HEADINGTON – 30/09 – School and afternoon riddles

Boas noites Familias!

Hoxe na escola foi un día normal no que ás clases se refire, pero no St. Gregory School houbo unha novidade. Temos 3 alumnas novas! Hoxe foi o primeiro día nesta escola de Lucía, Naiara e Julieta. Estiveron ben contentas coas súas novas asignaturas e xs novxs amigos que fixeron. Ademais, xs rapacxs que xa estaban nesta escola adoptaron o rol de anfitrións e presentáronlles a tódolos seus amigos, polo que se sentiron coma na casa dende o primeiro intre. 🙂

Ao rematar a escola, coma sempre, puxemos rumbo ao Cheney School. Agora Julieta, Naira e Lucía xa entenden por que pedimos que algún día baixen elxs ao St. Gregory: a súper costa matadora! Aquí temos que engadir unha cousa que aínda non vos contamos: a rúa na que desemboca esta costa chámase Hill Top Road, ou “a rúa da cumbre da colina”. Non teñen sentido do humor nin nada estes ingleses…

Os plans de hoxe, que consistían en algo moi British como é xogar ao cricket, truncáronse por mor do tempo. No Cheney esperábanos Ben para facer uns xogos. O tema dos mesmos foron riddles, ou adiviñas.

Para comezar, Ben escribiu unhas pistas no encerado e tiñamos que adiviñar a cousa da que se falaba. Despois contounos un conto que gardaba un enigma que tamén tivemos que adiviñar. Para rematar dividiu a clase en grupos e cada un deulle unha lista de adiviñas. Cada grupo tiña que pensar a resposta e dicirlla a Ben. Se era correcta el arrincaba esa adiviñanza da lista para que o grupo seguise coas outras, e ao grupo que menos adiviñas lle quedaran por respostar sería o equipo gañador.
Aquí deixámosvos unhas fotos para que vexades o transcurso da actividade.

 

Para este xoves, Ben pediulles que pensasen adiviñas de España para xogar un Beat the teacher xunto coas preguntas de verdadeiro e falso que nos pedira sobre Vigo.

Rematada a actividade, como aquí están a caer chuzos de punta, hai que buscar cobixo aqí que… todos para a casa!!

E ata aquí o día de hoxe, mañá traeremos máis novas.

PD: aquí deixámosvos un dos enigmas que tivemos que resolver esta tarde, a ver se sodes tan listos coma nós.
Se queredes, podedes deixarnos as vosas respostas nos comentarios, a ver se acertades 😉

What are moving left to right, right now?
Que se está a mover de esquerda a dereita agora mesmo?

Biquiños! 🙂

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *