BIDEFORD 10/10 – Día de cine!

Ola familias!!

Xa é oficial, comezaron os derradeiros días desta experiencia. En aproximadamente 72 horas botaremos o peche. A palabra “final” levita ao noso redor, axexante, agardando o momento para facer a súa aparición triunfal. Desde o horizonte comeza a chegar un cheiro a saudade e volta á rutina, pero tamén comeza a aparecer un recendo a reto conseguido, a desenvolvemento persoal, a mentes abertas.

Aproveitamos este luns para facer un plan relaxado: fomos ao cine en Barnstaple. Fomos ver a película de “Miss Peregrine’s Home for Peculiar Children”, que xa se está a emitir nos nosos cines galegos en español. Aquí podédesnos ver unha foto dentro da sala, cegados polo flash da cámara.

10-oct-cine-2Hoxe é o día de empezar a facer as maletas. Debemos ir metendo toda a nosa roupa e tamén todos os souvenirs que compramos. Cruzamos os dedos para non exceder os 23 quilos que permite levar a compañía aérea e por recordar meter tódolos líquidos na maleta facturada.

Aída, Enrique, Vanja, Antía, Iván, Carla, Sergio, Claudia, Pepe, Julia, Yeray e Nerea. Doce nomes, doce participantes, doce compañeiros. Doce persoas marabillosas que teñen moitísimo que ofrecerlle ao mundo. Están en plena fase de formación, definindo as súas personalidades, medrando, facendo o seu propio camiño.

Rapaces, rapazas, aproveitade cada un destes derradeiros días ao máximo, cada hora e cada minuto. Probade todos aqueles pratos típicos que non hai en España e aos que aínda non vos atrevestes a botarlle o dente. Non paredes de falar en inglés e, sobre todo, non deixedes de pasalo ben.

Volvemos mañá con máis información sobre o penúltimo día. Ata logo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *