Godalming 06/10 – Brighton rocks!

Día grande, día de excursión á vila de vacacións e veraneo por excelencia en Inglaterra, onde veñen artistas, boemios, ricos, non tan ricos, famosos e non tan famosos, capital do movemento LGTB do sur do país, o lugar para ver e ser visto… o fabuloso Brighton!

Aquí xa a primeira hora da mañá no ponto de encontro designado á espera do bus, que chegaba co grupo de Sunbury, os nosos “colegas” de excursión como o pasado sábado a Londres (e, ai! hoxe xa choveu e fixo fresco!):

Brighton é seguramente un dos lugares máis retratados en pelis e series deste país despois de Londres (alguén lembra a mitiquísima Quadrophenia con banda sonora de The Who?). Aparece tamén en moitas cancións como por exemplo a de Brighton Rock do grupo Queen. Empezas a contar e non paras 🙂

Pois ben, hoxe estivemos aí!

A primeira parada obrigada é a praia de pedras de Brighton, que aínda que pareza mentira por aquilo das pedras aquí non hai quen coloque unha toalla no verán. É bastante grande e aproveitamos para facer unhas fotos divertidas dos dous grupos xuntos cun monte de buddies (perdín a conta de cantos viñeron hoxe!):

Seguinte parada, o célebre Brighton Palace Pier, ou peirao de Brighton, unha auténtica tolemia permanente de xogos, postos de comida, atraccións de feira, xente, cores e música. Aqui na entrada explicando un pouco como organizarnos (as caras de alegría xa o din todo 😉 ):

É que unha vez comezabas a pasear por el era alucinante. É tal cal un longo e amplo peirao de madeira e metal que entra no Atlántico onde hai de todo e é exuberante, pero á vez está ben controlado, limpo e ordenado; alegre e barulleiro sen ser enxordecedor ou asoballante. Daba para ir parando a cada catro pasos a ver algo curioso:

Falando de atraccións, debería contarvos onde se montaron algúns e algunhas? 😀 Isto da foto non é nada! Si, si, aí boca abaixo andan algúns “sudadeiras vermellas” de “Vigo en Inglés“. Calma, que saíron rindo aínda máis que cando entraron. Que tropa!

A única pena é que cando acabamos no Pier coincidiu coa choiva e rachas de vento tirando a fresco, “fresco” sendo xenerosos, así que apuramos ata o novo punto de encontro no centro da cidade:

En consecuencia, lamentabelmente, a maioría decidiu quedar nun centro comercial e só uns pouquiños se aventuraron ata as Laines apesar do vento e da auga.

As Laines son unha rede de ruelas cheas de pequenas tendas de todo tipo, cafeterías, locais de noite, etc. Xunto ao Pier e o Royal Pavilion (un palacio imitando o estilo indio que é unha auténtica chaladura) son o máis famoso da cidade, unha desas cousas “a non perder”.

Unha auténtica mágoa, así que xa sabedes, anotade Brighton para unha visita cos vosos fillos e fillas no futuro, a poder ser con bo tempo. Paga a pena! 🙂

E con isto voltamos ás nosas casas, que mañán toca facer cousas coas respectivas host families. Así que despedímonos ata o luns, cando comezaremos a conta atrás da última semana. Bo domingo!