Bath, days 21 e 22: chegou o momento de dicir goodbye

So, the last day actually came…

Parecía que fora onte cando nos coñecimos no aeroporto de Vigo e, de súpeto, estabamos agardando na entrada a que comezase o que sería o noso último día no St. Gregory’s.

A primeira hora, por mor dunha asemblea escolar, xa non teríamos o habitual tutor time. Porén, o que fomos facer foi ir sacar unha foto de grupo, que ilustraría despois o artigo que nos dedicaron.

Finalizado o photoshoot, as rapazas e rapaces marcharon a clase, levando a sorpresa de poder desfrutar, durante o break, dun concerto interpretado por un grupo de alumnos. Eis un sneak peek do remake británico de School of Rock:

Seguindo coa tónica de que o día normal non ía ser, e no momento no que máis auga caía, sonou a alarma. Tendo en conta o particular do timbre deste colexio, poderíase pensar que era unha nova variación. Pero non, é que nos tocaba vivir un simulacro de incendio. Así que, co posto e baixo o diluvio universal, tivemos que saír todas e todos ao patio. E vaia se nos mollamos. Menos mal que, xusto despois de rematar co fire drill, era hora de comer.

Cando rematou o lunch time, en troques de iren á súa última clase do día, reunímonos todas e todos no dance studio. Alí tiñan preparada para nós unha pequena celebración de despedida. Primeiro repartiron entre o noso grupo cartulinas verdes e vermellas e, seguindo unha presentación, as e os estudantes tiveron que votar a favor (co green) ou en contra (co red) de varias cousas típicas británicas. O que máis popularidade tivo foi a música ou os monumentos e, o que menos, a comida (despois de tres semanas de packed lunch, non podo dicir que me sorprenda).

Despois, a headteacher dedicoulles unhas palabras para, finalmente, proceder á entrega dos certificados.

E, unha vez repartidos todos, chegou o momento máis agridoce. As apertas con parte do alumnado do St. Gregory’s xuntábanse coas bágoas por ter que marchar, pero tamén coa satisfacción de poder voltar a Vigo cun feixe de bos momentos que non ían olvidar xamáis.

A despedida continuou fóra do studio e, durante todo o camiño até a saída do colexio, varias e varios estudantes achegáronse a asinar sudadeiras, certificados, ou simplemente a dicirlle ao grupo o adeus final. Xa no bus 379, dirección Bath Bus Station, o St. Gregory’s quedou atrás.

Porque, entre tantas emocións, non había tempo que perder, que era o último día para mercar todo aquilo que pensásemos levar de volta a Vigo, e as tendas axiña pechaban. Así, nesta tarde final, apuramos todo o que puidemos as compras no centro de Bath. E, fose antes ou despois (porque parte do grupo ceou fóra) fomos subindo por última vez aos autobuses que levabamos tres semanas collendo e marchamos intentar durmir (se os nervios o permitían), que ao día seguinte había que madrugar.

Porque, malia non estarmos moi lonxe de Heathrow, tiñamos que saír con varias horas de antelación, que nunca se sabe o que pode pasar (por exemplo, que un cohete chinés ande descontrolado polo espazo aéreo). Desta forma, quedamos ás 5.15am no que xa era o noso meeting point, Bog Island, para agardar polo coach. E, cando chegou, sacamos a foto final, despedímonos de Charles (a quen lle agradeceremos sempre o ben que nos tratou), e puxemos rumbo a Londres.

Chegamos alí case ás 8.00, e facturamos sen maior problema (e sen quilos de máis polos que pagar). Seguidamente, pasamos o control de seguridade e, aínda que a algunha lle abriron a maleta, non houbo que despedirse de ningún líquido ou pertenza. Ao chegar á zona das tendas, por sermos o primeiro grupo, tivemos unha hora de free time mentres agardabamos a que saíse a porta de embarque. Tempo que moitas e moitos aproveitaron para comer algo (especialmente quen aínda non almorzara) e, sobre todo, para deixar a súa sinatura nas sudadeiras do resto.

No momento no que apareceu a porta á que dirixirnos, para aló fomos, e axiña puidemos embarcar. Xa no avión (e menudo avión) dixémoslle ao Reino Unido see you soon.

 

As varias horas no aire pasaron voando, e de súpeto estabamos xa en Madrid. O primeiro foi pasar o control dos pasaportes, onde algunhas rapazas do grupo conseguiron selar o seu. E, despois, collemos o mini-metro para cambiar de Terminal.

Xa na T4, pasamos de novo o control de seguridade, e a esperar. Tiñamos por diante máis de cinco horas de escala, que aproveitamos para comer, descansar, xogar ao fútbol (con reventón de balón incluido), seguir asinando sudadeiras ou até grabar un TikTok.

Así, non foi até pasadas as 20.00 cando o noso último voo despegou. E se o anterior pasárasenos rápido, que dicir deste. Nun abrir e pechar de ollos estabamos xa en Peinador, collendo as maletas e saíndo pola porta, detrás da cal esperabades vós.

A aventura destas tres semanas rematou aí, pero tende por seguro que as lembrazas permanecerán con nós para sempre.

It was a pleasure talking to you,

Cecilia 

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

2 pensamientos en “Bath, days 21 e 22: chegou o momento de dicir goodbye

Responder a Paula Pampillón Cancelar respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *