Día 9 de outubro. Un verdadeiro punto de inflexión!

Pois o día chegou, señoras e señores. Por moito que estas tres semanas se nos pasasen voando… hoxe foi o último día de clase na Scoil Mhuire!!

Un día cheo de emocións: tristeza por marchar de Irlanda, por dicir adeus e volver á rutina… pero tamén moita alegría ao pensar que todos marchamos cunha familia irlandesa e cunha chea de novos amigos!

Ejem, ejem… perdón, que me deixo levar polo sentimento e non toca poñerse brandos, que aínda se lle pode sacar moito zume a esta experiencia!

Esta mañá tiñamos cita ás 9h no mini anfiteatro para asistir a ese misterioso e intrigante súper mega show que os nosos rapaces e rapazas prepararon durante estras tres semanas… e non sabedes canto nos gustou!

Javi en la presentación Presentación sobre Galicia

Na aula había dúas clases de alumnos irlandeses moi atentos ás nosas explicacións, que versaron sobre diferentes aspectos da nosa vida e cultura. En primeiro lugar fixéronnos unha presentación xeral cos datos básicos que calquera persoa debe coñecer sobre Galicia.

Despois contáronnos un pouco máis sobre os horarios españois, as comidas típicas, os personaxes célebres e as series e cine. Fixérono tan ben e foi tan completo que ata nos falaron de fútbol (Arenas de Alcabre!), de inventos made in Spain, de escritores e mesmiño de instrumentos musicais!

De feito, levamos unha grande sorpresa (os irlandeses quedaron coa boca aberta) cando todos os estudantes se levantaron e foron ao fronte a cantar a Rianxeira a coro. A piques estivemos de emocionarnos, estando como estamos tan lonxe da casa.

Kanturk Castle

Para rematar, e como este grupo está cheo de artistas de todos os tipos e xeitos, Ivo, Tania, Clarisa e André tocáronnos e cantaron a canción de “El universo sobre mi” de Amaral. Foi unha pasada!

Despois da comida e das últimas clases vivimos os momentos difíciles de despedidas entre bágoas, medios sorrisos e promesas de futuro. Se é que parece que non, pero xa estabamos instalados! Para despexarnos un pouco e aproveitando que non chovía fomos andando ata o castelo de Kanturk. Abandonado a medio construír hai uns 400 anos, este castelo de pedra é digno de ver e foi moi agradable pasear polo seu interior ao aire libre e os xardíns polos arredores.

Unha vez in situ, o profe de xeografía contounos un pouco a orixe e historia desta construción e os feitos que levaron a que hoxe sexa uns dos máis importantes castelos que se conservan en Irlanda.

Mañá temos a última saída de día completo, desta vez cara ao norte de Kanturk. Se queredes saber máis detalles, lédenos mañá (e seguide a galería de imaxes!)!

Deica loguiño!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *