Eastbourne-Willingdon, days 10, 11 & 12

Long time no see!

Como dixemos, e especialmente após o acontecido o sábado (non vos preocupedes, non lles rifei por chegaren a casa bastante despois do toque de queda…) o domingo era día de descansar. Porén, as rapazas e rapaces do grupo semellan non quedar sen enerxías. “Juventud, divino tesoro” e esas cousas que di a xente maior. Así, a medio día baixaron até o centro para coller algo de comer e, aproveitando que non chovía, aló marcharon facer un picnic.

Despois dun moito máis calmo domingo, a semana comezaba regresando ao instituto, no que estes días tamén nos acompañan estudantes de Austria. Á vez que regresa a chuvia (que parece saber a que hora as rapazas e rapaces saen da casa), segue a mistura de materias, nas que o noso grupo aproveita para aprender dun xeito moito máis práctico que o habitual. Pero tamén para intentar relacionarse co alumnado de clases e anos diferentes.

O alumnado de Year 7 acordouse do noso grupo durante a elaboración dos doces para o seu pequeno mercado

Co reloxo pasando das 14.00, reencontramonos na recepción outra vez e fomos coller un bus para baixar até a cidade. O tempo inestábel que se prevé esta semana obrigou a un cambio de plans de última hora e, en troques de ter English lessons, o persoal de ELAC deixounos novamente free time. Pode semellar imposíbel, pero segundo que estudantes comezan a aburrirse de non ter nada que facer. Milagro ou non, e antes de que algunha ou algún se poña a contar as baldosas da entrada do The Beacon, parte do grupo decidiu regresar até Hampden Park, acompañados polas rapazas e rapaces de Vigo que están en St. Catherine’s. Volveu comezar a chover (como digo, a chuvia aquí debe ir accionada por sensor), pero iso non foi quen de impedirlles xogar ao fútbol, desfrutar dun xeado ou lanzar canastas nunha cancha que debe ter máis anos que todas e todos eles.

Despois deste improvisado exercicio, foron regresando para repor enerxías na cea que agardaba en casa das súas host families.

A mañá do martes comezaba con ceos despexados. De novo, despedímonos ás 8.30 na recepción, onde volvimos atoparnos á hora de sempre. E, unha vez máis, collimos o bus para baixar até o town centre. A este paso, os condutores da liña 51 van soñar coas nosas caras. Unha vez chegamos ao centro, a actividade que nos agardaba era un seafront quiz. É dicir, que por grupos de entre tres e seis persoas, as rapazas e rapaces terían que percorrer o paseo marítimo mentres buscaban nel as respostas ás 24 preguntas que tiñan que completar. Por exemplo, what is the sea temperature at the moment?, ou what is the name of the Mayor of Eastbourne? (mañá, a resposta vai ser obrigatorio sabela). Así, e á vez que tentaban resolver todas estas cuestións, o grupo puido explorar un chisco máis toda a liña de costa que nos ofrece a nosa vila de acollida. Aínda que, onde estean as Cíes no horizonte ofrecéndonos a súa protección, o resto non ten punto de comparación.

Unha vez rematado o tempo do quiz, algunhas e algúns quedaron algo máis polo centro, tomando café ou aproveitando para ir mercar un snack de última hora antes de retirarse a cear coas host families.

Aínda que o petisco poderíano gardar para a tarde de hoxe, que será cando recuperemos o roteiro de Beachy Head. Agardade por unhas fotos chulísimas desde o cumio dos cantís, mentres agardo eu que ningunha ou ningún lle teña demasiado medo ás alturas.

It’s going to be quite a climb

— Cecilia

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

2 pensamientos en “Eastbourne-Willingdon, days 10, 11 & 12

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *