Godalming 05/10 – De paseo ata a “capital” local

Día de festa! Ben, máis ou menos: Hoxe foi o “no uniform day“, o día no que está permitido ir á escola vestido como se queira e faise unha colecta que despois irá destinada a unha causa benéfica. Había quen simplemente levaba a roupa normal de fin de semana e quen se disfrazou especialmente para a ocasión, incluído algún profesor e profesora. Foi divertido!

Á tarde tivemos que mudar de actividade programada, pois ao adiar a visita oficial ao concello ata a próxima semana trastocóusenos un pouco o plan… Non pasa nada.

Xa que muitos e muitas non estiveran aínda na vila de Godalming propiamente dita, fixemos parte do fermoso paseo á beira do río Wey desde Farncombe ata Godalming (que realmente vai desde Godalming ata Guildford, bastante máis distancia).

Aí pudemos admirar algunhas das curiosas barcazas que circulan polas British Waterways, todo un sistema de canles navegábeis intercomunicadas por Inglaterra e Gales que son utilizadas como se fora unha autoestrada de caravanas, pero por auga! Hai quen vive nelas, outras son restaurantes, outras meramente recreativas, etc.

Tamén, como comentáramos onte, o instituto encóntrase oficialmente no concello de Godalming pero a localidade máis próxima é a aldea de Farncombe, mentres que a “capital” está a uns 25 minutiños andando. Grande parte dos vosos fillos e fillas están en casas da contorna de Farncombe, non de Godalming.

Godalming é unha vila pequena de todo, pero tipicamente inglesa e onde sorprende a cantidade de tendas e servizos que ten para o seu tamaño. Isto é normal aquí, pois como os núcleos habitados e as casas están moi dispersas, o centro do concello normalmente concentra máis cousas do que aparentemente debería para o seu tamaño real.

É impresionante a cantidade de xente famosa que saíu de aquí, desde o célebre escritor Aldous Huxley ata a banda de música Genesis, formada en Godalming! Este tamén foi o primeiro sitio do mundo en ter electricidade e alumeado público. Entre todo iso e as mil historias de fantasmas que ten, é un lugar ben curioso, verdade?

E ata mañán, cando iremos á cidade de vacacións por excelencia dentro de Inglaterra: Brighton! 🙂

avatar

Xoan Paredes

2 pensamientos en “Godalming 05/10 – De paseo ata a “capital” local

  1. Boa noite. Que lugares mais bonitos .xa poden grabar ben nas retinas todo o que ven , porque nos coas fotos que vemos unha miniatura xa quedamos perplejos ,non sei eles , pero me imaxino que non será para menos..

    • Vou contar un secreto: realmente isto non é taaan diferente da nosa terra en tema de paisaxes, etc. En que é diferente? En que todo está máis coidado, a xente ten cariño polas súas vilas, cidades, polo seu campo. Preocúpanse de forma xeral. Non é unha cuestión de diñeiro tampouco, é “xeito” coidando o seu patrimonio, sexan monumentos e edificios ou ríos e bosques.
      Teñen cousas malas, claro, como en todas partes, pero das cousas boas podemos sacar ideas 🙂 E creo, ademáis do inglés, que os vosos fillos e fillas tamén se van dando conta disto cando ás veces fan comentarios; só por iso para min isto é “misión cumprida” 😉

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *