Eastbourne-Willingdon, days 6 & 7

Hi once again!

Como comentamos, o mércores era día de boleira. Con todo, o día comezaba cedo outra vez, porque tocaba volver a clase. Despedímonos das rapazas e rapaces ás 8.30 na canteen para que iniciase o seu segundo día no high school. A maioría aínda está en proceso de adaptación, pero esperamos que para o final da estadía, acaben levando unha boa lembranza da escola.

Como o día anterior, recollímolos ás 14.10 para irmos xunto con Laora á boleira. Despois dun breve paseo até a estación de Polegate para coller o tren, do que axiña baixamos, chegamos a Tenpin Eastbourne. Divididos en grupos de 5 ou 6, as rapazas e rapaces xogaron unha partida aos bolos. Queda entre nós quen preferiu axudarse un pouco coas barreiras…

Ao remataren a partida, parte do grupo decidiu xogar nos recreativos do local. Mentres, a outra parte ía de expedición ao Saintsbury’s de xusto enfronte, a ver que era o que esta cadena de supermercados lles podía ofrecer. Aquí non se nos poden queixar, que están todas e todos colaborando activamente coa economía eastbourniana.

Xunto de novo o grupo, fomos todas cara á estación na que nos baixaramos. Alí, mentres o resto collía o tren até o centro da vila, algúns e algunhas decidiron ir dando un paseo até as súas casas. Desde logo, unha marabillosa forma de explorar Eastbourne un chisco máis.

Un día de actividade física daba paso a un algo máis relaxado, pero só pola tarde. De novo, a rutina da mañá comezaba na Willingdon Community School onde, en compañía dos seus buddies, as rapazas e rapaces van descubrindo cada día materias que nos seus centros de Vigo non teñen.

Á hora do reencontro, e aproveitando que este xoves sería o último día con sol durante un bo chisco da nosa estancia, as rapazas e rapaces preguntaron se podiamos cambiar de plans e, en troques dun tour polo pier que xa coñecen, irmos de picnic ao Hampden Park. Así que collemos un bus desde o high school e para aló que fomos.

No parque desfrutaron de free time entre as árbores e o estanque dos parrulos. Houbo quen até mercou un xeado! Rematando a improvisada actividade preto das 17.00, foron marchando ás súas casas —ben en bus, ben camiñando— ou baixando ao centro a cear (pero sempre e cando tivesen avisado con tempo ás host families!)

Remataba así o día, e con el o bo tempo tamén, porque hoxe xa espertamos co habitual ceo gris inglés que quizais nos obrigue a mudar os plans da tarde.

Better stay tuned,

Cecilia

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *