Colchester (día 11): domingo coas familias

Boas, xentiña!

Espero que tiverades un bo domingo, aínda que seguro que botastes de menos ás vosas fillas e fillos.

Como o prometido é débeda aquí vos deixo algunhas das fotos que me pasaron os vosos rapaces, para que vexades como foi o día coas súas familias de acollida. Vese que moi ben e, ademais, non deixa de ser unha boa escusa para seguir practicando o inglés do día a día.

Pablo e Juan, por exemplo, comezaron o día almorzando un auténtico English Breakfast. Moi rico, polo que me dixeron, pero difícil rematalo todo. Unha vez que colleron forzas, a súa familia levounos a un sitio moi chulo a 10 min de Colchester.

Un almorzo contundente, moi light non podemos dicir que sexa, non

A familia de Anxo e Sabela levounos, pola contra, ao centro de Colchester. Aquí os podemos ver na Water Tower e o Hole in The Wall, que se atopan nas inmediacións do castelo. Remataron o día vendo a peli de Elvis, en versión orixinal, por suposto (hai nivel).

Hole in the Wall coa Water Tower e dous guiris ao fondo

O mesmísimo Elvis, the movie

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por outra banda, Uxía e Elisabeth pasaron un día de praia en Clacton-on-sea coa sua familia. O sol inglés tampouco perdoa, mesmo que esteamos nestas latitudes, así que lentes de sol e sombreiro se fai falla.

Nas toallas, coas casetas de cores no fondo

Contentas cos seus soft ice-creams

Germán e Alonso pasaron un día máis caseiro: primeiro foron á piscina e despois tiveron a típica barbacoa familiar dos domingos; e para mostra estas fotografías.

Coral e Claudia estiveron en Clacton-on-sea e se atoparon de casualidade con Antía, Lola, Daniela e Lara (aquí tamén pasan estas cousas, xa vedes), así que aproveitaron para pasar un ratiño xuntas. Déixovos a foto que fixo Coral e que «testemuña o momento».

Na zona recreativa de Clacton Pier

Día de praia de Antía e Lara coa súa host family

Outras das nosas rapazas, Carla e Paloma aproveitaron para dar un paseo polo seu barrio e despois tamén remataron en Clacton-on-sea, sen dúbida o destino máis popular de hoxe.

Carlota e Alba probaron un dos pratos británicos por antonomasia: o fish and chips e, máis tarde, tiveron un plan totalmente distinto, xa que o seu host father levounas a navegar coa canoa (planazo!).

No caso de Hugo C., Gabriel e Miguel leváronos a un verdadeiro club social inglés e alí xogaron ao billar, como tres verdadeiros gentlemen.

Por último, algúns como Pablo e Juan ata se atreveron a cocinarlles unha verdadeira tortilla española á súa host familiy. Ole por vós, rapaces!

Espallando a gastronomía española por terras británicas

E iso é todo por hoxe. Mañá toca clase e comezo de semana, coidádevos!

Colchester (día 10): clase, aniversarios e despedida do alumnado italiano

Aquí estamos de novo, familias!

Xa nos atopamos no ecuador desta aventura, como quen non quere a cousa.

Nada máis chegarmos á universidade, enterámonos de que dúas das nosas rapazas estaban de aniversario: Carlota e Claudia. Pillounos un pouco por sorpresa e non lles tiñamos nada preparado (aínda que seica tiveron algunha sorpresiña por parte das súas host families). Pola nosa parte, que mínimo que cantarlles o Cumpleaños feliz e, aínda que era primeira hora, démolo todo! Antía, tamén se contaxiou da ocasión e portou a coroa durante todo o día ata que ela mesma, por erro, pisouna e rematou o seu reinado. Vaites!

As homenaxeadas, Claudia (primeira á esquerda) e Carlota (segunda á dereita).

Por outra banda, a rapazada xa está máis que integrada co estudantado italiano co que comparte clase… E pensar que o primeiro día non querían saber nada deles!

Conexión italoespañola entre os fillos de Dante e Cervantes

Algúns dos rapaces nun descanso das clases: Daniela (en primeiro plano), Hugo S., Germán, Miguel, Alonso, Coral e Carlota (de esquerda a dereita)

Pola tarde tiveron a «graduación» dos seus compañeiros italianos, onde lles entregaron os diplomas e á que os nosos rapaces, como non, tamén asistiron.

Graduación ao aire libre neste marco incomparable (alumnado italiano ao fondo e cabezas dos nosos rapaces en primeiro termo)

A última hora, como todos os sábados, o college organizou a actividade de disco party con música dos anos 2000, moitos refrescos, palomitas e algodón de azucre.

Girls are ready for the party

Cris, a nosa monitora, toda contenta co seu algodón de azucre

Non van convencidos, pero logo non hai quen os saque dalí

Fin de festa con orgullo patrio e subidón de azucre

Para rematar o día, a despedida entre italianos e españois, estivo chea de moita emoción, apertas e algunha que outra bágoa. Sen dúbida hannos botar de menos.

Últimas apertas antes da despedida definitiva, Spagna e Italia nel cuore

Mañá será un día para compartir coas host families, a ver se sacan moitas fotos e as compartimos por aquí. Lémonos na próxima entrada do blog!

Colchester (día 9): segunda visita a Londres

Como ides, familias?

Aquí vai a crónica do día, e xa vos vou avisando que hoxe vén cun amplo despegue de reportaxe gráfica.

Comezamos a nosa segunda visita a Londres no mercado de Covent Garden, que se atopa no barrio do mesmo nome en pleno centro de Londres.

Durante toda esta viaxe tiveron tempo libre para pasear ou facer compras e iámonos atopando de novo nas prazas, para facer xuntos parte da ruta. Así algúns foron, por exemplo, ao M&Ms World, que ten unha tenda moi colorida chea de merchandising e destes «chocolates»; ou á tenda de Harry Potter.

M&Ms everywhere

Os Beatles sen filtro

Detalle da tenda de Harry Potter

Primeira parada en Leicester Square, unha praza peonil no medio do West End londinense.

Vigo en Leicester Square (Mary Poppins colouse ao fondo)

Algunhas fotos máis de varias paradas polo noso percorrido.

Antía, Alba e Alex (Vigo calidade)

Claudia, Alex, cabeciña de Lola, Carlota, Antía (Vigo calidade II)

Sitios así de chulos no camiño (e os modelos, como non):

Natureza urbana e fauna (Antía, Alba, eu, Carlota)

Máis natureza urbana e fauna (Paloma, Daniela, Carla, Juan)

Tamén tiveron tempo de facer as fotos máis instagrameables no barrio chinés de Londres, Chinatown.

Rapazada querendo escapar do modo de vida occidental

Lola facendo amigos («pikaa pikaaa pikachuuu»)

A seguinte parada foi Trafalgar Square, que conmemora a batalla que perdeu a frota francoespañola (e xa de volta somos nós a que a invadimos agora).

Nesa mesma praza atópase a National Gallery, o principal museo de Londres.

Invasión de bechos no xeado xigante enfronte da National Gallery

Parte dos rapaces decidiron ir ao museo e, ao entrarmos, todos sufrimos un pouco da «síndrome de Stendhal». É abraiante a calidade das obras e dos artistas do museo, sen dúbida un dos museos máis recoñecidos a nivel mundial.

«Os xirasoles» (Vincent Van Gogh). Foto cortesía de Sabela

«Venus do espello» (Velázquez). Foto cortesía de Dani

Como non, non podían faltar ás fotos coas típicas cabinas telefónicas británicas.

Alba, Carlota e Antía calling

OMG! What’s happening? (Uxía e Lola)

Estas rapazas teñen futuro no mundo da interpretación

Outros dos grupos dos rapaces decidiron facer algunha foto con lugares «icónicos» de Londres.

Miguel, Hugo Carro, Gabriel e Alonso co Big Ben

Un clásico, a foto en Vigo Street

E despois de este día tan ben aproveitado, como se aprecia nas súas caras, pode dicirse que o pasamos xenial.

De camiño a Diego atrapouno unha koala

No bus de volta tamén houbo un momento histórico, no que Antía gañou ao parchís.

Vémonos mañá, que toca día de clase. Abur!

Colchester (día 8): día de clases

Ola, outro día por aquí!

Esta vez foi un día normal de clases para case todos. Por outra banda, algúns estaban contentos porque parecía que non viña o seu profesor, pero a súa «alegría» esfumouse en 2 minutos cando viron aparecer ao substituto… Así é a vida, rapazada!

Como novidade, no campus había uns postos de comida tipo mercadiño con croissants, pasteliños e unha especie de empanadillas.

Algúns dos postos de pastries, ao chegarmos ao campus case quedan pegados a eles

Corte transversal de empanadilla con recheo

Entre clase e clase pasan o tempo de parola ou argallan algún xogo. Por exemplo, aquí temos a Alex mentres arrisca a cabeza co «lanzamento de botella» de Carlota (con certeza unha próxima disciplina deportiva); moi boa puntería, por certo, parabéns!

Carlota, lista, en posición inicial

Concentración e… obxectivo conseguido (non lamentamos baixas nin danos persoais)

 

 

 

Mañá toca visita a Londres e xa haberá algunha aventura máis que contar. Ata mañá, familias!

Colchester (día 7): día de actividades no «college»

Boa noite, familias!

Xa levamos unha semaniña por estes lares, os días pasan rápido.

Hoxe tocou día de actividades no St. Andrew: pola mañá tiveron clases de conversa nos distintos niveis para practicar o speaking e, máis tarde, separáronse en dous grupos para xogar a «polis e cacos» (polis contra cacos, mellor dito).

Percíbese a tensión entre ambos os bandos

Pola tarde, despois do lunch, foi a quenda dun dos deportes británicos por excelencia: o tenis. Aquí tedes parte da reportaxe gráfica destas posibles figuras do deporte. Que os British se preparen no próximo Wimbledon!

Damos comezo ao torneo!

Saque de Juan

Miguel practicando sen raqueta (pelota vasca ou tenis?)

En acción

Golpe de revés de Anxo

Dani «dándoo todo»

Paloma «Wiliams» en pleno voo

Por hoxe é todo, mens sana in corpore sano. Deica mañá!

Colchester (día 6): primeiro día de clase

Ola! Aquí estamos cunha nova entrada do blog.

Hoxe fixo unha calor un pouco abafante, seguro que non tanto coma aí, pero tamén lle chegou. Así que foi o mellor día para comezar oficialmente as clases que, por outra banda, xa ía tocando. Si, tamén sabemos que para algúns dos rapaces iso nunca acontece, pero é unha parte importante desta inmersión lingüística.

Esperando, como todas as mañás, a que vaia aparecendo o resto da rapazada

Tamén era o día en que lles daban os resultados da proba de nivel no St. Andrew’s, o seu college, para que así soubesen en que grupo lles tocaba e con quen (isto último tíñaos a algúns un chisco preocupados). Xa vos informo que a cousa foi moi ben, porque todos e cada un deles e delas están divididos en tres grupos nos niveis máis avanzados, desde «Advanced» a «Proficiency» (Vigo calidade).

Aquí, mentres comproban os grupos que lles asignaron

Cada un na procura do seu correspondente grupo

Para que vexades como vai un pouco o tema dos horarios: teñen clase desde a 9 da mañá (con un break de 20 min polo medio); hora e media para o lunch; e volta (con outro break) ata as 5 da tarde.

Algúns contáronme que estaban realmente cansos despois das clases, pero é normal porque foi o primeiro día e, por suposto, todo leva unha adaptación.

Selfie time, ben que saímos (e máis para ser á última hora da tarde)

E así rematou esta xornada tan produtiva, cada un para a súas host families correspondentes, que mañá é outro día!

Colchester (día 5): visita a Clacton-on-Sea e Colchester

Outro día por aquí, familias.

Hoxe tocou un bus de dous pisos para irmos ata Clacton-on-Sea, unha localidade costeira turística a unha media hora de Colchester (de feito algúns dos vosos rapaces viven bastante preto). Para facer as actividades acompañounos Lucie, unha rapaza ben riquiña que é persoal de actividades do St. Andrew’s College, e que tamén nos acompañou á nosa visita do primeiro día a Cambridge. Os vosos fillos xa a queren tanto que ata a ensinaron a falar en español…

Chegando ao peirao de Clacton-on-Sea

Había vontade de pasalo ben

A principal atracción de Clacton-on-Sea é o Clacton Pier (o peirao de Clacton), que se caracteriza porque é un peirao antigo que ademais ten unha especie de miniparque de atraccións e que semella sacado dunha película americana.

