencias e na parada de tren agardábanos Chloe, unha alumna irlandesa moi amable que nos amosou o camiño cara o instituto.

Canta xente! Menos mal que o coordinador Bryan lles explicou en que grupos ían estar os estudantes e lles asignou axudantes para que non se perderan o primeiro día. Cada grupo ten un nome, pero as clases non teñen lugar na mesma aula, polo que teñen que ir movéndose durante toda a mañá. É unha boa maneira de coñecer ben o centro. Seguro que nun par de días isto deixa de parecernos un labirinto.

whatsapp-image-2017-09-26-at-09-08-42

Despois das clases xuntámonos todos para comentar as impresións dos estudantes e compartir anécdotas. Habíaas a moreas! E despois do descanso… Hop! Todos e todas a correr! Co entrenador e cunha das mellores xogadoras de fútbol gaélico do instituto (chamada Omorovbiye) pasamos un bo momento cheo de deporte e diversión.

whatsapp-image-2017-09-26-at-09-07-55

whatsapp-image-2017-09-26-at-09-07-51 whatsapp-image-2017-09-26-at-09-06-24

Ao final da actividade dirixímonos ata a estación de tren novamente para volver a Malahide. Como o tren tardou un cachiño en aparecer, aproveitamos para conversar sobre este día tan intenso e cheo de novidades… E isto só é o principio!

Vémonos en próximas edicións!

Dublín Grange 23/09 Visita a Howth

Bos días, familias viguesas!

Como estades? Apetécevos saber un pouquiño máis acerca das aventuras e desventuras dos vosos retoños no estranxeiro? Aquí estamos nós para contárvolo todo!

Onte tivemos unha viaxe bastante longa, xa que o segundo voo saiu unha hora máis tarde. Polo menos, serviunos para coñecernos e falar moito os uns cos outros. Tivemos algunhas “turbulences” durante o voo pero chegamos sans e salvos ao noso destino. Baixamos do avión e algúns xa exclamaban: “Que frío!” e nós pensando: buf… o que lles espera!

Despois de coñecer ás nosas familias de acollida e comer algo quentiño, volvimos xuntarnos co noso guía local para coñecer Malahide e o seu entorno. Evidentemente estabamos moi cansos pero contentos de estar por fin en Irlanda. A vila de Malahide é preciosa e tranquila (recibiunos cun ceo máis ou menos descuberto) e impresionounos coas súas flores en balcóns e terrazas. Resulta que participan nun concurso que premia ás vilas máis ordeadas e limpas. Brian, o guía, explicounos que aquí vive xente con alto poder adquisitivo e por eso había tantos iates no mar.

Malahide

Ao día seguinte, coas pilas xa cargadas, collimos o bus con destino a Howth. Comezamos cunha camiñata polos seus incríbles acantilados e, aínda que a néboa non nos permitiu desfrutar por completo das vistas no horizonte, as paisaxes da costa eran impresionantes.

Howth

Choveu e foi moito vento pero… Que esperabades? Aquí teñen un dito: “Non existe o mal tempo, tan só a roupa inadecuada”. Cos días, estes pequenos descubrirán por que os irlandeses son coñecidos como un dos pobos máis optimistas do mundo.

img_20170923_095837_resized_20170923_090351498 img_20170923_110430_resized_20170923_090351257

Despois de tomar os bocatas e dar unha volta rápida pola vila, chegou o momento que moitos e moitas agardaban… Fomos de shopping ao centro comercial de dúas plantas e infinitas tendas, lonxe da natureza “salvaxe” da illa Esmeralda.

Mañá será outro día e os estudantes poderán socializar coas súas familias de acollida e tamén entre eles. Volveremos o luns para contarvos como foi o primeiro día de cole… Que nervios!

img_20170923_115750_resized_20170923_090350756