HEADINGTON – 02 & 03/10 – GOLF E XOGOS

Boas noites Familias!

Aquí estamos de volta.

Onte, mércores, o día na escola pasou como un día máis. A única diferenza era que non podiamos conter a emoción de só pensar na actividade que íamos ter pola tarde: mini golf!!

Como esta actividade era no centro de Oxford, os do St. Gregory non tivemos que subir ata o Cheney por un día, menos mal! O punto de encontro era o Westgate, ó que algúns fomos andando e, xs máis lacazáns, en bus.

Unha vez estivemos todos alí, repartíronse as pulseiras para poder entrar nos circuitos. Como eramos moitos, dividímosnos en grupos de 8 e iamos entrando cada 10 minutos, para non estorbarnos os uns aos outros. Unha das cousas que máis nos sorprendeu foi que máis que un minigolf parecía unha discoteca, con luces de cores, música, etc.

Pedimos desculpas de antemán, xa que debido ás condicións do sitio as fotos que sacamos non foron todo o boas que quixeramos, polo que non imos poder compartir demasiadas convosco. Supoñemos que xa vos decatastes de que na foto anterior falta xente. É porque un grupo xa entrara a xogar, pero as fotos onde estamos todxs non se ven nada ben 🙁

De tódolos xeitos, aquí vos deixamos as que puidemos rescatar.

Por certo!! Un dos circuitos estaba personalizado para dous dos nosos rapaces, vaia coincidencia!! jaja

Ao rematar todxs coincidimos nunca cousa: pasámolo xenial! 🙂
De aí, algúns deron unha volta curta polo centro comercial antes de voltar á casa, e outros foron dereitiños para ela, xa que estes días está a facer un frío de tolos!

Hoxe, xoves, os mesmos de sempre volvemos subir ata o Cheney despois da escola. Subir a famosa costa non fixo que deixaramos de estar conxelados por moito que apuráramos o paso. Semella que estamos en Siberia!

Unha vez alí, Ben esperábanos para comezar coa actividade da tarde. Comezamos xogando a clase contra el e xs rapacxs dicíanlle adiviñas para ver se as acertaba.
Despois puxémonos en círculo e xogamos a un xogo no que tiñamos que pasar a tixeiras á persoa do lado dicindo I’m passing the scissors crossed ou uncrossed, dependendo dunha cousa que non imos revelar por se algún día estes volo queren ensinar 😉

Cando todxs adiviñaron o truco do xogo, pasamos ao seguinte. Neste tiñamos que dicir cousas que caberían nunha cesta de picnic, pero tamén tiña trampa. Non importaba o significado das palabras que diciamos se non as palabras en sí. Como podedes imaxinar, tampouco imos revelar este segredo jaja

E ata aquí por hoxe, xa vos contaremos como vai o último día da semana e o que fan xs rapacxs na súa tarde libre.

Biquiños! 🙂

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *