25 de setembro. HOXE QUEIMAMOS IRELAND! =)

HOXE QUEIMAMOS IRELAND! =)

Ladies and gentlemen, come on and enjoy the show! Hoxe tivemos un día de película cos nosos rapaces e rapazas!

Coma sempre, as host families trouxeron aos estudantes ao punto de encontro co autobús ás 9 da mañá. Un pouco cedo para un sábado, certo, pero merecía a pena porque iamos visitar a “verdadeira capital de Irlanda” como lle encanta dicir a Goretti, a nosa organizadora local (non hai dúbida da cidade na que naceu! ;D).

Todos e todas foron puntuais e non o creredes, pero non houbo ningún que esquecera a famosa e chachiguai sudadeira vermella de VIGO EN INGLÉS (yihaaaaaa!!).

Foto de grupo freestyle! Con las monitoras en Cobh!

A primeira sorpresa chegou xusto antes de montar no bus, cando Goretti nos dixo que só unha das monitoras podería ir no autobús cos rapaces e que Alba tería que levar o coche ata unha localidade próxima, Mallow. Como o oídes, temos entre nós a unha experta ao volante! Non hai curva, condución pola esquerda ou volante á dereita que se lle resista!

Unha vez en Mallow tivemos o gran reencontro co noso grupo de compis que chegou o xoves pola noite. A duración total da viaxe foi dunha hora e media, pero con tantas anécdotas e experiencias que contar, a verdade é que pasou voando e foi moi agradable para todos nós (monitores incluídos!).

A primeira parada do día foi Cobh (pronunciado /kov/), unha vila a uns 20 minutos ao leste de Cork. E por que fomos aquí, estarédesvos a preguntar? Pois porque ademais de ter unha arquitectura e unhas vistas moi bonitas, foi a última parada do famoso Titanic antes de que se afundira, e iso, queirades que non, atrae turistas! Alí tiramos fotos, fixemos un pouco o parvo, visitamos a catedral e ata falamos con xente que coñecía Vigo! Se é que somos internacionais!

Sí, sí, el Titanic Éxito total!! Chicos formales_ Alba y las chicas_

Cara ás 10:45 saímos para o Fota Wildlife Park, un magnífico zoo natural onde non existen as gaiolas e non saben o que significa a palabra catividade. Alí tivemos tempo libre, polo que cada un puido comer, visitar o parque ou simplemente deitarse ao sol como lle praceu. O parque en si era incrible, xa que puidemos ver máis de 100 especies animais, tales coma xirafas, macacos, tigres, avestruces…

Por se ata aquí non vos parecía un bo plan, dirémosvos que tivemos un tempo de tolos! Sabedes iso que din de que en Irlanda chove todo o tempo? Que non se pode saír sen paraugas…? POIS TODO MENTIRA! Máis ca en Irlanda, parecía que estiveramos nas Canarias. De tanto sol e calor que tivemos ata algún nos atrevemos a quedar en camiseta de manga curta, todo un atrevemento!

Ás 14:30 volvémonos xuntar todos, fixemos máis fotos (e un pouco máis o parvo tamén) e voltamos ao bus para irmos a ese lugar tan esperado…CORK NOOOOOON, PENNIES!!! E é que todos tiñamos unhas ganas inmensas dun pouco de shopping, polo que tivemos un pouco máis de dúas horas para probar modeliños, tomar un frappuccino do Starbucks e pasear pola cidade. Foi unha marabilla, e todos subimos ao bus cun gran sorriso, aínda que un pouco cansos despois dunha xornada tan intensa.

Chegamos de volta a Kanturk ás 18:30, desexámonos un bo domingo (que plan lle terán reservado as familias aos rapaces? Que emoción!) e cada un marchou para a casiña a cear e a pasar o resto da tarde coas familias.

Non está nada mal para un só día, verdade que non? Esperamos que vos gustase lernos e  coma sempre, voltaremos moi pronto con frescas e interesantes historias que contarvos!

Saudiños!

 

Alba e Olalla

23 de setembro – Primeiros contactos coa Irlanda profunda!

Boas de novo a todas e todos!

Onte, mércores, levantámonos cun bonito e soleado día, que para estar en Irlanda, non é pedir pouco. Parece que estamos a ter sorte co tempo!

Despois dunha intensa mañá de clase cos seus novos compañeiros irlandeses, o noso grupo de estudantes xuntáronse para organizar unha sorpresa da que, de momento, non podemos dar moitos detalles. CHÁN CHÁN! Ao rematar esta actividade e como cada día, as súas host families foron recollelos para pasar unha entretida tarde en familia.

Todos os rapaces e rapazas están moi contentos coas familias. Polo que sabemos, están a aprender moito da cultura irlandesa, sobre todo a nivel gastronómico.

Hoxe pola mañá volveron a ter clase: irlandés, matemáticas, historia, francés… Un pouco de todo. Aínda que solamente estamos no terceiro día, os nosos estudantes xa empezan a soltarse e a participar nas clases.

Esta tarde tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man os deportes por excelencia de Irlanda: o hurling, e o fútbol gaélico.

O hurling é un deporte de orixe celta, de máis de tres mil anos de antigüidade. Existe unha versión feminina do xogo máis coñecida como camogie. Xógase cuns paus de madeira, chamados hurleis cos que se golpea unha pelota (sliotar). O obxectivo do xogo é que os xogadores fagan pasar o sliotar entre os postes do opoñente, xa sexa por riba do traveseiro para gañar 1 punto, ou por debaixo do traveseiro nunha rede defendida por un porteiro para conseguir 3 puntos.

Chicas y hurling Probando el hurling

Mentres que o fútbol gaélico, chamado en irlandés Peil ou Caid, é unha variante do fútbol que se xoga en equipos de 15 xogadores sobre céspede con porterías en forma de H a ambos lados. O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducilo na portería rival. Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo e pasándoo entre compañeiros de equipo.

Entrenamiento de fútbol gaélico El equipo de las chicas con el profe

A pesar das explicacións do profe, descubrimos que xogar a estes deportes non é tan fácil como parece, pero que poñéndolle ganas e paixón podémolo pasar moi ben.

Está sendo una moi boa semana de adaptación, e mañá comeza un gran fin de semana coa busca do tesouro na escola, e o sábado unha excursión todo o día a Cork e a Cobh. Saberiades dicir por que é coñecido este lugar? Se queredes saber a resposta, seguídenos lendo!

Un saúdo,

As monitoras: Olalla e Alba

Día 21 e 22 de setembro – Saída de Vigo e chegada a Kanturk

Hello everyone! Somos Alba e Olalla, as monitoras do grupo en Kanturk, unha vila do idílico rural irlandés. Durante as próximas semanas contarémosvos todas as aventuras e novas experiencias que vaiamos vivindo, para que esteades ao día, e de paso darvos un pouco de envidia! 😉

A viaxe comezou onte pola mañá, cando estudantes e monitoras nos xuntamos en Peinador para darlle comezo a estas tres semanas. Voamos ata Madrid, onde cambiamos de avión para despois chegar á capital irlandesa: Dublín.

Alí esperábanos Goretti, a responsable local, unha muller moi simpática que nos recargou as baterías coa súa alegría e enerxía. Tiñamos por diante unha viaxe un pouco longa ata Kanturk, dunhas tres horas. Non obstante, debido á trementa tormenta que pillamos polo camiño (con lóstregos incluídos!) e ao denso tráfico, tivemos un retraso de nada… dúas horas!! Por sorte, e a pesar da longa viaxe, os rapaces e rapaces non desesperaron, e ao final foi máis ameno do que esperabamos.

Cando chegamos a Kantuk as familias xa estaban esperando por nós. Algunhas nais ata daban saltiños de alegría ao ver aos seus vigueses e viguesas! Entre risiñas nerviosas, caras de resignación e constantes “a min vaime dar algo”, cada estudante marchou coa súa host family para descansar como se merecían.

Esta mañá era O GRAN DÍA!

Á primeira hora chegaron á escola, no centro de Kanturk, onde coñeceron aos seus buddies irlandeses. Máis tarde tivemos unha reunión informativa, onde lles contamos as regras básicas de convivencia coas familias e no instituto, ademais dalgunhas tips para gozar e aproveitar ao máximo esta experiencia.

Grupo na reunión

O resto do día consistiu en clases cos seus compañeiros “kenturkianos”. Porén, despois de tanto esforzo en tan pouco tempo, todos puideron saír un pouco antes para desfacer as maletas, pasar tempo coa súa host family e sobre todo, descansar!

Polo de agora iso é todo, pero mañá máis e mellor!