Godalming 06/10 – Brighton rocks!

Día grande, día de excursión á vila de vacacións e veraneo por excelencia en Inglaterra, onde veñen artistas, boemios, ricos, non tan ricos, famosos e non tan famosos, capital do movemento LGTB do sur do país, o lugar para ver e ser visto… o fabuloso Brighton!

Aquí xa a primeira hora da mañá no ponto de encontro designado á espera do bus, que chegaba co grupo de Sunbury, os nosos “colegas” de excursión como o pasado sábado a Londres (e, ai! hoxe xa choveu e fixo fresco!):

Brighton é seguramente un dos lugares máis retratados en pelis e series deste país despois de Londres (alguén lembra a mitiquísima Quadrophenia con banda sonora de The Who?). Aparece tamén en moitas cancións como por exemplo a de Brighton Rock do grupo Queen. Empezas a contar e non paras 🙂

Pois ben, hoxe estivemos aí!

A primeira parada obrigada é a praia de pedras de Brighton, que aínda que pareza mentira por aquilo das pedras aquí non hai quen coloque unha toalla no verán. É bastante grande e aproveitamos para facer unhas fotos divertidas dos dous grupos xuntos cun monte de buddies (perdín a conta de cantos viñeron hoxe!):

Seguinte parada, o célebre Brighton Palace Pier, ou peirao de Brighton, unha auténtica tolemia permanente de xogos, postos de comida, atraccións de feira, xente, cores e música. Aqui na entrada explicando un pouco como organizarnos (as caras de alegría xa o din todo 😉 ):

É que unha vez comezabas a pasear por el era alucinante. É tal cal un longo e amplo peirao de madeira e metal que entra no Atlántico onde hai de todo e é exuberante, pero á vez está ben controlado, limpo e ordenado; alegre e barulleiro sen ser enxordecedor ou asoballante. Daba para ir parando a cada catro pasos a ver algo curioso:

Falando de atraccións, debería contarvos onde se montaron algúns e algunhas? 😀 Isto da foto non é nada! Si, si, aí boca abaixo andan algúns “sudadeiras vermellas” de “Vigo en Inglés“. Calma, que saíron rindo aínda máis que cando entraron. Que tropa!

A única pena é que cando acabamos no Pier coincidiu coa choiva e rachas de vento tirando a fresco, “fresco” sendo xenerosos, así que apuramos ata o novo punto de encontro no centro da cidade:

En consecuencia, lamentabelmente, a maioría decidiu quedar nun centro comercial e só uns pouquiños se aventuraron ata as Laines apesar do vento e da auga.

As Laines son unha rede de ruelas cheas de pequenas tendas de todo tipo, cafeterías, locais de noite, etc. Xunto ao Pier e o Royal Pavilion (un palacio imitando o estilo indio que é unha auténtica chaladura) son o máis famoso da cidade, unha desas cousas “a non perder”.

Unha auténtica mágoa, así que xa sabedes, anotade Brighton para unha visita cos vosos fillos e fillas no futuro, a poder ser con bo tempo. Paga a pena! 🙂

E con isto voltamos ás nosas casas, que mañán toca facer cousas coas respectivas host families. Así que despedímonos ata o luns, cando comezaremos a conta atrás da última semana. Bo domingo!

Godalming 29/09 – Xenial visita a Londres

Vale, primeira “gran excursión”, a Londres nada menos! Así que imos facer desta unha entrada especial porque a visita mereceu a pena e o domingo, que é o día coas host families sen actividades comigo, tomamos un descansiño de internet 😉

Pois así con esta alegría chegamos á Waterloo Station a media mañá, unha das estacións de tren máis grandes de Londres:

E daí comezamos un tour pola capital inglesa guiados por Suzie, o noso contacto local, cunha primeira parada no famoso London Eye, unha zona eminentemente turística (aquilo parecía a ONU con xente de medio planeta) pero sempre animada e curiosa:

Daí fumos camiñando á zona do mítico Big Ben e as Houses of Parliament, para o que cruzamos o tamén mítico Westminster Bridge. Pena só que o Big Ben estivera de obras e cuberto de andamios (seica van durar 4 anos!). Esta é unha foto na ponte deixando o London Eye atrás e co río Támesis por debaixo.

E nesa localización tan popular, como non, nunca poden faltar as fotos nas tamén tipiquísimas cabinas inglesas que saen nas pelis (e que están plenamente operativas, por certo):

Andando un pouquiño máis (en verdade o centro de Londres non é taaan grande e é moi fácil de percorrer a pé, digo por se vindes de visita), por fin nos atopamos co grupo de Sunbury, un encontro que estaba programado antes pero os trens hoxe ían todos un pouco lentos. Os de Sunbury son o grupo do progama máis próximo a nós xeográficamente pero que non víramos desde a chegada a Inglaterra.

Foi unha alegría ver o reencontro de bos amigos no centro londinense! Igual que cando se despediron cun “vémonos en Brighton o próximo sábado” (estaremos alí con eles novamente). Así, como se tal cousa, os vosos fillos e fillas xa son “cidadáns do mundo” que quedan cos colegas en tal ou cal cidade inglesa como se nada 😉

Ben, aquí tendes unha foto conxunta dos dous grupos acompañados dalgúns dos seus respectivos buddies locais enfrente de Buckingham Palace, residencia oficial da monarquía británica e centro de recepción dos grandes magnatarios estranxeiros:

E así pasounos o día, paseando á beira do Támesis, descansando no St James’s Park, curioseando por Piccadilly Circus, facendo algunhas compras no Covent Garden (fixeron todo en inglés!) e, en definitiva, desfrutando dunha cidade cosmopolita e vibrante nun espectacular día de sol.

O tempo foise voando e tivemos que regresar a Godalming, claro, así que non vos estrañe que cando volten a casa intenten convencervos de visitar Londres outra vez… Hoxe foi só un aperitivo! 😉

E deixade que volo diga, é un gustazo de grupo. Foi un día fantástico. Realmente, é un prazer estar con todos os vosos fillos e fillas que en todo momento tiveron un comportamento exemplar. Nótase que aquí hai boa madeira para grandes adultos no futuro 🙂

PD. Fixemos moitas fotos máis, que conste, que van sendo subidas pouco a pouco a Flickr. Se aínda non tendes a ligazón ao álbum completo tranquis, que haivos chegar en breve. Aí veredes todas as instantáneas con maior calidade por se as queredes descargar, imprimir, etc.