BATH, days 7 & 8: boleira e disfraces con arte

Good morning there!

Aquí en Bath, xoves espertamos co son da chuvia e, de mirarmos pola fiestra cara a fóra, o último que apetecía era saírmos da cama. Sorte que xa estamos acostumadas e acostumados a este tipo de clima, e non deixamos de tentar comezar o día da mellor forma posíbel. Secasí, tivemos agardar polo bus, que cando chove funciona aínda peor (tendo en conta en que país estamos, botade contas de como vai). 

Dramas de transporte á parte, conseguimos chegar todas e todos ben ao St. Gregory’s. E alí quedaron as e os estudantes, nas súas respectivas clases do día. Nunha delas, puideron aprender a montar un enchufe e, noutra, tiveron a oportunidade de traballar no cultivo de microorganismos. 

Cando rematou a última clase da mañá, o sol xa tiña saído, así que non houbo risco de mollarmos mentres o bus non chegaba, e puidemos chegar ben sequiñas e sequiños á estación, onde xa estaba Charles. Desde alí, e aproveitando para ver novas partes da cidade, fomos camiñando até o Bath Sports and Leisure Centre (quedade con este nome, porque aquí imos volver) para botarlle unha aos bolos.

Por grupos de 6 ou 5, as e os estudantes dividíronse nas pistas desta bowling alley, e a partida comezou. Mario levaba o primeiro pleno do día, e pouco a pouco os puntos totais de cada unha e cada un ían aumentando. Houbo xogadas boas, xogadas algo peores, e tamén algún que outro slushie ou bandexas de patacas fritidas para compartir. 

Con ou sen barreiras (iso é un segredo que queda entre nós), houbo quen chegou até aos 100 puntos. Porén, o importante ao final foi que todas e todos o pasaron ben. Penso que ben felices marcharon a casa, a prepararse para o último día de clase da semana.

 

Non obstante, venres non teríamos tanta sorte, porque case non deixou de chover en todo o día. Unha mágoa, porque as rapazas e rapaces pouca oportunidade tiveron de lucir os outfits que, en troques do uniforme, puideron levar ao St. Gregory’s. Cousas dun casual friday no que houbo galletas para as máis aplicadas nalgunha que outra materia.  Cando sonou o timbre aínda caía auga a ceo aberto, polo que o traxecto até a parada e a espera polo bus aínda nos pareceron máis longas que de costume. 

Tamén por mor da chuvia, a busca do tesouro que tiñamos prevista como afternoon activity tivo que quedar para outro día no que o tempo acompañase e, no seu lugar, fomos á Victoria Art Gallery. Pese ao pequeno do sitio, e de que ao comezo ao grupo non parecía facerlle moita graza, os diferentes accesorios para disfrazarse e os materiais para debuxar acabaron por convencer a todas e a todos. 

Cando rematamos a visita, quedaba algo de tempo para un pouco de free time antes de marchar a cear coa host family. Había que repor as forzas de toda a semana, porque sábado volvía tocar full excursion day. Sorte que a proximidade de Bristol, o destino desta vez, fixo que non tivesemos que madrugar. O resto de detalles de como foi quedan para a seguinte.

Cheers!

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *