Nottingham: Visita ao castelo da cidade! – 15/07

Boas xentiña,

Este venres foi un día de moita aprendizaxe cultural. Primeiro na escola, onde os diversos grupos nos que están repartidos os nosos rapaces fixeron exercicios de diferente tipo, por exemplo escoller un prato típicamente español e elaborar a receta en inglés. Como comparten clase cos franceses e eles teñen que facer o mesmo, é unha dobre aprendizaxe cultural, toma xa! Despois no recreo houbo novas rondas de lectura de cartas, xa que algúns se enteraron do xogo e entroulles a curiosidade por probar jeje…

Pola tarde fomos ao castelo de Nottingham, no que había moita variedade de cousas relacionadas con Robin Hood: simulacións de tiro con arco, xogos, contacontos…

Outras cousas que había eran cuadros e obxectos relacionados coa historia da cidade, acompañados de vídeos informativos de persoas caracterizadas da época, para que houbese máis facilidade para meterse nos acontecementos. Tamén algunhas salas eran incluso interactivas, como unha na que se podían deixar notas, na que claramente os nosos rapaces quixeron deixar a súa pegada 🙂 Finalmente demos unha volta polo arredor, no que había un xardín con ‘atraccións’.

Un biquiño

Noe e Aida

 

Nottingham: Stonebridge Farm – 14/7

Bos días xentiña!

A xornada deste xoves foi algo accidentada a decir verdade. As clases progresan adecuadamente, cos rapaces sendo moi traballadores e completamente dispostos a cooperar coas profesoras, pero recibiron malas noticias. Debido a un erro, a actividade de escape rooms tivo que ser movida ao luns, cousa que desanimou moito aos rapaces…Pero pronto conseguimos un novo plan para sustituilo: Stonebridge Farm.

Trátase dunha granxa nas aforas de Nottingham na que puidemos ver diversos animais e acaricialos. Incluso vimos tamén algún inusual como o suricato! Posteriormente, tivemos un anaco de relax e diversión nas mesas e parque que forman parte da granxa: cartas, que son ‘la vieja confiable’, xogos de preguntas, etc.

Poderíamos dicir que aínda que tiñan moitas ganas do escape room, quedaron bastante conformes coa visita á granxa xa que había moitos animais e puideron interactuar bastante con eles.

Vémonos o venres!

Noe e Aida

Un bo fuet na hora do ‘lunch’ para matar a morriña

 

 

 

Nottingham: Museo contemporáneo e relax xunto ao río – 13/07

Boas tardes lectores,

Como xa sabedes, pola mañá os nosos rapaces tiveron clase, que transcurriu como de habitual. Parece que xa están un pouco asentados no seu nivel, pero van ter que aproveitar porque a coordinadora de estudos xa lles avisou que a dificultade irá incrementando progresivamente, e eles están definitivamente agardando que ocurra, para engadirlle algo de picante ás cousas. 

Despois do apacible lunch, tiñamos visita a un dos museos da cidade, o contemporáneo, que a decir verdade, decepcionounos un pouco porque era algo pequeno. Sin embargo, ao ser un recorrido curto puidemos pasar un bo anaco preto do río Trent. No transcurso deste momento de relax, algúns decidiron aproveitar un pouco o sol e tumbarse, mentres que a maioría colleu unha baralliña española e xogaron a cousas diferentes: o mentiroso, o culo (renomeado pola nosa Carmen como ‘the bottom’ en inglés jeje)… E incluso descubrimos que temos diversos lectores do futuro no noso grupo, por exemplo Abril, que nos ensinou a ler a vida amorosa da xente nas cartas. 

Vémonos mañá na entrada sobre o escape room, actividade da que os rapaces teñen moitas moitas ganas. Un saudiño!

Noe e Aida

Nottingham: O primeiro día de clase – 11/07

Bo día familia!

Pilas recargadas despois do domingo! Hoxe foi o primeiro día de clase, e os rapaces e rapazas estaban un pouco ansiosos por non saber en qué clase estarían: terei a sorte de estar cun dos meus amiguis ou estarei só nunha clase chea de franceses? Pois con pracer podemos afirmar que os resultados dos rapaces foron tan pero tan bos, que están todos repartidos nos niveis más altos. Incluso a directora de estudos, que corrixiu os seus exames, falou con nós para dicir que tiñan un nivel excelente de inglés.

Descanso

As clases foron unha primeira toma de contacto, polo que empezaron por facer algo máis ‘light’. Fixeron actividades relacionadas con tradicións, xeografía, e unha actividade sobre a creación dun festival. As profes deberon quedar anonadadas coas ideas tan orixinais e simpáticas que foron xurdindo. Mostrámosvos algunhas delas!

Lucas Bóveda

Abril

Despois das clases, tocou quedar no centro para continuar co chamado “project”. A verdade é que non quedaron moi a gusto coa idea, xa que o plan era facer unha visita a un museo, pero non foi posible. Así, a directora de estudos explicoulle ao grupo en que consistiría este proxecto, no cal deberían ir engadindo algunhas ideas e comentarios sobre as distintas actividades que farán polas tardes ao longo do curso, de xeito que ao final se recollerá a memoria de cada estudante sobre a súa experiencia en UK que recibirá unha nota, e quizáis un premio e todo!

Empezaron polo tanto a escribir algunhas notas sobre aquelas cousas que máis lle gustaron da súa visita a Chatsworth House, e incluso nos saliu algún artista que debuxou o monumento. Houbo algún pequeno descanso no que as profes decidiron facer unha dinámica xogando ao aforcado con vocabulario en inglés para animar un pouco ao grupo, que estiveron encantados de participar. Xa logo pola tarde poideron desfrutar do seu tempo libre coñecendo un pouco máis o centro da cidade.

E veña, a repoñer forzas para a sesión deportiva que teremos mañán despois das clases!

Aida e Noe

Nottingham: Clase e deportes – 12/07

Ola un día máis!

Tras unha xornada de tres horas de clases, nas que houbo cousas algo máis monótonas como exercicios de gramática, tamén tiveron actividades máis áxiles como xogos como o ‘never have i ever’ e despois fomos todos ao pabellón de deportes próximo ao cole. Foi unha mañá intensa de moito tempo de clase, polo que coinciden en que lles veu ben relaxar un pouco as tensións. Así, puideron divertirse practicando baloncesto, bádminton ou pingpong. Aínda que foi algo difícil porque os rapaces estaban moi metidos na actividade e había moito movemento, puidemos capturar algúns momentos da tarde que vos deixamos aquí embaixo!

Biquiños!

Noe e Aida

 

 

Nottingham: excursión a Chatsworth House! – 09/07

Ola a todos 🙂

Este sábado foi a nosa primeira excursión de día completo, tratou dunha casa señorial chamada Chatsworth, propiedade dos duques de Devonshire e na que se grabou unha película tan famosa como a adaptación de 2005 da novela de Jane Austen Orgullo e Prexuízo. 

Comezou a viaxe pronto pola mañá cunha volta polo exterior, no que hai un cabalo mecánico que se move unha vez por hora. Cando chegamos non tivemos tempo de velo ben, pero por fortuna para os rapaces, puideron velo en acción máis tarde e gravar vídeos e facer fotos. Posteriormente dividímonos en dous grupos e comezamos o tour dentro da mansión, onde apreciaron cómo eran as habitacións dos duques e os distintos elementos artísticos que as decoraban.

Unha vez rematado o tour, partimos nunha excursión polos xardíns ao redor da casa, que son inmensos. Nun deles, atopamos un labirinto cunha plataforma elevada no centro, e dixemos ‘vamos intentar atopala, por qué non?’. Bueno, hai que admitir que non foi tan fácil como pensabamos, pero foi todo un éxito ao final, e quedou un bo recordo de todos os rapaces intentándose axudar entre risas mentres recorrían os pasillos do labirinto.

Tamén vimos unha fonte enorme e fixemos unha foto xusto diante da fachada que se ve na película, que fai o papel da casa de Pemberley. Finalmente, tiveron algo de tempo libre para explorar e descansar 🙂

Jorge e Lucas

Laura, Diego, Lucas, Sofía e Pedro xogando ás cartas no descanso

Mañá terán tempo para desfacerse por fin de todo o cansancio dos primeiros días. Despedímonos un día máis e feliz domingo!

Aida e Noe

Nottingham: toma de contacto – 08/07

Ola de novo!

Hoxe foi a primeira toma de contacto dos rapaces coa cidade na que estamos a residir, e foi bastante exitosa para aínda non ter moito costume do lugar! Chegamos ao punto de encontro sobre as nove, e intercambiaron impresións sobre as host family, que foron boas en xeral. Algúns deles comparten casa con estudantes franceses cos que tamén coincidirán nas aulas.

Posteriormente visitamos a facultade, na que os mozos e mozas recibiron a benvida ao programa e coñeceron á profesora Lauren, coa que realizaron a proba de nivel,  da que coñecerán os resultados o próximo luns.

 

Logo Lauren levounos a visitar The Arboretum, preto da facultade, onde sentaron en círculo e puideron falar e coñecerse mellor, xa que recordámosvos que son catro coles diferentes polo que aínda están familiarizándose coas caras. Tiveron algo de tempo para explorar o parque e despois xantamos e tomamos o sol.

Logo do ‘lunch’ reunímonos outra vez con Lauren para comezar o tour da cidade. Comezamos no centro, onde fixemos algunhas fotos e tamén unha pequena parada para coller os pases do bus que van utilizar toda a estadía. A parte que máis lles gustou foi a estatua de Robin Hood, na que fixemos varias fotiños, incluso coa pose del! 🙂

Finalmente, rematamos a actividade no cole, onde algúns marcharon coas súas host family, outros agardaron aos estudantes franceses das súas casas para marchar, e outros que foron xa probando a coller o transporte público por eles mesmos.

Biquiños e ‘falamos’ mañá!

Noe e Aida

Nottingham: chegamos! – 07/07

Ola familias!

Hoxe foi un día intenso para o noso grupo. É verdade que comezamos con bastante présa e tivemos pouco tempo para coñecernos, pero bueno, tivemos uns voos moi agradables!

Unha vez aterramos en Manchester saímos cun pouco de retraso cara o noso destino, pero estando xa no bus, tivemos por fin a oportunidade de falar con máis calma e comentar a mañá. Tras un longo traxecto no que se facían visibles as caras de cansancio, finalmente chegamos ao punto de encontro onde cada un puido coñecer e marchar coa súa host family.

Despedímonos aquí, temos que recuperar forzas para comezar xa co primeiro día nas aulas, ata mañá!

Noe e Aida

 

Presentación Monitoras – Nottingham

Boas tardes a todos e todas!

Nós seremos as monitoras que vos van acompañar durante as próximas semanas de estancia en Nottingham. Imos usar esta entrada do blog para que nos coñezades un pouquiño antes do encontro no aeroporto.

O meu nome é Noelia e na actualidade estou finalizando o Grao en Linguas Estranxeiras. Fai xa bastantes anos tiven a sorte de participar no programa Vigo en Inglés como estudante, que foi a miña primeira aventura fóra da casa, e á que lle seguiu tempo despois o programa Erasmus+. Experiencias como estas abren moitas portas tanto lingüística como culturalmente, polo que teño ganas de vos acompañar e axudar nesta vivencia tan proveitosa.

Eu chámome Aida, son do concello de Teo e estudio na Universidade de Santiago, por iso esta experiencia tamén é nova para min, posto que ao non ser de Vigo non coñecía este programa de antes, como algunhas das miñas compañeiras. Porén, teño moitísimas ganas de comezar xa e coñercervos a todos e todas canto antes. Espero que esta oportunidade vos resulte moi enriquecedora e que a disfrutedes un montón, e saibades que tanto eu como a miña compañeira estamos á vosa disposición para calquera dúbida, cuestión ou problema que teñades. 

Acordade ter todo en orden chegado o momento para evitar contratempos de última hora (non esquezades o pasaporte e o permiso paterno!) Vémonos prontiño. 

Unha aperta,

Aida e Noe