Eastbourne-Willingdon, the final week

You know all good things must come to an end, right?

O noso último luns comezaba, como xa viña sendo habitual, no Willingdon. Últimas aulas de varias de materias como English, onde algún lle estivo dando á pluma e escribindo poemas. Quen sabe, ao mellor temos un futuro premio nobel entre nós e aínda non o sabemos. Pola tarde, ao saírmos do high school cambiamos a ruta habitual e collimos un bus en dirección a Pevensey. Porque alí fomos visitar as ruínas do forte romano e posterior castelo medieval que, desde o 290 aC, defende as costas do county de East Sussex. 

Ao rematarmos a visita, subimos de novo a un bus para baixar ao town centre antes de recollernos para casa das nosas host families. Non descartedes que as e os estudantes xa coñezan mellor as rúas do centro de Eastbourne que as do de Vigo.

Co calendario xa no martes, a materia escollida da que despedirse no high school era Music, onde as rapazas e rapaces usaron por última vez as guitarras e o resto de instrumentos. 

Pero non había tempo que perder, que pola tarde tocaba unha das mellores afternoon activities: ir á piscina. Co bus, en breves chegamos ao Sovereign Centre, onde xa agardaba por nós o grupo de St. Catherine’s. Tendo as toallas a man e, unha vez posto o bañador, á auga que foron! 

Despois desta actividade algo cansada, tocaba volver a casa, aproveitando para ver, durante o taxecto, a praia da que é xa como a nosa segunda vila. 

A golpe de mércores, no Willingdon semellaba faltar profesorado de Spanish. Menos mal que varias das nosas estudantes deron un paso adiante e axudaron a levar a clase. Ademáis, e por ser o seu penúltimo día, levaron todas e todos o regalo dun polo co logo da escola. Como se precisasen de axuda para lembrar o seu paso polo high school! 

Xa de tarde, o afternoon plan consistíu en algo de tempo libre polo centro de Eastbourne. Téndolle botado xa o ollo a algunha que outra tenda, era o momento para que as rapazas e rapaces do grupo mercasen todo aquel souvenir que puidesen. Pero a ver, que non era gastar por gastar. É que non era plan de volver con billetes de pound de sobra. 

Apurando as compras chegamos ao xoves. Pero primeiro tocaba mañá de escola, onde lles prepararon unha presentación recompilando as súas creacións musicais e algunhas das súas fotos. O momento para as emocións continuou á saída, onde parte do grupo se despediu das amizades que fixeran e, especialmente, dos seus buddies

Tras as despedidas, deixamos atrás o Willingdon, e baixamos até o centro no xa mítico 51. Era o momento dun pouco máis de free time, no que aproveitar para adquirir provisións e intentar evitar os desorbitados prezos da comida de aeroporto. Secasí, o momento máis especial da tarde chegou ás 18.00: tocaba cea de despedida. Ocupando a primeira planta dun local de comida italiana, ceamos todas e todos xuntos. E, ao rematarmos, fixemos entrega dos diplomas que o Willingdon preparara para nós.

Pese a pagarmos unha conta de tres cifras, varias rapazas e rapaces deberon quedar con fame, porque até o McDonald’s fomos. Alí atopámonos co grupo de St. Catherine’s e, entre todas e todos, decidimos ir até a praia para ensinarlles aos británicos o que era unha festa de verdade. Con baño nocturno incluído!

Pero non pensedes que quedamos até tarde, porque venres tocaba madrugar. Ás 8.30, e arrastrando unhas maletas que desta vez pesaban máis, atopámonos na estación de tren. Mercados os últimos snacks nas tendas do Beacon, subimos ao bus e despedímonos de Eastbourne. 

Por excursións pasadas, xa sabíamos que Gatwick non nos quedaba moi lonxe, e chegamos ao aeroporto a media mañá. Volvía a haber nervios, pero desta vez era por se as maletas ían cargadas de máis. Por sorte, pasamos a facturación e o control sen maior problema. Xa dentro, tocaba esperar un chisco. Momento no que aproveitamos para comer algo. E unha vez soubemos cal sería a nosa porta, aló fomos embarcar. 

O momento que fai tres semanas parecía tan lonxano xa chegara, e o avión despegou deixando atrás o Reino Unido. Tras dúas horas de voo e un cambio de hora polo medio, fixemos unha breve escala en El Prat, para de novo continuar a viaxe até Vigo.

Era de noite en Peinador cando chegamos e ocupamos case ao completo o aeroporto. Ás maletas na cinta parecía non importarlles estivésedes esperando por nós, pero por fin saímos pola porta de chegadas. Entre bágoas e apertas, foron momentos de reencontros coas e cos que tanto botáramos de menos, pero tamén de despedidas das e dos que íamos a estrañar. Secasí, todas coa promesa de que non ía ser un good bye, senón un see you later.

Missing you already

— Cecilia

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *