BATH, days 11 & 12: flores, cores e olores

Morning, everybody

Os días non deixan de correr, e semella que o cansancio de andar explorando Bath comeza a acumularse. Con todo, esta semana estamos de sorte, porque é ás 9.30 cando comezan as clases na academia de ELAC. Un horario moito máis friendly con todas e todos nós. Luns empezaron facendo unha breve presentación e, despois do break de media mañá, repasaron brevemente un pouco de vocabulario. Porque, aproveitando que parecía facer bo día, recuperamos a Bath Treasure Trail. En diferentes grupos, e comezando desde a Abbey, as rapazas e rapaces tiveron que percorrer as rúas da cidade na busca de diferentes pistas, de cara a ir riscando do mapa aqueles lugares onde non atoparían tesouro algún. 

Cando deron as 13.00, e tendo rematado ou non, volvimos encontrarnos en Bog Island, onde fixemos reconto do progreso de cada grupo, atopando así que tiñamos un grupo gañador, con até 16 pistas resoltas. De premio, Charles tiña unhas bolsas de larpeiradas, que compartiron entre todas e todos xusto antes de ir comer.

Unha hora despois, xuntabámonos de novo onde a academia, para ir cara ao lugar da afternoon activity. Porén, de súpeto comezou a chover, e parecía este novo exemplo de british weather ía por en xaque os nosos plans. Así, estabamos a resgardo nunha das aulas e pensando xa en que filme poderiamos ver, cando o tempo volveu cambiar. 

Finalmente, e prevendo que o ceo non se volvería nubrar, marchamos en dirección aos Botanical Gardens do Royal Victoria Park. Alí, as rapazas e os rapaces puideron xogar ao frisbee, ter unha sesión de fotos do máis outonal ou incluso achegarse aos esquíos.

📸: Alba S.

E, cando se cansaron de estar polo parque (se ben houbo quen aínda quixo estar un chisco máis), marchamos de volta á zona máis céntrica da cidade para termos algo de free time. Deste xeito, algunhas das rapazas marcharon xuntas a ver un filme á casa dunha das host families, mentres outra parte do grupo buscaba un sitio para tomar algo quente antes de tamén marchar.

Ao día seguinte, as clases no learning centre transcorreron sen maior interrupción, excepto polo break de media mañá, e axiña chegou o momento de ir comer. Non sei por que, pero coido que xantar na cidade (onde o McDonald’s ou os supermercados quedan cerca) gústalles máis que facelo no St. Gregory’s. Tivesen tomado a packed lunch ou algunha outra cousa, ao remataren xuntámonos todas e todos de novo, para irmos cara ao lugar da afternoon activity. E desta vez tocaba a visita á Bath Abbey. Ese impoñente edificio que xa tanto temos visto, pero non que aínda non entraramos. 

Unha vez dentro, a guía iríanos explicando diferentes curiosidades. Por exemplo, sabiades que esta construción cristiana ostenta o título de abadía porque, após anos de disputa, foi decidido que a cátedra do bispo —e, polo tanto, a consideración de catedral— situaríase en Wells? Catedral ou non, foi nesta igrexa na que, coa coroación do King Edgar, sentaríanse as bases das actuais ceremonias da monarquía inglesa.  

Amáis, a abadía de estilo gótico é un magnífico espazo no que desfrutar de elementos arquitectónicos tan característicos da variante inglesa, como son as bóvedas de abano. Tamén, das súas vidrieiras, en 56 das cales, por exemplo, atopamos ilustrada a historia de Xesús desde a morte até a resurrección. 

Como tamén se aprende cos sentidos, as rapazas e rapaces puideron sentar no lugar que ocupa o coro e tocar unhas mini campás, ou cheirar reproducións dos diferentes olores da histórica abadía. 

Ao rematarmos, saímos de novo á Abbey Churchyard, desde onde partimos para desfrutar de tempo libre até a hora de ir cear. Como vedes, o grupo ten tempo abondo para seguir explorando a cidade ao seu ritmo (por exemplo, indo a algunha tenda de segunda man das moitas que hai aquí en Bath). Pero tamén para ir mercar algún que outro souvenir, así que non deixedes de pedirllo. 

Cheerio!

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *