Eastbourne-Willingdon, days 8 & 9

Hello there!

A recta final desta primeira semana en Eastbourne comezou o venres. De novo, pero xa coa chuvia de fondo, volvían ter clases pola mañá. History, geography, maths… pero tamén cociña! Non moitas estudantes en Vigo poden presumir de ter feito unha pizza no instituto.

Seguía chovendo cando, ás 14.10, sonou o reloxo indicando que tocaba saír do high school. Pero non para coller o bus e irmos facer o Beachy Head Walk, tal e como estaba previsto. Por mor do tempo, baixamos todas e todos até o centro de Eastbourne e, algo de tempo libre despois, dirixímonos cara á Towner Art Gallery. Para que nos entendamos, unha sorte de MARCO, pero na nosa vila de acollida. Unha vez rematamos a visita, parte do grupo marchou a casa a secarse. Mentres, outras e outros quedaban xa no centro, agardando ao resto para iren cear todas e todos xuntos. 

Mais volvía ser o sábado o día grande da semana. Como o anterior, tocaba de novo full day excursion e, desta vez, era a Londres. Atopámonos ás 8.00 na estación de Eastbourne para coller, xunto co grupo de St. Catherine’s, o tren. Hora e media máis tarde chegabamos a London Brigde, desde onde comezamos a explorar a capital inglesa. Cruzamos a famosa ponte até a Tower of London, onde vivimos a experiencia de coller o noso primeiro underground

Saíndo de novo á superficie en Victoria, puxemos rumbo a Buckingham Palace. Mais non sen antes caer na tentación de parar nalgunhas tendas de película.

Con xa algún que outro souvenir baixo o brazo, continuamos o camiño até o Victoria Memorial. Sacadas as fotos pertinentes (até onde permitía o enreixado), tocaba lunch time no Green Park. Despois destas tres semanas, é posíbel que algunha ou algún non volva querer cheirar os sándwiches nun bo tempo… 

Despois de despedirnos dos esquíos que viven no parque, atravesamos a longa The Mall e o Admirally Arch, chegando finalmente a Trafalgar Square. Desde alí, as rapazas e rapaces puideron desfrutar dunhas horas de tempo libre para descubrir on their own as rúas londinenses. Houbo visitas a Harrods, pero tamén á tenda de M&M’s e a moitos outros sitios da cidade.

Ás 16.30, e de volta na fonte da praza que actuaba de meeting point, dirixímonos á estación de Charing Cross para coller un primeiro tren cara London Bridge, onde comezaba a hora e media da viaxe de volta. Porén, aínda non acababamos de deixar atrás Gatwick cando, por mor dunhas incidencias, tivemos que baixar do ferrocarril en Three Bridges Station. Sen saber cando e como se solucionaría, só quedaba esperar. Menos mal que estabamos os dous grupos de Eastbourne para facernos compañía! Finalmente, tivemos que volver até a parada do aeroporto —curiosamente, aquel que o venres pasado fora a meta inicial da nosa viaxe— e agardar novamente ao tren que nos levaría de volta a casa. E, malia que xa se comezaba a notar o cansancio de todo día, o grupo tivo un comportamento exemplar. Non deixedes de darlles parabéns cando regresen a casa.

Finalmente, a nosa aventura remataba a medianoite na estación principal de Eastbourne, desde onde marchamos todas e todos a descansar. Menos mal que os domingos non toca madrugar.

What a ride, right?

— Cecilia

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *