Colchester (día 17): última visita a Londres

Bo día, familias!

Onte visitamos por terceira, e última vez, a capital británica.

Comezamos cun paseiño polas rúas do centro de Londres, sempre atestadas de locais e turistas (coma nós).

A nosa primeira parada foi Brompton Road, onde se localiza o máis afamado e antigo (data do 1834) centro comercial: Harrods. Como é un dos centros comerciais máis luxosos do mundo hai seccións de «mírame e non me toques» das que pasamos totalmente sen parar, pero na que había moito bulicio de xente de países de Oriente Medio. Menos mal que nos queda a zona de sales souvenirs, aínda que algúns dos rapaces fixeron algunha outra compra.

Antía e Anxo ben acompañados polas icónicas mascotas de Harrods

A seguinte parada foi Buckingham Palace, outro dos lugares emblemáticos londinenses. Sabemos que a raíña Isabel de Inglaterra estaba en «casa», xa que a bandeira ondeaba no alto, mais non saíu a recibirnos 🙁

Miguel en primeiro plano, coa bandeira de fondo

Onte para a rapazada foi un «día de festa» xa que se atoparon cos seus compañeiros de instituto do grupo de Teddington que tiñan o día libre en Londres.

«Colchester» e «Teddington» nas portas do Buckingham Palace

Hugo Silva e Anxo no medio da fotografía (gorro patrocinado por Hugo Alonso, á esquerda, grupo de Teddington)

Mesmo algunha ardilla achegouse a saudalos

Máis tarde dirixímonos ao epicentro turístico por excelencia, a zona do Big Ben, parlamento británico e London Eye (a noria), onde as rapazas e rapaces tiveron tempo libre.

Outro dos grupos aínda tiveron tempo de facer unha performance pola zona de Picadilly Circus e sen ningunha vergoña puxéronse a bailar éxitos patrios como A Macarena. Aquí vos deixo unha imaxe.

Eeeeh… Mararena!

E xa de volta a Colchester, tocou cear e despois actividade de discoteca. Podedes imaxinar que no seu último día de discoteca case temos que sacalos a rastro (literal), estaban alí dentro dándoo todo coma nunca.

Hoxe é día de familias, esperamos compartir algunhas fotiños por aquí. Pasade bo domingo!

avatar

Joaquín García Domínguez

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *