Por aquí andamos, familias.
Que tal vai a vosa semana? Nós estamos xa na conta atrás e quédanos só unha semaniña por estes lares.
Por unha banda, hoxe iamos dicir que foi un día normal de clases pero, como chegou alumnado estranxeiro novo, pola tarde tiveron cambios de grupo improvisados… entón, digamos que foi «normal dentro das circunstancias». Por outra banda, segue a haber graduacións na universidade, así vai ser un e outro ata o día que nos imos.
Cambiando de tema, esta vez foron Alba e Carlota as que quixeron compartir connosco as súas habilidades culinarias de onte á noite, e é que as nosas rapazas están feitas todas unhas chefs promovendo a gastronomía española; con esa tortilla de patacas, os pementiños de Padrón… os ingleses máis que encantados, claro.
Mañá desconectamos do campus e viaxamos de novo a Cambridge, algunha aventuriña seguro que hai que contar por aquí. Boa noite!