Como as festas de Coia, pero en inglés

Daniela deulle unha tremenda paliza a Paloma na dance machine

Moi de peli americana

Os que quixeron tamén puideron ir á praia, incriblemente ía calor e a auga non estaba tan fría.

Jaiwick Beach, co Clacton Pier ao fondo

Volvimos coller o bus para visitar a nosa cidade anfitrioa, seguinte parada: Colchester que, por se acaso non o sabedes, é unha cidade do sueste de Inglaterra que pertence ao condado de Essex.

Chegada a Colchester, entrada do Castle Park

O primeiro que visitamos foi o Hollytrees Museum, un museo que está situado nun edificio de estilo xeorxiano e que dispón dunha colección de obxectos (reloxios, xoguetes, roupa…) que permiten representar a vida da época. Ao comezo, os rapaces non parecían moi convencidos, pero polas fotos parece que non o pasaron tan mal, como o vedes?

Alba, Carlota, Elisabeth e Antía abraiadas coa casa de bonecas

Lola axudando a Dani co traxe de maid (doncella) da época

Proba superada para Diego, que logrou saír das fauces da ra

Despois de tantas «emocións» aproveitamos para descansar nas inmediacións do Castle Park, para xantar e xogar ao Tabú, que nesta ocasión consistiu en averiguar unha palabra inglesa, pero só describíndoa en inglés e sen poder dicila expresamente.

Tempo para descansar e xogar

Por último, tiveron tempo libre para facer o seu primeiro percorrido e ter unha primeira toma de contacto coa zona do centro da cidade: visitar cafeterías, ir ás tendas ou, simplemente, pasear. A única condición era que tiñan que facer enquisas e parar á xente pola rúa para practicar o seu inglés  («que é o mellor da cidade?», «que mellorarían?» etc).

Paloma entrevistando en inglés a un transeúnte (unha futura xornalista, quizais?)

E por hoxe isto é todo. Mañá xa tocan clases no college, que non vai ser todo inmersión cultural. Good night!

Colchester (día 4): viaxe a Dover e Canterbury

Ola! Por aquí andamos de novo.

Esta vez tocounos un minibús só para nós, que nos levou ata Dover. Esta cidade portuaria ao mellor vos soa porque é o nome dun popular grupo español de música dos 90, pero realmente é coñecida polos seus acantilados brancos e porque ao outro lado do Canal da Mancha divísase Francia.

«Viguismo» polos catro costados en Dover

Acantilado entre Alex e Alba; Lola, Carlota e Uxía; e Canal da Mancha a carón de Diego e Antía (de esquerda a dereita).

Esta vez tamén nos acompañou Priyanka, aínda que varios dos rapaces estaban empeñados en chamala Bianca (máis fácil, iso si). Unha vez eb Dover, tiveron algo de tempo libre para camiñar polos sendeiros e apreciar esas fabulosas vistas. Como curiosidade, tamén había unha casetiña chea de libros de segunda man que podías mercar e logo proceder ao «autopago» (non sabemos se funcionaría moi ben en España, British style).

Despois, a media hora, chegamos a Canterbury, Patrimonio da Humanidade e principal centro relixioso do Reino Unido, e aí tamén tiveron tempo libre para visitar todas esas rúas medievais cheas de tendas e cafeterías encantadoras.

Os nosos rapaces polas rúas pintorescas da cidade

 

Os tres mosqueteiros en Canterbury

Amizade, tamén en Canterbury

Como non, tamén houbo tempo para compras e mesmo para probar outfits do máis colorido.

Gabriel luce modelo temporada verán-Canterbury 2022

E incluso nos pareceu ver á mesma raíña de Inglaterra!

God Save The Queen

Por último, collimos o bus de volta e en dúas horiñas estabamos na casa. Mañá quedamos máis cerca. Lémonos!

 

Colchester (día 3): primeira visita a Londres

Boa noite, familias, avisamos que o post de hoxe ven cargadiño de contido 🙂

O primeiro que fixemos esta mañá foi collermos este bus tan chulo, que semellaba que estaba patrocinado pola mesmísima Royal Family, para a nosa primeira visita a Londres. Hoxe a encargada das actividades do college que viu connosco foi Priyanka, a cal se ocupou, ademais, de guiarnos pola cidade ata o Science Museum (Museo das Ciencias de Londres).

Un bus very British

A viaxe durou unhas dúas horas, amenizadas no comezo por unha banda sonora e uns cánticos moi patrios para, seguramente, contrarrestar os dos italianos do día anterior; por outra banda, outros xogaron en liña ao Uno É dicir, que cada un o levou como ben puido.

A viaxe non pintaba mal, non

Unha vez que chegamos, fomos directos ao museo e aí cada un elixiu a súa propia ruta polas salas, aínda que algún se queixase porque visitar un museo de ciencias non era a súa cousa favorita na vida.

Na entrada do museo, algunhas caras máis «emocionadas» que outras

Ao saírmos do museo, Priyanka levounos a Hyde Park, o maior dos catro parques «reais» que hai na capital, para xantar e descansar un pouco. A algún mesmo lle deu tempo de durmir unha sestiña ou tomar o sol… e aínda que aquí non está facendo tanta calor como vai aí, tampouco quedamos atrás.

Picnic en Hyde Park

Unha vez que rematamos, tiramos cara á zona de Oxford Street, unha das rúas máis comerciais da cidade, e alí os vosos rapaces tiveron tempo libre para pasear ou facer compras (que digo eu que algún souvenir vos caerá). Cando rematamos, ao ser sábado e ademais verán, Londres estaba moi cheo de xente, pero como cidade cosmopolita, de xente de todas partes do mundo. Motivo polo cal nos custou un pouco chegar ao punto de saída do bus de volta.

E como o día non podía acabar aquí, ao chegarmos, a rapazada tiña organizada unha actividade de «Festa dos anos 80» co resto do alumnado internacional do college. Con todo, antes tivemos que pasar rapidiño para cear, nalgún caso unha comida ben churruscadiña; como «proba do delito» a seguinte fotografía (grazas Hugo S. por este documento gráfico).

Elixan a opción correcta: (a) sola de zapato; (b) hamburguesa

Chegou o momento da festa e, aínda que finalmente a música dos 80 brillou pola súa ausencia, porén o que si houbo foi «pelexa de bolas» e «musicote» destes últimos anos. Tamén vos diremos que ao comezo non parecían moi emocionados, pero algúns o deron todo ata o último intre.

Hey, Mr. Dj!

O despois

Como fin de festa tivemos unha sorpresa desagradable, xa que Hugo S. perdeu o móbil, pero grazas a que nos mobilizamos entre todos, e os vosos rapaces e rapazas non dubidaron en buscar e preguntar, finalmente logramos recuperalo. Que alegría levamos! E, sobre todo, os vosos fillos un 10!

E isto é todo por hoxe, case nada, un día moi intenso. Mañá toca outra excursión. Aburiño!

Colchester (día 2): primeiro día de «college»

Ola de novo! Hoxe foi o primeiro día oficial no college da universidade e xa tocaba facer as probas para que despois poidan incorporarse ás clases segundo o nivel que lles corresponda a cada un. A espera fíxose un pouco longa, porque chamaron a todos os grupos de italianos e deixáronos para o final (como se di: «o mellor para o final»).

Un pouco de nervios antes da proba de nivel

Tiveron varias probas ao longo do día, das distintas destrezas, con pausas polo medio e, como non, unha pausa grande para o lunch, para coller enerxías para a seguinte. Así que a «inaugurar» a tarxeta que nos deron na uni para poder xantar nas cantinas.

Aquí unha mostra da comida

E parece que a cousa non foi tan mal porque polo que nos dixeron en petite comité o nivel dos vosos rapaces é moi bo. O próximo día de clase xa saberemos os resultados.

Mañá toca excursión a Londres, seguiremos informando por estes lares británicos. Deica mañá!