Colchester (día 3): primeira visita a Londres

Boa noite, familias, avisamos que o post de hoxe ven cargadiño de contido 🙂

O primeiro que fixemos esta mañá foi collermos este bus tan chulo, que semellaba que estaba patrocinado pola mesmísima Royal Family, para a nosa primeira visita a Londres. Hoxe a encargada das actividades do college que viu connosco foi Priyanka, a cal se ocupou, ademais, de guiarnos pola cidade ata o Science Museum (Museo das Ciencias de Londres).

Un bus very British

A viaxe durou unhas dúas horas, amenizadas no comezo por unha banda sonora e uns cánticos moi patrios para, seguramente, contrarrestar os dos italianos do día anterior; por outra banda, outros xogaron en liña ao Uno É dicir, que cada un o levou como ben puido.

A viaxe non pintaba mal, non

Unha vez que chegamos, fomos directos ao museo e aí cada un elixiu a súa propia ruta polas salas, aínda que algún se queixase porque visitar un museo de ciencias non era a súa cousa favorita na vida.

Na entrada do museo, algunhas caras máis «emocionadas» que outras

Ao saírmos do museo, Priyanka levounos a Hyde Park, o maior dos catro parques «reais» que hai na capital, para xantar e descansar un pouco. A algún mesmo lle deu tempo de durmir unha sestiña ou tomar o sol… e aínda que aquí non está facendo tanta calor como vai aí, tampouco quedamos atrás.

Picnic en Hyde Park

Unha vez que rematamos, tiramos cara á zona de Oxford Street, unha das rúas máis comerciais da cidade, e alí os vosos rapaces tiveron tempo libre para pasear ou facer compras (que digo eu que algún souvenir vos caerá). Cando rematamos, ao ser sábado e ademais verán, Londres estaba moi cheo de xente, pero como cidade cosmopolita, de xente de todas partes do mundo. Motivo polo cal nos custou un pouco chegar ao punto de saída do bus de volta.

E como o día non podía acabar aquí, ao chegarmos, a rapazada tiña organizada unha actividade de «Festa dos anos 80» co resto do alumnado internacional do college. Con todo, antes tivemos que pasar rapidiño para cear, nalgún caso unha comida ben churruscadiña; como «proba do delito» a seguinte fotografía (grazas Hugo S. por este documento gráfico).

Elixan a opción correcta: (a) sola de zapato; (b) hamburguesa

Chegou o momento da festa e, aínda que finalmente a música dos 80 brillou pola súa ausencia, porén o que si houbo foi «pelexa de bolas» e «musicote» destes últimos anos. Tamén vos diremos que ao comezo non parecían moi emocionados, pero algúns o deron todo ata o último intre.

Hey, Mr. Dj!

O despois

Como fin de festa tivemos unha sorpresa desagradable, xa que Hugo S. perdeu o móbil, pero grazas a que nos mobilizamos entre todos, e os vosos rapaces e rapazas non dubidaron en buscar e preguntar, finalmente logramos recuperalo. Que alegría levamos! E, sobre todo, os vosos fillos un 10!

E isto é todo por hoxe, case nada, un día moi intenso. Mañá toca outra excursión. Aburiño!

avatar

Joaquín García Domínguez

2 pensamientos en “Colchester (día 3): primeira visita a Londres

  1. Moitas grazas pola narración diaria.
    Non sei se volverán con mellor inglés pero si semilla que repletos de historias que contar.
    E noraboa a Hugo e a todos os rastreadores que axudaron na búsqueda. Atopar un móvil perdido nunha disco ten que ser unha experiencia única…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *