E chegamos á última entrada deste blog! Parece mentira, pero despois de tantas madrugadas, autobuses, excursións, clases, actividades e risas… chegamos ao final da nosa aventura😭
Para despedir as excursións de fin de semana como se merece, este sábado tocounos visitar Bristol, a última excursión que fixemos todos xuntos!
E hoxe temos unha blogger moi especial para contárnolo todo: Marina. Así que… imos alá!
Espertamos ás 7:30 da mañá, almorzamos o mesmo de todas as mañás e preparámonos: vestímonos e arranxamos a mochila porque hoxe tiñamos unha excursión a Bristol.
Dirixímonos cara á praza principal do pobo para coller o autobús todos xuntos e, unha vez dentro, comezaron dúas horas de viaxe que, sendo sinceros, se fixeron bastante longas. A maioría aproveitamos para durmir, escoitar música ou simplemente falar ata que chegamos.
Ao chegar a Bristol fixemos varias paradas. A primeira foi na famosa ponte colgante, onde nos sacamos unhas fotos e desfrutamos das vistas.
Despois fomos cara á propia cidade, onde fixemos un tour polos lugares máis importantes. Entre eles vimos unha obra de Banksy e tamén visitamos a praza da catedral. Iso si, as campás decidiron ter bastante protagonismo ese día: non paraban de soar! Estivemos alí uns vinte minutos e, entre as campás e o guía falando, chegou un momento no que xa non sabiamos moi ben se estabamos nunha visita turística ou nun concerto!!!
Nesa mesma praza aproveitamos para comer e xogar un pouco coa pelota antes de continuar coa visita.
Cando terminamos o tour, deixáronnos unhas horas de tempo libre polo centro de Bristol. O centro comercial era bastante grande, con moitas tendas e restaurantes de comida rápida, así que algúns aproveitamos para facer algunhas compras.
Despois do tempo libre tocou volver cara ao autobús para regresar a Exmouth. Outras dúas horas de viaxe que, desta vez, se fixeron aínda máis longas porque xa estabamos bastante cansos.
Ao chegar, cada un marchou polo seu camiño. Como estabamos moi cansos, volvemos á casa, ceamos e quedamos descansando despois dun día bastante completo.
E aquí remata a nosa aventura…
E agora si… chegamos ao final deste blog e tamén do noso viaxe. Parece que foi onte cando empezabamos esta aventura e agora xa estamos contando as horas para volver a Vigo.
E nesta última entrada quería despedirme eu (Mara) tamén porque despois de tantas entradas… xa tocaba!
Quería aproveitar para dicirvos que estou moi contenta co grupo que me tocou. Tiven a sorte de compartir estas semanas con rapaces moi bos, divertidos e que fixeron que esta experiencia fose aínda máis especial. Estou moi agradecida por todo o que vivimos xuntos, polas risas, polas conversas, polas excursións e tamén por todos eses pequenos momentos que seguramente recordaremos durante moito tempo.
Agora só me queda desexarvos que vos vaia moi, moi ben. Que sexades felices, que traballedes e estudedes moito, que teñades ganas de aprender , que loitedes polo que queredes e, sobre todo, que esteades sempre rodeados de boa xente que vos queira, vos valore e vos apoie tal e como sodes. Porque con traballo, esforzo, dedicación e ganas, pódense conseguir moitísimas cousas. Oxalá consigades todo o que vos propoñades!❤️
Moitas grazas por estas semanas e por facer que fose unha experiencia nada fácil pero sí bonita. Agora si que si… en nada estamos chegando a Vigo! 🇪🇸
Unha aperta enorme da miña parte e… ata a próxima aventura!





















Moitas grazas Mara..Tiveron moita sorte de poder contar contigo nesta aventura.