HEADINGTON – 25/09 – Misa en St. Gregory School e tarde de deporte

Boas noites, Familias!

Esta mañá celebramos o día de San Gregorio, santo que dá nome ao St. Gregory School. Hoxe non era o día oficial deste santo, pero esperaron ata hoxe para facer a festa xa que o día 3 só estaban na escola os estudantes do year 7.

Ás 9:30 dirixímonos ao Sports Hall que se volveu igrexa durante unha hora. Nel, o staff do cole puxera un altar e decorara o pavillón con diferentes símbolos do Cristianismo.

A misa oficiouna un dos axudantes do Obispo de Birmingham. Algúns dos alumnos da escola subiron ao altar a ler diferentes frases e, para demostrar a diversidade da escola, esas mesmas frases foron traducidas á primeira lingua doutros estudantes, como Portugués ou Polaco entre outras. Por suposto, houbo representación española nesas frases e a encargada de ler foi a nosa rapaza Candela. Iso sí que é integracion, ben por ela! 🙂

Ao rematar puidemos falar un pouquiño cos monxes que acompañaban ao bispo, e mesmo con el!

O resto do día na escola transcorreu con normalidade e, ás 15.00, como de costume, collemos rumbo ao Cheney School. Xa vai sendo hora de que eles baixen algún día… ¬¬

Hoxe tivemos bastante sorte co tempo, xa que non choveu ata case chegar ao Cheney, cousa que non esperábamos porque unhas nubes negras como o carbón ameazaban con botar o diluvio universal.

Cando chegamos, fomos directos ao pavillón do colexio. Alí xa nos estaban esperando os alumnos do Cheney, impacentes. Unha vez todos xuntos, tivemos que facer os equipos para xogar ao brilé, mais houbo algún problema para elexir aos capitáns, así que unha das monitoras pechou os ollos e sinalou a dous dos estudantes para desenrolar tal papel. Despois veu a parte fácil: elexir aos equipos…

…e comezar a xogar!!

Unha vez rematado o partido, como aínda tiñan un anaco para seguir xogando, cada un escolleu o que prefería facer.

E con isto en un biscoito… Ata mañá!

Biquiños 🙂

 

HEADINGTON – 24/09 – Rain, school and British culture presentation

Boas noites, Familias!

Hoxe o día comezou moi axetreado para a maioría de nós. Era o primeiro día de cole con chuvia, e iso fixo que non calculásemos ben á hora de coller os autobuses… ninguén imaxinaba semellante tráfico! Menuda loucura! A partir de agora xa sabemos que, cando chova, temos que coller os buses con moita antelación, porque senón non chegamos! E xa sabemos como son os ingleses con isto da puntualidade…

A parte disto, a xornada lectiva levouse con normalidade: clases, algo de tempo libre para algúns, descansos, lunch break, máis clases… O grupo parece que se vai acostumando pouco a pouco á súa nova rutina (aínda que a algúns lles guste/custe máis que a outros).

Coma os outros días, o grupo do St Gregory tivo que subir a súa costa favorita para chegar ao Cheney e así poder facer xuntos e xuntas a actividade que tocaba hoxe: British Culture Presentation.

Coñeceron a Juliette, que será a encargada de monitorizar algunhas das actividades que están programadas. Comezou contando unha historia sobre ela, e os demais tiñan que adiviñar se era verdade ou, pola contra, mentira. Unha vez o descubriron, tocoulle ao grupo facer o mesmo. Houbo algúns voluntarios que se prestaron a contar historias bastante xeitosas e amenizaron moito a clase.

Unha vez roto o xeo, Juliette comezou a facer preguntas relacionadas sobre a nosa cultura, e comparándoas despois ca cultura inglesa. Por exemplo, falaron das diferenzas que hai en canto aos saúdos. Quedamos sorprendidos cando nos dixo que os ingleses aínda non teñen moi claro como saúdar a unha persoa que acaban de coñecer (se unha aperta, se bicos, se dar a man…). O truco que nos deu foi mirar fixamente aos ollos, e así saberemos se a outra persoa é máis de bicos, apertas ou ningunha das dúas.

Como última parte da clase, dividiu o grupo en parellas de traballo, para que comezasen a preparar unha presentación sobre algún tema relacionado ca cultura inglesa. Elixíronse diferentes topics como a comida, edificacións, famosos, educación… Hoxe fixeron o esquema do que será a súa presentación, e as vindeiras xornadas irán á IT classroom para buscar información e así completala.

Ás 16.30hrs remataron a actividade e tocou emprender o camiño de volta a casa. Agora toca descansar e recargar pilas que mañá hai que madrugar de novo!

Boas noites! Biquiños 🙂

 

 

 

HEADINGTON – 23/09- SCHOOL AND QUIZ

Boas tardes familias!

Como bo luns, ás 8:30 comezamos o cole, aínda que as nosas xornadas comezaron bastante antes para todos. Isto non custa tanto como en Vigo porque aquí amence moi cedo e é un gusto erguerse xa coa luz do sol. 🙂

Como o prometido é débeda, aquí tedes a foto do St. Gregory School. Pensabades que no esquecéramos, eh? 😉

Cando rematamos a xornada lectiva, os coitadiños do St. Gregory volvemos subir ao Cheney para facer a actividade da tarde. Outra vez tivemos que subir a nosa mega costa favorita ¬¬

Unha vez alí, esgotados e algo mollados porque polo camiño comezou a chover coñeceron a Ben, un dos profes que monitorizarán as actividades das tardes.

Comezaron facendo un xogo para romper o xeo e que Ben soubese os seus nomes. Para iso, o grupo sentouse en círculo. Ben dicía o seu nome e a persoa que estaba á súa dereita tiña que decir o seu, e así sucesivamente ata que se completaba o círculo.

A dificultade estaba en que tiñan que dicilo rápido (tiñan que conseguir pechar o círculo nuns 20 segundos) e algúns quedaban paralizados cando lles tocaba o turno, o que ralentizaba o xogo e provocaba as risas dos demáis.

Por último, e antes de comezar coa actividade, cada persoa tiña que dicir o seu nome e unha cousa que soubese de Londres. Algúns non tiñan moita imaxinación e dicían cousas do estilo: falan inglés, taxis, buses, etc, o que tamén fixo as delicias dos demáis que rían sen parar.

Unha vez rematadas as presentacións, Ben asignou un número a cada persoa do círculo, do 1 ao 5, para formar os grupos. Unha vez todos os 1, 2, 3… estiveron xuntos, repartiuse o quiz sobre Londres.

Os grupos tiñan que decidir se as frases do quiz eran verdaderas ou falsas. Se acertaban, gañaban un punto. Se a resposta era incorrecta, perdían un punto.
Aquí tedes a táboa de resultados. A cariña chorando significa que, segundo Ben, os diferentes grupos non estaban falando tanto inglés como deberían, xa que a primeira regra do xogo era Speak in English.

Aquí vos deixamos fotiños dos diferentes grupos.

Agora toca a cea e para camiña cedo que se non mañá non rendimos!

Write you tomorrow!

Biquiños 🙂

 

 

HEADINGTON – 21 & 22/09 – FREE WEEKEND!!

Boas noites Familias!

Pensabades que nos olvidáramos de vós? Pois non, aquí estamos de volta!

Esta fin de semana foi Family weekend, polo que o grupo puido desfrutar de tempo coas familias (se tiñan algún plan) ou aproveitar para explorar a cidade.

Onte, sábado, algúns tiveron plan coas familias, como xa dixemos, outros foron ao Westgate, un centro comercial moi grande que hai no centro da cidade, outros aproveitaron a ocasión para pasear tamén polas rúas de Oxford, e outros quedaron coas familias, como xa dixemos.

Ata aquí todo ben. A cousa comezou a complicarse un pouquiño á hora de voltar á casa. Algúns non atopaban a parada do autobús, a outros non lles parou o bus aínda que estaban na parada, e cousas polo estilo. Son as aventuras dos primeiros días!

Hoxe, domingo, comezamos a xornada cunha reunión para asegurarnos de que tiñan claros certos puntos importantes para o bó desenvolvemento do programa. Reunímonos todos ás 11.30 na biblioteca do Cheney School e, como chovía, algúns chegamos molladiños coma pitos. Isto pasounos tanto aos que tiñamos paraugas como aos que non. A quen se lle ocorre vir a Inglaterra sen un?? Igual pensaban que viñan ao Caribe!

Unha vez rematada a charla (ou chapa, dependendo de a quen lle preguntedes xD ) os rapaces volveron ser libres e, como o día anterior, tiveron plan coas familias ou tempo libre.

Se o sábado, a anécdota foi a volta á casa, o domingo tamén habería algo que contar. Un dos nosos rapaces, cruzando o parque polo que ten que pasar para chegar á casa, atopou unha compañeira de viaxe. Bueno, en realidade, unhas cantas: eran bastante grandes, tiñan catro patas, dous cornos… eran vacas! Pero bueno, cada un elixe aos compañeiros de viaxe que prefire jaja

Non pensedes que só eles teñen anécdotas que contar: cando o grupo marchou, as monitoras quedamos pechadas na biblioteca e tivemos que esperar a que alguén pasara por diante para que nos rescatase. Xa pensabamos que iamos durmir alí!

Se botades en falta a alguén nesta foto, non vos preocupedes, estaban de plan familiar 😉

Aquí deixámosvos mostras do que estiveron a facer durante estes dous días.

At Cheney School

Viaxe en familia a Londres!

Oxford

Westgate Shopping Center

Having lunch at Nando’s!!

Westgate Shopping Center

Oxford

Por certo, algúns foron ao xardín botánico da universidade de Oxford e quedaron apampados con algunhas das plantas que viron.

Como xa vai sendo tarde e mañá é día de escola, ímosvos ir deixando. Temos que cargar as pilas para a semana tan intensa que imos ter: cole, actividades, excursión, etc.

Mañá máis pero non mellor, porque é imposible!

Boas noites, biquiños! 🙂

HEADINGTON – 20/09 – 1st day at school

Ola, Familias!

Hoxe foi un día moi longo. Erguémonos moi cedo, preparámonos e puxemos rumbo aos nosos respectivos coles. Algúns camiñando, outros en bus, outros en taxi… algúns máis cedo e outros non tanto, pero o importante é que chegamos! 🙂

Como xa sabedes, 17 estudantes estarán facendo a súa integración no Cheney School, mentres que 5 deles a farán no St. Gregory School. Neste último eran bastante estritos co tema dos móbiles (incluidas as monitoras), polo que non foi posible sacar fotos aquí. Prometemos que o luns poderedes ver esas fotos 🙁

Recibíronnos nas escolas cos brazos abertos e a algúns ata lles fixeron un carné VIP (con foto e todo!!). Nada máis chegar, a cada estudante asignáronlle un buddy, que será o seu guía na escola durante estas tres semanas. Aquí deixamos a única mostra da que dispomos do St. Gregory School, dun dos rapaces co seu buddy.

O alumnado que estaba no Cheney School tivo bastantes horas libres (cousa que cambiará a partir do luns, moi a pesar deles), mentres que a outra parte tivo clase de 8.30 a 15.10 (nosos coitadiños!). Iso si, fixeron un lunch break como Deus manda, a partir das 12.30 uns, e das 12.45 outros.

Unha vez rematada a xornada lectiva, reunímonos todos no Cheney School. Os que viñan do St Gregory School tiveron que subir a costa máis longa da súa vida… e logo falan de Vigo! Dende alí seguimos camiñando, xa todo o grupo, cara ao barrio de Headington, onde tiveron un pouquiño de tempo para explorar a zona.

Ás 17.00 voltamos ao punto de encontro, o Cheney School, onde algunhas familias esperaban polos rapaces. As monitoras dividímonos para acompañar a algúns á casa, en taxi ou en bus, xa que tivemos que reubicar a un dos estudantes. Todo sexa polo seu benestar! 🙂

Ata aquí o día de hoxe, con cada paxariño descansando xa no seu niño.

Esta fin de semana terán a oportunidade de coñecer máis ás súas familias, xa que tanto mañá como o domingo serán family days.

Manterémosvos informados!!

Boas noites, biquiños!! 🙂

HEADINGTON – 19/09 – We are finally here!

Boas noites, Familias!

Como xa sabedes, saímos de Vigo con moita néboa polo que nos demoramos un pouquiño en saír. Mais algo que non sabedes é que, ao pasar o control de seguridade en Vigo, parece ser que algún de nós intentaba pasar obxectos punzantes… unhas tixeiras de cole!!! Resultado: quedaron confiscadas!

Tras este pequeno percance, todo se desenvolveu con normalidade. Tras tanto tempo de pé, xa estabamos cansos, polo que decidimos facer unha sentada mentres non abrían a porta de embarque. E así, as monitoras, aproveitamos para darlles uns últimos consellos antes de viaxar.

Chegamos a Madrid con menos tempo do que pensabamos para xantar. Aínda así, puxémonos coma Pepes (aquí deixamos algúns exemplos…):

A iso das 19.30hrs (hora peninsular) chegamos a Londres. Por sorte, non houbo ningún problema á hora de recoller as nosas maletas (Milagro!!) así que nos dispuxemos a saír do aeroporto. Xa nos estaba esperando fóra Ellie (un dos enlaces do programa en Headington), que nos recomendou mercar algo de cea para o camiño (aínda nos quedaban unhas dúas horiñas de ruta). Cas provisións na man, fomos cara o autobús que nos levaría ata o noso destino final, non sen antes sacar a foto de grupo de rigor:

Heathrow Airport

Cara as 21hrs (hora inglesa) chegamos a Cheney School, o punto de encontro cas nosas Host Families. Xa estaba alí Natalie (a coordinadora en Headington) esperando por nós, e foi ela quen fixo as presentacións entre students e families.

E ata aquí o día de hoxe… foi un día longo e agora toca descansar! Mañá contarémosvos as peripecias do primeiro día de cole (que nervios!)

Ata mañá! Biquiños! 🙂

HEADINGTON – 18/09 – Here we go!

¡Ola, Familias!

Xa tedes todo listo? Porque nós si! Soamente queda presentarnos…

Somos Laura (esquerda) e Aida (dereita) e entre as dúas sumamos 56 aniños! Ambas as dúas somos de Vigo e estudamos en Santiago, mais unha Licenciatura en Filoloxía Inglesa e outra Grao en Lingua e Literatura Inglesas.

Laura sempre foi un pouco nómada, e máis aínda dende que fixo o seu Erasmus en Inglaterra. Dende entón, dedicouse a traballar como recepcionista en diferentes sitios como Ibiza ou Segovia. Está que non cabe nela por ter a oportunidade de voltar ao estranxeiro, aínda que lle dea pena deixar o seu gatiño na casa!

Unha das grandes aficións de Aida é viaxar (por Galicia, por Europa, polo mundo… é igual!). Aínda que esta será a súa primeira vez nesta experiencia (Laura foi a Norwich fai dous anos), está desexando que chegue o momento de coñecer a todo o grupo e emprender con vós esta aventura.

E agora só queda dicir………. ATA MAÑÁ!!!!!!!! 🙂

Durmide ben, non cheguedes tarde e non esquezades nada IMPORTANTE!

Biquiños! 🙂