BATH, days 9 & 10: de graffitis e romanos

Hi there! Long time no see.

Xa estamos na metade da segunda semana aquí en Bath. Pero, antes de contarvos que tal seguimos por terras inglesas, debemos recapitular á chegada da fin de semana.  Como parecía que a chuvia caera toda durante o día previo, sábado espertamos cuns ceos relativamente despexados, que amais nos acompañarían practicamente durante todo o día. Ás 9.15 vímonos na Bath Bus Station, para ir coller de novo o coach, sendo Bristol o destino desta vez. En pouco máis de media hora chegamos á primeira parada: o Clifton Suspension Bridge. Deseñado por Isambard Kindom Brunel no século XIX, esta ponte colgante que une as dúas beiras do canón do río Avon tardou 33 anos en construírse, converténdose desde a súa inauguración no símbolo desta cidade inglesa.

Unha vez rematamos de enchouparnos das impresionantes vistas que este lugar ofrece, regresamos ao coach, que nos levaría ao city centre. Baixamos na Millennium Square, unha praza pública cunha interesante fonte e varias atraccións de diverso tipo, que sería o comezo do noso tour polas rúas de Bristol. 

Co centro bristoliano de fondo, Charles confesounos que, cando era máis novo, tiña saído de extra na serie máis famosa que se rodou nesta cidade. Podedes adiviñar cal é? Porén, tamén nos dixo que a súa vila de nacemento fóra Chester, e animou ás e aos estudantes a tentar localizala no mapa.

Unha vez finalizado o repaso á xeografía británica, seguimos camiñando até a Bristol Cathedral, que se remonta ao século XII. Alí foi onde nos atopamos con outro grupo do Vigo en Inglés: as e os estudantes que están en Cheltenham. Pero só houbo tempo para un breve saúdo, porque o noso roteiro tiña que continuar. 

E nel fomos bater cun dos exemplos da obra que o coñecido artista Banksy ten na cidade, da que tamén fomos visitar o The Centre. Unha área pública construída sobre o río Frome na que atopar variados postos de comida.

Posteriormente, atravesamos pola Corn Street onde, ao ser sábado, atopamos o Bristol Flea Market en todo o seu apoxeo. Antigüidades, vinilos, roupa de segunda man… Con todo, xa habería tempo de ver todo con máis calma, porque o tour seguía até o St. Nicholas Market. Un mercado tradicional que nos ofreceu diferentes postos de artesanía, música e comida. De novo, xa aproveitaríamos despois o noso free time para regresar. 

Deixando atrás o mercado, continuamos até Welsh Back, por onde paseamos ao lado mesmo do río. Alí vimos o The Llandoger Trow, o actualmente pub cuxa construción data de 1664 e onde Daniel Defoe tería coñecido ao mariñeiro que lle serviría de inspiración para Robinson Crusoe. 

BathOut22

Como xa eran as 13.00, tocaba parar para comer. E o sitio escollido foi a Queen Square. Unha praza de estilo xeorxiano completada en 1727 na que os catro lados que a compoñen presentan a mesma lonxitude, convertíndoa así na segunda praza cadrada máis perfecta de toda Europa. Completamente cadrada ou non, para o que si sería perfecta foi para descansar un chisco do tour e descubrir que era o que contiñan as nosas packed lunches. 

Unha vez rematamos coa comida, continuamos co que quedaba do noso percorrido, indo a dar con máis exemplos de muralismo na Bell Lane. E, finalmente, chegamos ao Bristol Shopping Quarter. A zona máis comercial, desde onde comezou o tempo libre para as rapazas e rapaces. Sempre en pequenos grupos, foron descubrindo máis lugares da cidade (como as tendas vintage) ou regresando a aqueles aos que xa lle botaran un ollo. 

E xa ás 17.00, con varios regalos (para familia, as amizades ou mesmo autoregalos) baixo o brazo, reuniámonos novamente no meeting point para ir coller o bus de volta a Bath. A full day excursion rematara, e era hora de irmos cear e descansar.

Ao día seguinte, os lóstregos e tronos de primeira hora da mañá acabaron coa idea de moitas e moitos de ter unha lazy morning. Con todo, xa houbo quen madrugou, porque había unha visita opcional que querían ir facer: a dos Roman Baths. Unhas termas de tempos do imperio romano, acompañadas por unha colección de milleiros de artefactos da época, que as e os estudantes puideron visitar. Xa vos contarán todo o que aprenderon dentro deste complexo declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Foran ou non a estes baños romanos, o resto da tarde aproveitaron para pasalo no centro da cidade, antes de volver coa host family. Tocaba apurar o adestramento da lingua inglesa porque, a causa do half term das escolas británicas, esta semana terán que acudir ás english lessons na oficina de ELAC. A ver se lles notades melloría no dominio deste idioma cando volvan a Vigo. Polo momento, nelas seguimos, así que…

See you later, alligator!

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *