BATH, days 5 & 6: aniversario por partida dobre

Hello, how is it going?

Após un primeiro día de clase cheo de novidades, todo podería indicar que martes ía ser un día xa completamente normal. Pero nada máis lonxe, porque era o aniversario de Claudia! Ben cedo pola mañá, as compañeiras e compañeiros xa lle cantaron o happy birthday no bus. 

Ademáis, e ao chegarmos ao colexio, era hora de que nos presentasen ás e aos buddies. A sorpresa foi cando descubrimos que non terían a unha persoa asignada para cada un e cada unha. Pero non por escaseza, senón porque unha chea de estudantes se presentaran como voluntarias. Menudo éxito está tendo o noso grupo! 

Despois dun tempiño para coñecérense todas e todos, sonou o timbre (ou debería dicir alarma, porque menudo son que fai), e as nosas rapazas e rapaces marcharon a clase. Por exemplo, á de Spanish, onde lles ensinaron a curiosa diferenza que entenden que existe entre un pastel (básico, aburrido) e unha tarta (decorada, the very best). A nós, lonxe desas aulas tan interesantes, tócanos pasar o tempo na staff room mentres agardamos por elas e eles, polo que calquera recomendación de libros e series é máis que benvida. 

Ás 15.10 saíron todas e todos, e fomos directamente a coller o bus. Porén, aínda tivemos que agardar un bo chisco, porque o transporte público de Bath non é que destaque pola súa puntualidade (unha até bota de menos o Vitrasa). Con todo, ao final demos chegado con certa marxe á estación de buses. Alí esperábanos Charles, para levarnos a coñecer ao cidadán nº1 de Bath: o mayor

Recibíronnos na entrada do Guildhall e fixéronnos pasar ao Mayor’s Parlour. Alí estaba o alcalde, co seu famoso collar dourado (que emprega cando vai recibir visitas importantes, como algún que outro astronauta que estivo na lúa) posto. Mentres as rapazas e rapaces consumían a bebida e as galletas para merendar que lles ofreceran, o mayor contábanos cousas interesantes sobre o seu posto (sendo el a 795ª persoa que o ocupa) ou a cidade de Bath (que na actualidade vive fundamentalmente das súas dúas universidades e do turismo). 

A continuación, e posto que a host de Ainhoa e Sara é a deputy mayor, o alcalde aproveitou para ensinarnos un exemplo dos diferentes robes que, segundo o título que ostentan, locen en ocasións especiais. 

De seguido pasamos á Council Chamber, onde as e os estudantes puideron sentar nas cadeiras de aqueles e aquelas que forman parte do consello local da cidade. Alí, ao alcalde fixémoslle entrega dun regalo que lle mandan desde Vigo. Vos pensades que lle gustou? Eu coido que quizáis algún día o atopamos entre os turistas que baixan na Estación Marítima deses xigantescos cruceiros que nos visitan.

Para finalizar, o mayor ensinounos a impresionante Banqueting Room cos seus candelabros. Unha sala na que, ademáis de diversas celebracións, tamén se rodaron escenas da famosa serie de época Bridgerton. Como no grupo temos varias fans, quedaron encantadas (e máis que o estarán cando vaiamos ao Holbourne Museum, pero iso queda para a semana). 

Ao rematarmos, e como mostra de agradecemento, o alcalde regalounos uns pins e uns booklets da cidade, antes de desexarnos a mellor das estadías. Agardemos que así sexa!

Como xa era hora de volver para casa a cear, despedímonos das nosas e dos nosos estudantes até mañá. 

Co novo día, por mentira que pareza, tocaba aniversario outra vez. Desta, o de Mar, que tamén recibiu moitos parabéns (mesmo da súa host). Con ganas —ao menos, polo momento— chegaron todas e todos ao St. Gregory’s, onde comezaron tendo tutor time. Alí, e por grupos, preguntáronlles primeiro sobre estereotipos que tiñan sobre Inglaterra. Os máis repetidos foron a actitude da britsh people (que se preppy, que se serious, que se até rude) e o diferente que era a comida (poño diferente para non por algo peor). A continuación, tiveron que sinalar cousas que, nos cinco días que levaban no país, lles tivesen resultado sorprendentes. Desta vez, as respostas foron sobre as instalacións do colexio, os double-decker buses ou o cordón co que se acende a luz no baño. Unha vez rematada esta posta en común, para as súas clases que foron. Para algunhas das nosas estudantes, a máis reseñábel foi a de drama, onde estiveron facendo diferentes sons através dun micrófono mentres outras intentaban non rir. Clases coma estas non as hai en Vigo. 

Saíron de novo sobre a mesma hora, se ben tivemos que agardar por algunhas que se estaban a cambiar o uniforme. Porque era día de celebración por partida dobre. Así, e aproveitando que a afternoon activity ía ser free time en Bath, gran parte do grupo marchou ao Victoria Park a celebrar os dous aniversarios. 

📸: Mario

📸: Paula

Sobre as 18.00, era momento de recoller e comezar a marchar para casa. E menos mal, porque media hora máis tarde botóusenos a chover. Sorte que todas e todos xa temos bastante visto este tipo de clima. Secasí, e para evitar os resfriados que amezan con aparecer, a actividade de hoxe será nun sitio recollidiño: a boleira! Xa vos contarei quen gaña na próxima entrada.

Keep an eye out for that!

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *