Día 21 e 22 de setembro – Saída de Vigo e chegada a Kanturk

Hello everyone! Somos Alba e Olalla, as monitoras do grupo en Kanturk, unha vila do idílico rural irlandés. Durante as próximas semanas contarémosvos todas as aventuras e novas experiencias que vaiamos vivindo, para que esteades ao día, e de paso darvos un pouco de envidia! 😉

A viaxe comezou onte pola mañá, cando estudantes e monitoras nos xuntamos en Peinador para darlle comezo a estas tres semanas. Voamos ata Madrid, onde cambiamos de avión para despois chegar á capital irlandesa: Dublín.

Alí esperábanos Goretti, a responsable local, unha muller moi simpática que nos recargou as baterías coa súa alegría e enerxía. Tiñamos por diante unha viaxe un pouco longa ata Kanturk, dunhas tres horas. Non obstante, debido á trementa tormenta que pillamos polo camiño (con lóstregos incluídos!) e ao denso tráfico, tivemos un retraso de nada… dúas horas!! Por sorte, e a pesar da longa viaxe, os rapaces e rapaces non desesperaron, e ao final foi máis ameno do que esperabamos.

Cando chegamos a Kantuk as familias xa estaban esperando por nós. Algunhas nais ata daban saltiños de alegría ao ver aos seus vigueses e viguesas! Entre risiñas nerviosas, caras de resignación e constantes “a min vaime dar algo”, cada estudante marchou coa súa host family para descansar como se merecían.

Esta mañá era O GRAN DÍA!

Á primeira hora chegaron á escola, no centro de Kanturk, onde coñeceron aos seus buddies irlandeses. Máis tarde tivemos unha reunión informativa, onde lles contamos as regras básicas de convivencia coas familias e no instituto, ademais dalgunhas tips para gozar e aproveitar ao máximo esta experiencia.

Grupo na reunión

O resto do día consistiu en clases cos seus compañeiros “kenturkianos”. Porén, despois de tanto esforzo en tan pouco tempo, todos puideron saír un pouco antes para desfacer as maletas, pasar tempo coa súa host family e sobre todo, descansar!

Polo de agora iso é todo, pero mañá máis e mellor!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *