BATH, days 15 & 16: de ximnastas e universitarios de elite

Afternon! Or would evening be better? 

Desculpade, que co cambio de hora unha anda algo despistada e agora, que os días son cada vez máis curtos, faise de noite axiña. É curioso, pero algo parecido sucede co tempo que nos queda aquí en Bath. Secasí, non nos poñamos sentimentais, que aínda hai moito que contar. 

Venres pola mañá fomos, por última vez, ao learning centre, onde as rapazas e rapaces apuraron as últimas clases de inglés da súa estancia aquí no Reino Unido. Non sei como lles irá nos exames do resto de materias á volta, pero nesta xa lles pode ir de dez. 

Nin sei a que estiveron xogando na academia, nin sei como iso tiña que representar a Tom Holland…

E, despois de ese esforzo final, era hora do lunch break, no que aproveitaron para facer acopio de novas enerxías. Porque, xa de tarde, tocaba volver ao Bath Sports and Leisure Center (lembrádesvos de cando fomos xogar aos bolos?).

Desta vez, a actividade planeada era a do Trampoline Park. Despois de poñer roupa cómoda e cuns calcetíns especiais nos pés, as rapazas e rapaces preparáronse para entrar. Porén, primeiro tocaba un vídeo coas normas a seguir. A seguridade ante todo!  E, sen máis demora, a saltar que foron.

 

 

Após unha hora e media de brincos, chegou o momento de saír. Oxalá puidesedes ter visto o coloradas e colorados que estaban. Pero, e pese a ter completado con creces os requerimientos de exercicio diario, as e os estudantes aínda tiñan ganas de quedar un chisco máis no centro da cidade, así que tiveron algo de free time. 

Sábado tocaba madrugar algo máis, porque era día da nosa última full day excursion. E, desta vez, tocábanos ir até Oxford. Collimos o coach, como xa é habitual, en Bog Island e, ás 9.00, puxemos rumbo ao leste. A viaxe, de hora e media, transcorreu sen maior problema, e axiña nos vimos na cidade universitaria por excelencia. Baixamos do noso bus e comezamos a explorar. 

A primeira parada importante (sen contar a do baño) foi a Radcliffe camera. Un edificio que alberga, no seu interior, unha biblioteca datada do século XV, parte da cal, nos filmes de Harry Potter, é a Duke Humfrey’s Library.

A continuación, fomos dar ao vicarage The Queen’s College e, após camiñar un pouco máis, chegamos até a entrada da Bodleian Library. Un lugar que acolle a maior colección de manuscritos do famoso escritor J.R.R. Tolkien —alumno, no seu tempo, da Universidade de Oxford—. 

Finalmente, camiñamos polo o Grove Walk —tendo que pasar por unha porta un tanto curiosa— e o Broad Walk, até o Christ Church College. Non só o college no que estudaron máis de dez prime ministers do Reino Unido, senón unha localización imprescindíbel para calquera potterhead. Porque, e se ben toda a cidade serviu de inspiración para a autora dos libros, pertencen a este edificio en concreto as famosas escaleiras ou o dinning hall orixinal —onde cean as e os estudantes do college todos os días—, a partir do que se recreou o Great Hall dos filmes. 

Para nós non era hora de cear, senón de comer, cando nos despedimos até as 15.00, deixando ás rapazas e rapaces varias horas de tempo libre, durante as que tomar a packed lunch, explorar algo máis a cidade ou ir á caza dun suadoiro co que presumir de ter visitado Oxford. 

Despois de todas esas compras no free time, a última parada do día sería o Wadham College, do que puidemos visitar a súa capela e parte dos xardíns. 

Ao rematarmos, tiveron un cuarto de hora máis para apurar as compras finais, visitando sitios nos que aínda non estiveran. Por exemplo, os postos de Broad Street, de onde levaron algunha que outra cousa. 

E, unha vez estivemos todas e todos no meeting point, fomos até o coach para emprender o camiño de volta a Bath, amenizado por unha maravillosa interpretación de cancións (Vigo en Inglés Version) do máis variopintas. Amais, a enerxía do bus pareceu continuar ao baixarmos del, porque algunhas e algúns aínda tiñan gana de troula.

Como se notaba que o día seguinte era domingo e, xunto a non ter que madrugar, íamos durmir todas e todos unha horiña máis. Pero non creades que quedaron na casa  lacazaneando todo o día. Saíron, que tiñan Halloween para celebrar.

Take care and be safe

avatar

Cecilia Doforno Nóvoa

2 pensamientos en “BATH, days 15 & 16: de ximnastas e universitarios de elite

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *