Eastbourne-Willingdon, days 15, 16 & 17

One, two, three… is everybody here?

Xa deixaramos caer que o noso último venres completo en Eastbourne ía ser algo diferente do que podiamos agardar. A aventura comezaba, coma sempre, no Willingdon. Pero, desta vez, as rapazas e rapaces puideron descansar dos seus uniformes un día antes. Porque venres foi día de sponsored walk para o alumnado do high school. Así, e por titorías, foron saíndo desde as 8.30 para percorrer nada máis e nada menos que 16 millas (eu xa quedo sen alento só de pensar en facer a conversión a quilómetros). 

E a pesar de que lles levou case toda a mañá, todas e todos conseguiron chegar de volta ao colexio, onde tomaron a súa ben merecida lunch.

Cando remataron, e xa que as enerxías parecían aínda non fraquear, fomos en dirección ao Skateworld.

Con patíns en liña ou paralelos, as rapazas e rapaces pasaron a tarde do venres baixo as luces de cores da pista de patinaxe. 

Após esta xornada tan cansada, non quedaban folgos para moito máis. Por sorte (e, para que enganarnos, por unha folga na rede ferroviaria), a habitual full day excursion dos sábados quedaba desta vez para o domingo. Así, o grupo comezaba a fin de semana recuperando forzas. Pero non creades que vaguearon. Se ben non se ergueron tan cedo como de costume, axiña baixaron ao town centre, para coller algo de comer e volver ir de picnic.

Pola noite, e con motivo da Bonfire Cellebration que tivo lugar ao longo do seafront, as rapazas e rapaces achegáronse ao pier, no que desfrutaron dun espectáculo de fogos de artificio. 

Pero non podían quedar até moi tarde, porque domingo tocaba madrugar para ir até a estación. E, como seguía a folga ferroviaria, co tren das 9.00 en punto o noso traxecto non facía máis que comezar. Primeira parada: a Brighton Station, desde onde subimos nun train replacement até Three Bridges, collendo despois outro ferrocarril até London Victoria. De aí pasamos ao metro, collendo até dúas liñas para chegar a Camden Town. Alí, o grupo puido disfrutar dalgunhas horas de free time para picotear (tanto figurada como literalmente) nas tendas deste famoso barrio. 

O día na capital inglesa continuou collendo de novo o metro para desprazarnos até Oxford Circus. Desde alí, e do mesmo xeito que o London Marathon que se estaba a correr nas rúas, puxémonos unha meta: chegar a ver o Big Ben. E ben que o conseguimos, aproveitando o traxecto para ver algún que outro lugar máis (e algún cun nome moi especial)

Unha vez deixamos visto ese gran reloxo, fomos en dirección a Victoria Station onde, despois dun último chisco de free time (no que apuraron a mercar os últimos souvenirs londinenses), subimos no primeiro dos trens de volta e desfixemos o camiño até Eastbourne. E rapidiño para cama, que ao día seguinte tocaba comezar a nosa última semana aquí, antes de termos que volver.

We’re almost there!

— Cecilia

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *