10 de outubro. CHEGOU O ÚLTIMO DÍAAA!!

Queridas familias, amigos, gatos, cans e demais animais domésticos… chegou o principio do fin! As últimas 48 horas! As présas por mercar os últimos souvenirs, as bágoas, a tristeza e a impotencia de saber que temos que volver ao noso insti de Vigo e deixar a boa vida irlandesa!! >.<

E que mellor despedida que indo de excursión! Hoxe dirixímonos cara ao norte e saímos do noso county (as nosas provincias) para dirixirnos a Adare, unha preciosa vila tradicional do interior de Irlanda. Alí fixemos un pequeno tour turístico no que vimos un castelo, dous monasterios e unha rúa chea de coloridos cottages, que veñen sendo coma as nosas pallozas pero rectangulares en lugar de circulares.

A la puerta de Trinitarian PrioryThe gang in Adere

Máis tarde fomos ver o súper turístico castelo de Bunratty, a escasos quilómetros da cidade de Limerick. Alí atendeunos unha señora moi amable vestida de época que nos contou a historia do castelo e as vidas daqueles que o habitaron séculos atrás. Rodeando ao castelo está o Folk Park, onde podiamos pasear, ver edificios típicos e mesmo unha representación dunha aldea medieval. Alí aproveitamos para comer e relaxarnos antes de dirixinos á última parada: Limerick!

Ireland!

Desta vez a visita foi moito máis cultural que as anteriores, polo que só estivemos na grande urbe sobre unha hora, o xusto para mercar os últimos regalos e postais. Chegamos á casa, peo desta vez non tocaba seguir a rutina de cear e facer o lacazán pensando nos plans coa host family… porque nos imos!

Maletas, despedidas… todo listo para arrancar á nosa querida cidade olívica <3. Nunhas 24h teredes aos vosos pequenos e pequenas de volta na casa coma terremotos contándovos as súas experiencias en directo.

Alba e eu querémosvos dar as grazas por ternos lido durante estas tres semanas. Foi un gran pracer compartir actividades, viaxes en bus, momentos bos (e ás veces algúns non tan bos) cos vosos fillos e fillas. De seguro que os imos botar ben de menos, pero quen sabe, se cadra un día volvemos todos a Kanturk para reunirnos de novo!

Limerick

Un graan abrazo irlandés, vémonos mañá á noite!

PD.: Graciñas tamén a Anchel, o noso corrector de blog multitask! =D

Día 9 de outubro. Un verdadeiro punto de inflexión!

Pois o día chegou, señoras e señores. Por moito que estas tres semanas se nos pasasen voando… hoxe foi o último día de clase na Scoil Mhuire!!

Un día cheo de emocións: tristeza por marchar de Irlanda, por dicir adeus e volver á rutina… pero tamén moita alegría ao pensar que todos marchamos cunha familia irlandesa e cunha chea de novos amigos!

Ejem, ejem… perdón, que me deixo levar polo sentimento e non toca poñerse brandos, que aínda se lle pode sacar moito zume a esta experiencia!

Esta mañá tiñamos cita ás 9h no mini anfiteatro para asistir a ese misterioso e intrigante súper mega show que os nosos rapaces e rapazas prepararon durante estras tres semanas… e non sabedes canto nos gustou!

Javi en la presentación Presentación sobre Galicia

Na aula había dúas clases de alumnos irlandeses moi atentos ás nosas explicacións, que versaron sobre diferentes aspectos da nosa vida e cultura. En primeiro lugar fixéronnos unha presentación xeral cos datos básicos que calquera persoa debe coñecer sobre Galicia.

Despois contáronnos un pouco máis sobre os horarios españois, as comidas típicas, os personaxes célebres e as series e cine. Fixérono tan ben e foi tan completo que ata nos falaron de fútbol (Arenas de Alcabre!), de inventos made in Spain, de escritores e mesmiño de instrumentos musicais!

De feito, levamos unha grande sorpresa (os irlandeses quedaron coa boca aberta) cando todos os estudantes se levantaron e foron ao fronte a cantar a Rianxeira a coro. A piques estivemos de emocionarnos, estando como estamos tan lonxe da casa.

Kanturk Castle

Para rematar, e como este grupo está cheo de artistas de todos os tipos e xeitos, Ivo, Tania, Clarisa e André tocáronnos e cantaron a canción de “El universo sobre mi” de Amaral. Foi unha pasada!

Despois da comida e das últimas clases vivimos os momentos difíciles de despedidas entre bágoas, medios sorrisos e promesas de futuro. Se é que parece que non, pero xa estabamos instalados! Para despexarnos un pouco e aproveitando que non chovía fomos andando ata o castelo de Kanturk. Abandonado a medio construír hai uns 400 anos, este castelo de pedra é digno de ver e foi moi agradable pasear polo seu interior ao aire libre e os xardíns polos arredores.

Unha vez in situ, o profe de xeografía contounos un pouco a orixe e historia desta construción e os feitos que levaron a que hoxe sexa uns dos máis importantes castelos que se conservan en Irlanda.

Mañá temos a última saída de día completo, desta vez cara ao norte de Kanturk. Se queredes saber máis detalles, lédenos mañá (e seguide a galería de imaxes!)!

Deica loguiño!

8 de outubro. Un bonito día de sol, de chuvia… e de festa!

Boas de novo!

Canto máis se nos acerca o día de volta á casa, máis cousas temos que facer! Esta mañá tivemos unha sesión de plató televisivo no instituto. O noso obxectivo: facer uns vídeos nos que os rapaces e rapazas contaran as súas impresións e experiencias destas tres semanas. Aínda que foi todo moi low cost, a verdade é que quedaron de marabilla! Non nos fixo falta nin técnico de son, nin director nin nada… e ata botamos unhas boas risas coas tomas falsas!

Despois do lunchtime e outro ratiño de clases marchamos todos para o pavillón de deportes a xogar un campionato de baloncesto. Porén, hoxe non só estabamos o grupo de vigueses e viguesas, senón que tamén había estudantes irlandesas infiltradas… e sabedes por que?

Pois porque hoxe despois do deporte tiñamos unha sorpresa preparada: un farewell pot, ou o que é o mesmo: un guateque de despedida!! Queriamos facer algo especial para concienciarnos e irnos despedindo destas magníficas tres semanas, e que mellor que facelo entre patacas, tarta de chocolate, palomitas e outros snacks! Ademais, e coma toda boa festa que se precie, tamén tivemos música para amenizar a sesión. Temas actuais e temas clásicos e como non, música tradicional!

Minipicnic improvisado Party selfie

As estudantes irlandesas foron moi riquiñas e fixéronnos unha demostración en exclusiva dun baile típico irlandés chamado Sean-nós dance e do que podedes ver un exemplo no seguinte enlace. Por suposto, se estamos aquí non é só para aprender, senón tamén para compartir e intercambiar coñecementos… e tamén nós lles ensinamos como se baila unha muiñeira (grazas á nosa súper profe Antía!).

Pasámolo moi ben, rimos, bailamos e o máis importante, gozamos do tempo xuntos!

Mañá é o gran día, no que por fin veremos o show no que levan traballando os rapaces estas semanas e pola tarde imos descubrir Kanturk un pouco máis en profundidade.

Seguiremos retransmitindo!

Pd.: Lembrade que todas as fotos e vídeos están na Galería de imaxes!

 

6 de outubro. E veña deportes!

Xa estamos a martes, é incrible como pasa o tempo!!

E como xa é rutina para nós, os martes toca mover esqueleto, articulacións e músculos cos fantásticos Circuit Trainings! A novidade do día de onte foi que nos acompañaron un montón de rapaces e rapazas do instituto, para que vexades que por fin, despois de dúas semanas e media, xa nos mezclamos ben!

Equilibristas

Series de exercicios de 30 segundos cada un, e dúas series da volta completa! Non sabemos se é porque o circuit training da semana pasada nos deixou xa coas peores maniotas ou se este era máis ameno, pero pasámolo moito mellor!

Circuit training Sentadillas, todas a sufrir!

Ademais, contamos coa magnífica actuación de dúas picadiscos profesionais, Tania e Clarisa, que nos puxeron temazo tras temazo e nos amenizaron a sesión!

Esta semana estará chea de sorpresas e actividades, non nos perdades a pista!

Deica loguiño!! =)

5 de outubro. Embaixadores/as de Vigo por un día!

Hola de novo a todos e a todas!

Pensabades que as súper sudadeiras de Vigo en Inglés eran bastante representación? Que aínda non se enteraran do bonitas que son as Cíes ou do exercicio que facemos subindo as costas de Vigo? Pois por se acaso os irlandeses aínda non se enteraran de onde vimos (que non a onde imos)… o luns fomos de visita oficial ao Cork County Council, algo así coma a deputación provincial!

IMG-20151006-WA0004 diputados Grupo

Xunto cos nosos compis de Malow, era o segundo día que iamos a Cork, pero desta vez tivemos unha acollida por todo o alto: dous homes que tiñan de simpáticos e amigables o mesmo que de elegantes e protocolarios. Tiña pinta de que ía se moi formal, pero axiña perdemos a vergoña!

Tivemos o privilexio de contar con dous grandes portavoces dos estudantes: Ana do grupo de Kanturk e Martín do gupo de Malow, e unha vez dentro da sala de plenos puidéronlles explicar aos nosos anfitrións (un concelleiro e o alcalde) un pouco máis sobre a nosa cidade.

Vigo en Inglés

Entregámoslle un libro bilingüe con imaxes e a historia da cidade olívica e tiramos centos de fotos en grupo e selfies (si, tamén, xa vos dixen que eran uns pándigos!). Cando rematamos despedímonos deles e como fomos tan eficientes, aínda nos quedou un ratiño de tempo libre para pasear por Cork antes de volver para casiña!

E os días pasan…!

4 de outubro. Segundo (e último) domingo en familia!

Boas días familia!!

Estes días estivemos taaaaan ocupad@s que o noso cerebro non dá xestionado tanta información e tanta foto! =D

Despois da excursión de día completo a Killarney o sábado, este domingo erguémonos cun ceo un pouco nubrado que nos tentou a quedar de remolóns na cama… pero nada diso! Día de relax para o corpo, pero non para o cerebro, que aquí aprendemos e descubrimos cousas novas 24h ao día!

Primeiro paso… o almorzo! Para que vexades que os irlandeses tamén son xente normal que toma cereais pola mañá (esquerda), aínda que ás veces a primeira comida do día se lles vaia un pouco das mans (dereita)!!

Desayuno con vistas! Desayuno irlandés

Como sabedes, os domingos son os días dedicados ás host families: tempo para ir de paseo, de compras ou simplemente ver unha peli típica dos domingos (aínda que aquí sen Antena 3 e sen pipas). Os nosos rapaces fixeron un pouco de todo, e houbo plans para todos os gustos: dende comida familiar nun restaurante ata un tea time, pasando por unha carreira benéfica e unha partida ao monopoly!

Carrera benéfica Monopoly!

Aquí só vos amosamos un pouquichiño, pero sabede que se queredes ver todas as fotos desta experiencia, só tedes que entrar na Galería de imaxes de Newlink!

Saudiños!

2 e 3 de “outubrrroo”… chega o frío, pero nós non paramos!

Boas de novo family!

Foi chegar o mes de outubro e con el a néboa e a humidade… pero nós seguimos aquí ao pé do canón dispost@s a aproveitar ao máximo as horas kanturkianas! Os luns sempre son difíciles, así que esperamos que coa lectura desta entrada se vos alegre un pouco o día vendo (ou máis ben, lendo, o ben que o pasan os vosos rapaces e rapazas). Comezamos! =D

O venres día 2 tivemos tarde de bádminton na escola. Para comezar tivemos unha pequena presentación sobre as regras e as técnicas deste xogo que naceu nada máis e nada menos que na India!

Atentos a las explicaciones del profe

En varios grupos e por turnos practicamos diferentes exercicios de saque e de pase da pluma para despois rematar a tarde cuns partidos.

Bádminton

O sábado… a estas alturas xa saberedes o que pasa os sábados, esperamos…!

Pois claro, o sábado tivemos excursión, desta vez á vila de Killarney e arredores! O autobús, que xa recollera aos nosos compis de Mallow, recolleunos en Kanturk ás 09:30.

Despois dunha hora de viaxe chegamos á Muckross House, una casa de estilo victoriano do século XIX e rodeada duns xardíns e uns lagos impresionantes! De feito, este terreo foi o primeiro parque natural da República de Irlanda! Puidemos dar un paseo ao noso aire e o primeiro que fixeron algúns dos rapaces foi ir directos ás carruaxes de cabalos para que lles deran unha volta… Saíronnos vagos! O resto fomos descubrir o bosque e a beira dos lagos para respirar aire fresco e como non, tirar unha morea de fotos!

Muckross House Panorámica simétrica

 

DSCF4326

Cando volviamos para o bus, que nos levaría ata a Torc Waterfall (unha catarata preciosa), enterámosnos de que a algún grupo dos máis deportistas xa se lle ocorrera ir ata alí modo sprint! Chegamos alí, un sitio moi turístico, e resulta que se estaba celebrando un duatlón: bicicletas por todos os lados e corredores e corredoras para arriba e abaixo… e a nós que xa nos custaba subir despaciño!

Grupo en la Torc waterfall

Como terceira parada do día tivemos á vila de Killarney, un lugar cheo de colores e encanto! Non tiñamos nin idea, pero ademais de nós, alí había moitos outros turistas e visitantes que gozaban dos cafés, dos bares con música en directo ou das tendas de recordos cheas de postais e bonecos de leprechauns (os trasgos irlandeses). Porén, o que máis lles interesaba aos nosos mozos e mozas non eran os rincóns misteriosos e orixinais de Killarney, senón as tendas para ir de shopping! Déronnos varias horas libres, polo que tivemos tempo máis que de sobra para facer de todo un pouco!

Cara ás 6 da tarde e coas mans cheas de bolsas voltamos para o noso querido Kanturk, algúns xa con plans familiares, e outros coa intención de ir para á casa e facer un “sofá, manta e peli”!

Próxima parada: concello de Cork. Toca presumir de Vigo!!

1 de outubro. Cambiamos de mes á irlandesa!

Pois xa estamos aquí de novo! Esperamos que todos e todas empezarades o novo mes coas mesmas ganas coa que o fixemos nós aquí en Kanturk! =)

Sabedes iso de que en Irlanda podes ter todas as estacións do ano nun só día? Pois aquí debéuselles escacharrar a máquina e quedaron bloqueados no verán, así dá gusto! E é que a calquera que se lle conte… esta mañá volvemos amencer cun precioso e brillante Lourenzo no ceo que durou toooodo o día!

tmb-tees-seasons1

Onte foi un día tranquilo, tivemos clase coma todos os días (ides queda coa boca aberta: non só son uns máquinas co francés aquí no instituto… tamén están aprendendo gaélico!) e despois de comer e de traballar un pouco na preparación do “espectáculo sorpresa” deixáronnos saír un pouco antes para poder dar unha volta e relaxarse.

Esta tarde volvía tocar poñerse en forma cun pouco de Volleyball, pero adiviñade o que… algúns e algunhas aínda tiñamos tantas maniotas do súper circuíto do outro día que houbo quen quedou no banquillo!

10l, 7l, 3l... El banquillo estrujándose el cerebro

E diredes: “Pois vaia morro, quedan sentados e non sudan a gota gorda coma o resto?” Non, non… aquí a unhas servidoras non se nos escapa nin unha rata e nun momento propuxémoslle un challenge mental. Poñémosvolo aquí abaixo por se vos atrevedes e lle queredes botar un ollo, pero contade cun bo rato para sacalo!

Despois de darlle mil voltas e coa aportación de todos lográmolo xusto a tempo para a segunda parte da actividade: un pouco de fútbol ao aire libre!

Jugando a volleySoccer

Aquí en Irlanda o deporte máis coñecido é o fútbol gaélico, polo que ao “noso” fútbol coñéceno máis como soccer. Como facía tan bo tempo pasámolo xenial. Isto máis que o final parece o comezo do verán!

Remataremos esta entrada dándovos un pouquichiño de envexa. A comida galega é de campionato, pero mirade como o montan os irlandeses para almorzar pola mañá! Aquí vos deixamos co típico Irish breakfast.

Irish breakfast

Ovo, salchichas, bacon e black pudding (morcilla). Boísimo!

Bo proveito e deica mañá! 😉

Para alimentar o cerebro!

Para alimentar o cerebro!

Podéis ver todas nuestras fotos aquí

29 de setembro. We’re sexy and we know it!

Vaia martes máis movidiño que tivemos hoxe, así dá gusto empezar a semana! Hoxe non foi un día coma outro calquera, queridos pais, nais e demais público!

Pola mañá tivemos na Scoil Mhuire (o noso insti) un show no que os alumnos e alumnas de primeiro e segundo grao se disfrazaron e participaron nun concurso. Non temos fotos, pero damos fé de que dúas das nosas rapazas, Laura e Sabela, recibiron un premio polo seu disfraz de panteiras/leopardas/leonas… chamémoslle X.

Despois de comer e como cada día, tiñamos unha actividade preparada e hoxe tocaba suar! Eles chamáronlle Circuit training, pero para nós foi máis ben un “1000 Maneras de morir”. Para que vos fagades unha idea, os profes xunto con algúns estudantes da escola, organizaron un percorrido dunhas 12 actividades para traballar diferentes partes do corpo. Tiñamos que facer cada unha delas durante 30 segundos e despois ir rotando no sentido das agullas do reloxo.

Esos glúteos! Legs up!

Parece moi aburrido e duro, non si? Pois mirade se os nosos vigueses e viguesas teñen moral, que ao final pasámolo en grande! Tivemos un pouco de todo: abdominais, sentadillas, pesas…


Cómo pesaba la bolita! De risas en educación física

… traballamos bíceps, tríceps, glúteos…

Los chicos haciendo sit-ups

… pero sobre todo puxémonos en forma, rimos, liberamos un pouco de estrés… e pasou a tarde voando! Xa sabedes, circuit training 100% recomendado!

Deica mañá lectores!

Salta, salta, pequeña langosta!

28 de setembro. Relax coas host families!

E xa estamos de volta!

Despois da viaxe intensa e tantas voltas que demos o sábado en Cobh e Cork… este domingo tocaba durmir ata tarde e pasar os días coas host families!

De paseo con la host family... y con buen tiempo!Domingo en CorkFamily time

Algúns dos nosos vigueses e viguesas xa tiñan dende hai uns días un plan moi especial… nada máis e nada menos que ir ata a capital, Dublín, para ver a final do campionato femenino de fútbol gaélico entre Cork e Dublín. Foi un partido moi emocionante, segundo nos contan fontes de primeira man, pero pese a xogar na casa, a que non sabedes quen gañou? Pois claro, CORK! Debe ser que lle trouxemos boa sorte dende Galicia…

Andrea con su prima en el partido Fútbol gaélico GAA

Os afortunados que viaxaron a Dublín foron só uns poucos, pero iso non significa que o resto non aproveitaran o día ao máximo. Tivemos un pouco de todo: algúns foron de paseo polo campo, outros pasaron a tarde no centro comercial de Cork (non, aquí en Kanturk non temos diso, todo é máis old school!). Tamén houbo que tivo plan de palomitas, peli e manta coa familia, quen tivo unha masterclass en cociña tradicional…

Porén, se algo abunda en Irlanda, especialmente nesta rexión na que nós nos atopamos son… OS ANIMAIS! Ovellas, vacas, cabalos, burros e moitos outros forman parte da vida cotiá aquí. Tanto, que xa temos unha certa confianza… se non me credes, mirade a manchea de fotos que temos xa!

Amigos irlandeses fuera de lo común IMG-20150928-WA001328

Esta mañá tocou volver a comezar unha nova semana de clase e fixémolo cheos de enerxía. Xa coñecemos máis ás familias, a lingua xa deixa de ser unha traba e pouquiño a pouco ímonos integrando na máis pura vida irlandesa. Aínda queda moito por disfrutarmos aquí, que isto non fixo máis que comezar. Aló imos!