Aquí estamos de novo, familias!
Xa nos atopamos no ecuador desta aventura, como quen non quere a cousa.
Nada máis chegarmos á universidade, enterámonos de que dúas das nosas rapazas estaban de aniversario: Carlota e Claudia. Pillounos un pouco por sorpresa e non lles tiñamos nada preparado (aínda que seica tiveron algunha sorpresiña por parte das súas host families). Pola nosa parte, que mínimo que cantarlles o Cumpleaños feliz e, aínda que era primeira hora, démolo todo! Antía, tamén se contaxiou da ocasión e portou a coroa durante todo o día ata que ela mesma, por erro, pisouna e rematou o seu reinado. Vaites!
Por outra banda, a rapazada xa está máis que integrada co estudantado italiano co que comparte clase… E pensar que o primeiro día non querían saber nada deles!
Pola tarde tiveron a «graduación» dos seus compañeiros italianos, onde lles entregaron os diplomas e á que os nosos rapaces, como non, tamén asistiron.
A última hora, como todos os sábados, o college organizou a actividade de disco party con música dos anos 2000, moitos refrescos, palomitas e algodón de azucre.
Para rematar o día, a despedida entre italianos e españois, estivo chea de moita emoción, apertas e algunha que outra bágoa. Sen dúbida hannos botar de menos.
Mañá será un día para compartir coas host families, a ver se sacan moitas fotos e as compartimos por aquí. Lémonos na próxima entrada do blog!