Eastbourne-Willingdon, day 1 & 2

Hi there families! Falámosvos desde Eastbourne. Temos moito que dicir pero, antes de contarvos sobre o día de hoxe, imos recapitular un pouco. 

Como sabedes, coñecímonos todas e todos cedo pola mañá en Peinador —algúns e algunhas aínda cos ollos a medio abrir—. Tras a primeira foto de grupo, comezaba oficialmente a nosa viaxe. Unha vez coas maletas facturadas e co control pasado, dixémoslle até pronto a Vigo desde o aire, e axiña chegamos ao aeroporto de El Prat. 

Primeira foto de grupo aínda en Vigo…

Aproveitamos a escala en Barcelona para comer e recuperarmos algo de enerxía, mentres agardabamos para continuar o noso traxecto. Despegamos finalmente preto das 15.00 (hora local), chegando a London-Gatwick sobre as 16.15 (cousas de ter que retrasar unha hora o reloxo). Fóra do aeroporto, un bus agardaba por todas e todos nós. E ben que agardou, porque debido a unha incidencia coa equipaxe, rematamos saíndo algo máis tarde do previsto. Menos mal que estamos preto da capital! 

E primeira foto de grupo xa en Londres!

O sol comezaba a desaparecer cando chegamos co bus a Eastbourne. No High School (do que vos falaremos durante a semana) agardaban por nós as host families. Cargadas e cargados coas maletas, dixémonos até mañá. Unha cea rápida nas que van ser as nosas casas durante as próximas tres semanas, e fomos todas e todos a descansar, que xa ía tocando. 

 

Pero, pese a unha chegada algo tardía, hoxe despertamos con moitas ganas: tocaba excursión a Brighton. As host families achegáronnos até a estación onde, xunto a Hope —a nosa guía durante o día— collimos o tren para desprazarnos até a cidade. Unha vez chegamos á Brighton Train Station, atravesamos The Lanes —ollando en que tendas entrar durante a tarde— até chegar ao Brighton Palace Pier. Alí tivemos dúas horas de free time, durante as que rapazas e rapaces xogaron nas atraccións da feira —algunha gañou até un premio!— ou baixaron á praia. 

De camiño ao Brighton Palace Pier

No paseo ao lado do mar

Cando deron as 12.30 retrocedimos un chisco para dirixímonos aos Pavilion Gardens, onde comimos todas e todos xuntos as packed lunches que as host families nos prepararan. Con todo, a algunha non lle acabou de convencer moito o sabor das míticas patatillas de salt&vinegar… 

Xunto ao Royal Pavillion

Cando remataron, tocaba novamente free time, tempo durante o que aproveitaron para explorar un chisco a cidade e facer as primeiras compras da viaxe. Ás 15.00 reunímonos novamente no parque, desde onde fomos até o East Mall, para desfrutar de máis tempo libre. Pero todo o bo remata, e ás 16.30 volvimos cara á estación, xa que tiñamos que coller o tren de volta a Eastbourne. De novo na nosa vila de acollida, dixémoslle bye bye a Hope e fomos collendo diferentes liñas de autobús para regresarmos ás nosas casas. Tocaba cear e descansar, pensando no que agarda mañá: domingo, sinónimo de día coa host family

Nós despedímonos até luns, pero seguimos en contacto. 

Greetings, Eva and Cecilia.

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *