EXETER
Tocou Sábado de viaxe! Locía un espléndido sol que nos acompañou durante todo o día. A aventura comezou coma sempre reuníndonos na Central Station con Alice, que foi a que nos guiou e nos informou de todo. Desta vez collemos o autobús.
A primeira parada foi nunha paraxe impresionante dun parque natural, onde fixemos unha andaina para poder chegar a HayTor Moutains. Alí escalamos a impresionante roca, onde a xente ía coa familia ou ben escalaba.
Vimos ponis ao lonxe, xa que son propios desta zona e habitan libremente e salvaxes, ademais dunha impresionante vista da explanada que nos rodeaba, pertencente a Dartmoor. Contan que o granito obtido desta paraxe foi utilizado para construír a ponte de Londres.
Seguimos o camiño para ir a unha pequena pero encantadora aldea onde fixemos o lunch e mercamos algúns agasallos… Pais e nais, algo vos vai tocar de Widecombe-in-the-Moor! Neste lugar reúnense anualmente para organizar unha feira de compra-venda de cabalos. A aldea colápsase ese día.
Ao rematar de comer puxemos rumbo a Plymouth, unha cidade mariñeira- esta cidade foi a zona de partida dos primeiros colonos cara aos Estados Unidos, no barco Mayflower en 1620-, cun porto impresionante que visitamos e rodeamos ata chegar de novo ao centro para poder visitar e mercar máis boas lembranzas no mercado de Nadal destes días tan sinalados.
Un saúdo
Eva, Noelia e Sandra