HEADINGTON – 24/09 – Rain, school and British culture presentation

Boas noites, Familias!

Hoxe o día comezou moi axetreado para a maioría de nós. Era o primeiro día de cole con chuvia, e iso fixo que non calculásemos ben á hora de coller os autobuses… ninguén imaxinaba semellante tráfico! Menuda loucura! A partir de agora xa sabemos que, cando chova, temos que coller os buses con moita antelación, porque senón non chegamos! E xa sabemos como son os ingleses con isto da puntualidade…

A parte disto, a xornada lectiva levouse con normalidade: clases, algo de tempo libre para algúns, descansos, lunch break, máis clases… O grupo parece que se vai acostumando pouco a pouco á súa nova rutina (aínda que a algúns lles guste/custe máis que a outros).

Coma os outros días, o grupo do St Gregory tivo que subir a súa costa favorita para chegar ao Cheney e así poder facer xuntos e xuntas a actividade que tocaba hoxe: British Culture Presentation.

Coñeceron a Juliette, que será a encargada de monitorizar algunhas das actividades que están programadas. Comezou contando unha historia sobre ela, e os demais tiñan que adiviñar se era verdade ou, pola contra, mentira. Unha vez o descubriron, tocoulle ao grupo facer o mesmo. Houbo algúns voluntarios que se prestaron a contar historias bastante xeitosas e amenizaron moito a clase.

Unha vez roto o xeo, Juliette comezou a facer preguntas relacionadas sobre a nosa cultura, e comparándoas despois ca cultura inglesa. Por exemplo, falaron das diferenzas que hai en canto aos saúdos. Quedamos sorprendidos cando nos dixo que os ingleses aínda non teñen moi claro como saúdar a unha persoa que acaban de coñecer (se unha aperta, se bicos, se dar a man…). O truco que nos deu foi mirar fixamente aos ollos, e así saberemos se a outra persoa é máis de bicos, apertas ou ningunha das dúas.

Como última parte da clase, dividiu o grupo en parellas de traballo, para que comezasen a preparar unha presentación sobre algún tema relacionado ca cultura inglesa. Elixíronse diferentes topics como a comida, edificacións, famosos, educación… Hoxe fixeron o esquema do que será a súa presentación, e as vindeiras xornadas irán á IT classroom para buscar información e así completala.

Ás 16.30hrs remataron a actividade e tocou emprender o camiño de volta a casa. Agora toca descansar e recargar pilas que mañá hai que madrugar de novo!

Boas noites! Biquiños 🙂

 

 

 

avatar

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *