Dublín 2022- Días 20 & 21 – sports, singing along, último día de clase e sorpresa

Boas familias!!

Xa estamos a piques de rematar esta marabillosa aventura. Temos sentimentos contraditorios, xa que por un lado queremos quedar, pero polo outro temos ganas de voltar á casa 😔

Onte, mércores, como xa sabedes, tocou día de deportes e artes. Os deportes que tocaban foron volleyball e rugby, xa que cada vez quedamos menos estudantes no cole e, polo tanto, a oferta de actividades se reduce. Ademáis da clase que sempre temos de arte, había tamén “drama”, teatro para nós, pero ninguén se animou a participar 😬

Aquí vos deixo documentos gráficos das actividades nas que si participaron 😉

Despois dos deportes, fumos correndo facer o test de nivel final. Á maioría foilles mellor que no test inicial (well done!! 💪) e aos que non, non foi por non tér mellorado, se non prque o cronómetro que lles dicía o tempo que lles quedaba para rematar o test púxoos demasiado nerviosos. Meus coitadiños!! 😅

E digo que fumos correndo porque ás 5 comezaba outra actividade, singing along. Pensabamos que ía ser algo tipo karaoke, pero cando chegamos alí vimos que tiñamos unhas fotocopias con letras das distintas cancións que o músico invitado ía tocar. Había montado un escenario e o cantante tocaba a guitarra á vez que nos animaba a cantar con el. De feito, ata fixo competicións de a quen se lle oía cantar máis forte, se aos españois ou aos italianos. Xa podedes imaxinar quen gañou… 🙋😂

O cantante tamén nos convidou a ir ao escenario a cantar con el. Como de costume, os monitores tivemos que dar o primeiro paso para que a rapazada se animara a pedirlle cancións para cantar e saíran ao escenario con el. Pero o momento que o cambiou todo, onde xa todos nos vimos arriba e os rapaces comezaron saír, foi cando nos achegamos a el a pedirlle que lle deixara tocar unhas cancións a Yoel coa guitarra. Digo unhas cancións… pero acaparamos o escenario durante uns 10 minutos 🙊😂

E, como vos dicía, a partires de aí máis dos nosos rapaces se animaron a saír a cantar algunha cousiña.👏🎤

E hoxe, venres, foi o último día de clase. E voume permitir a licenza de abordar esta parte do blog dun xeito máis persoal, xa que foi un día emocionante para min porque, despois de case 3 semanas, por fin me cantaron o cumpreanos feliz!!! 😁

En realidade fíxenme máis vella o 8 de xullo, xusto o día que comezabamos esta aventura, pero como non nos coñeciamos só me dixeron un tímido “feliz cumpreanos” cando lles dixen que día era. Dende ese día, ademáis de ser pesada coas fotos, fun pesada esixindo a miña canción, ou sexa, algún tipo de celebración jajaja

E hoxe foi o día. Sorprendéronme cando me achegaba á súa mesa da cantina para almorzar con eles, cantando con tódalas súas forzas. Non vos podedes imaxinar a ilusión que me fixo. O bó faise esperar 🤗❤❤

Despois deste momentazo, dimos o curso por terminado e liberámoslles da actividade da tarde de hoxe, para que puideran despedirse ben das novas amizades e facer as últimas compras.

Mañá volverá tocar un día duro, non só polo tute da viaxe, se non tamén por todas as emocións que imos vivir en pouco tempo. Xa vos aviso, no aeroporto seguramente haxa máis dunha bágoa, pero todo ben 😉

O sábado pecharemos este blog, contándovos o que fixeron nesta última tarde libre e como foi a viaxe de volta. Será o final dunha experiencia que non esqueceremos xamáis.
Douvos xa as gracias a todos, familias (mención especial a Mariluz e Begoña) e, por suposto, meus nenos, por facer desta viaxe algo tan especial. Vémonos cedo 😉

Moitos bicos e apertas!!! 🤗

Dublín 2022 – Día 18 – 25/07/22 – Visita do concello & sports

Good morning, families!!

Como estades? Nós xa coa coa conta atrás, así que vouvos contar o que fixemos o derradeiro luns desta fantástica experiencia que estamos a ter.

Pola mañá tivemos visita especial, xa que membros do concello así como representantes de Newlink viñeron ver como nos iba. Reunímonos todos no hall do cole, intercambiamos impresións e fixemos unha foto para rematar.

Quedaron encantados, como o estamos nós 😁💃

Despois desa mañá diferente, comemos e despois tivemos as actividades da tarde que, como todos os luns e mércores, son deportes e artes. Imos chegar dunha boa forma e cunha creatividade que non volo creedes 😂


Ao rematar, como cada día, tivemos tempo libre e logo para casa, a cear coa familia.
E iso foi o que deu de sí o derradeiro luns, veremos que nos depara o resto da semana.

Bicos e apertas!! 🤗

Dublín 2022 – Días 13 y 14 – 19&20/07/22 – Dublín tour and Treasure Hunting

Boas familias!!

Botabadesnos de menos? Estes días non tiñamos moito que contar, polo que decidimos xuntar un par de días para poder facer unha entrada de blog decente 😅 Perdoade as molestias ocasionadas 🤭

O mércores fixemos por fin o tour polo centro de Dublín que estaba planeado para o martes pero que tivemos que cancelar por mor da choiva.

O noso guía foi un profe do cole, Justin, e levounos polo Trinity College, o barrio de Temple Bar, Christ’s Catedral, e O’Connell e Grafton Street, dúas das avenidas importantes e comerciais do centro.

Pasámolo ben, aínda que xa coñeciamos a meirande parte das cousas que nos ensinaron, ao levar aquí xa dúas semanas. O que sí aprendimos foi algo da historia da cidade.

Onte, xoves, voltamos ao Saint Anne’s Park, onde facemos os deportes, para xogar á búsqueda do tesouro. Tiñamos unha serie de preguntas que resolver, e para algunhas tamén había que sacar fotos.

Estivemos entretidos un anaco, pero ao final acabamos algo enfadados porque os que gañaron fixeran trampas buscando cousas en internet. Tamén esperabamos que houbese un tesouro escondido por algures, así que algúns estaban un pouco decepcionados.

Pero, para compensar, rematamos a actividade antes do que rematamos normalmente, así que tiveron máis tempo libre do habitual, polo que todas as mágoas esvanecéronse enseguida 🤭💃

Hoxe toca tarde na bolera e mañá excursión, así que seguramente tamén vos contemos os dous días xuntos (por se mañá non tedes noticias nosas 😅)

Bicos e apertas!! 🤗

 

Dublín 2022 – Día 11 – 18/07/22 – Sports & Arts

Bós días de novo, familias!!

Esperamos que esteades tan ben coma nós 😊

Onte, luns, comezamos nova semana sen ningún problema. Xa temos totalmente interiorizada a nosa rutina de transportes para chegar ao cole e segundo imos chegando xa nos metemos directamente na aula que nos toca.

Da mañá non hai moito máis que salientar. Onte supúñase que ía ser un día de verán absoluto, con temperaturas de ata 30 graos… Nada que ver coa realidade 😅 A medio día comenzaron vir nubes e levantouse o vento, polo que ata chegamos a ter frío. Ademáis, cairon unhas gotas de choiva en dous momentos do día (a iso das 12 e das 16). Xa non nos cremos nada do que di a previsión 🙈

Iso non nos impediu levar a cabo as actividades da tarde (sports), como cada luns e mércores.

Como novidades, onte tivemos baloncesto…

…e tenis.

Estes foron deportes que ata o momento non xogaramos. Encantounos poder practicalos, aínda que ás veces a pelota de tenis se nos perdera polos matorrais do redor das pistas 😂

E, coma sempre, houbo quen preferiu descansar e aproveitar para socializar e cotillear un anaco 🙊

Ademais, os días que hai sports tamén temos as actividades de Arts, para que os máis creativos deixen voar a imaxinación 🎨🖌️

E así pasou un día máis no Manor House School! Veremos que nos depara o día de hoxe, mañá volo contamos 😉 

Bicos e apertas!!! 🤗

 

 

 

Dublín 2022 – Días 8&9 – 15-16/07/22 – Archaeological Museum and Glendalough


Boas de novo familias!!

Primeiro de todo, desculpade pola tardanza, pero as nova tecnoloxías rebeláronse contra nós e non puidemos actualizar o blog antes, mil perdóns!! 😅

Como xa vos adiantaramos, o venres visitamos o National Archaological Museum.

Pero non vos pensedes que foi unha excursión de pracer nada máis. Para estar atentos ó que iamos vendo, tivemos que ir completando unhas preguntas que nos deron sobre a historia de Irlanda, así que tivemos que ler moitas das explicacións que había nas distintas salas e buscar cousas, ás veces, bastante específicas. Pero como somos uns cracks, fixémolo estupensamente! 💪

Coma sempre, despois tivemos tempo libre e, como estabamos no centro da cidade, aproveitamos para seguir coñecendo Dublín. Pero evitamos chegar moi tarde á casa, xa que onte (sábado) tocaba outro día longo: viaxe a Glendalough.

Glendalough tamén é coñecido como “o xardín de Irlanda”, xa que é un parque natural súper extenso, con varios lagos, cascadas, diferentes roteiros para facer sendeirismo… En definitiva, unha pasada de sitio! Chegamos alí a iso das 11 da mañá, e tivemos ata as 3 da tarde para desfrutar desa magnífica contorna.

Facía un día estupendo, e ía moita calor, así que ata houbo algún valente que se atreveu a meterse na auga 🙈

Unha vez de volta no cole, o punto de partida, a iso das 4:30 da tarde, tivemos o resto do día libre. E, por fin, chegou o domingo! O que significa que non temos que madrugar e podemos facer o que nos pete 💃

Como vedes, voltamos derreados de Glendalough, así que este día de descanso vainos vir de perlas.

Esperemos que o chamamento á colaboración en tema fotos vaia mellor que o domingo pasado. Xa o comprobaredes por vós mesmos jaja

Ata moi cedo familias!!
Bicos e apertas!! 😊

Dublín – 5º Día – Croke Park Stadium – 12/07/22

Boas familias!!

Onte, segundo día de cole, todo foi ben. Xa estamos afeitos á nova rutina e todos sabemos xa en que clase nos toca, así que a mañá transcurriu con normalidade.

Pola tarde, despois de xantar, fumos de excusión ó Croke Park, o estadio de fúbol gaélico de Dublín. É un estadio digamos que multiusos, xa que tamén pode acoller partidos de hurling, rugby ou fúbol, aínda que acotando o campo, xa que as dimensións do campo de fúbol gaélico son moito maiores que as dun campo de fúbol ou rugby. De feito, entre outras cousas, contáronnos que alí xogara algún partido a selección española (partido que gañamos, por certo 💃)

O estadio é o terceiro máis grande en capacidade de Europa, despois do Camp Nou e Wembley, en Londres. De feito, como todo no estadio é huge, o marcador que podedes ver á dereita da foto ten as mesmas medidas que unha pista de tenis 😱

Antes de entrar no estadio, fixémonos unha foto na estatua de Michael Cusack, un profesor que participou no revival da lingua e cultura irlandesas, e que, xunto con outras tres persoas, fundou a Gaelic Athletic Association, ou a liga de fúbol gaélico. Cusack foi asasinado en 1906 mentres asistía a un partido. Ese día, o 27 de Novembro, foi bautizado popularmente como Bloody Sunday, ou “Domingo Sanguento” (aínda que, en 1922 houbo outro domingo bautizado do mesmo xeito, durante a guerra de indepencencia de Irlanda). Ese día pola mañá, un policía inglés foi asasinado e, pola tarde, policías do mesmo corpo entraron no Croke Park (nada que ver co estadio que existe hoxe en día) e abriron lume contra xogadores e afeccionados, entre os que había mulleres e nenos, matando a 14 persoas e ferindo a máis de 60.

Durante o tour, tamén estivemos polos túneles por onde entran os autobuses dos equipos,

e nos vestiarios. Un dato curioso é que o Croke Park é un estadio neutral, polo que non ten vestiarios de “locais” e “visitantes”, se non que todos son para todos, e por iso teñen camisolas de todos os equipos que xogan na liga. A meirande parte dos equipos son irlandeses, pero hai un de Inglaterra e outro de Nova Iorque (que non gañou un partido na súa historia, coitadiños 😅), xa que alí hai moita representación irlandesa debido ó éxodo de Irlanda a América durante a Great Famine, ou Peste da Pataca. Outro dato interesante é que nos match days, ou os días de partido, 4 equipos acoden ó estadio, xa que cada día de partido se xogan 2.

Tamén tivemos un ratiño para xogar a uns xogos relacionados co deporte dentro do museo, onde puxemos a proba os nosos reflexos e outras capacidades físicas necesarias para xogar a eses deportes (rugby, hurling ou fúbol gaélico).

Unha vez rematamos a visita, houbo quen quixo pasar pola tenda de agasallos e despois tivemos tempo libre para desfrutar algo máis do centro da cidade.

Foi un día longo (podedes ver as cariñas de cansanzo dalgúns jeje), pero divertido e no que aprendimos moitas cousas sobre a cidade e a historia de Irlanda.
Veremos que nos depara o día de hoxe.

Bicos e apertas!! 😊

P.D: deixámosvos unas fotos extra do camiño ó estadio 😉

HEADINGTON – 08/10 – TEST E DESPEDIDAS

Boas, Familias!!

Hoxe nos dous coles tivemos unha mañá entretida. No Cheney School estaba de cumple a buddy de Mia e Hugo, Misbah. Para celebralo, levou gominolas e galletas e xs rapacxs dedicáronse a decoralas con pintura comestible.

Pola contra, no St. Gregory School, tódolos martes hai unha assembly do year 10 ás 8:45, antes de comezar as clases. Como era a nosa última asemblea, tocounos dar un pequeno discruso agradecendo ao centro, aos mestres e aos alumnxs o ben que nos trataron.

Ao lado dxs rapacxs podedes ver algúns pés (xa sabedes que o tema fotográfico está difícil aquí), polo que vos podedes imaxinar tódalas cadeiras en forma de “U” e unha sala bastante amplia chea de xente.

Un pouco máis tarde, despois do primeiro break que vai de 10:45 a 11:05 agardamos a que chegase Nadia, a coordinadora da empresa de aquí, para ter unha reunión co director do cole, Mr. Sean Tucker, e así agradecerlle persoalmente o que fixeron por nós durante estas tres semanas. Por sorte, como Nadia chegou un pouquiño tarde, tivemos tempo para preparar o que iamos dicir.

Despois da xornada lectiva, os mesmos de sempre subimos ata o Cheney para, esta vez, facer o test de nivel de inglés. Haberemos mellorado algo? Seguro que sí! 🙂
Por certo, hoxe foi a nosa última subida da colina, polo que comezamos a sentir algo de morriña xa 🙁

Unha vez rematadas as tarefas, chegou o momento de despedirmos de Dylan, o coordinador do Cheney School. Cada alumnx fixo unha valoración persoal destas tres semanas no colexio e, despois, cada un recibiu un diploma que acredita a súa participación neste programa de inmersión.

Mañá é o noso último día aquí, polo que hoxe os ánimos xa se notaban un pouco máis decaidos. Non queremos marchar! De tódolos xeitos aproveitaremos ata o último intre como ten que ser 🙂

Biquiños!

HEADINGTON – 4&5/10 – FREE EVENING AND… LONDON CALLING!!

Boas noites Familias!

Onte, venres, despois da escola tivemos tarde libre e algúns foron descubrir novos lugares de Oxford.

Os demáis fixeron os plans de sempre ou se reservaron para o día de hoxe, sábado, xa que ía ser longo.

Ás 9 da mañá collemos o bus que nos levaría a Londres no Cheney School. Esta viaxe fixémola coa compaña de 3 estudantes máis que están nun programa similar ao noso. 

A iso das 11 xa estabamos na capital e reunímonos coa que sería a nosa guía, Ellie. Baixamos do bus no London Eye, enfronte de Houses of Parliament e do Big Ben, aínda que estaba en obras e non o puidemos ver en todo o seu esplendor.

Ellie contounos algunhas curiosidades sobre o London Eye, como que ten 32 cápsulas pero están numeradas do 1 ao 33, xa que o 13 é o número da mala sorte en UK. Contounos tamén que en Houses of Parliament había unha norma moi antiga que prohíbe beber dentro aos menores de 5 anos. Que cousas teñen estes ingleses!

Dende alí puxemos rumbo ao Jubilee Bridge, que nos levaría ata Trafalgar Square.

Trafalgar Square

O seguinte destino foi Buckingham Palace. Polo camiño vimos o sitio onde decapitaron a Carlos I e as estatuas de ferro da raíña Elizabeth I e Jorge VI, pais da actual raíña, Elizabeth II. Aprendimos tamén que, se no alto do palacio ondea a bandeira do Reino Unido, significa que a raíña non se atopa nel. Pola contra, se Elizabeth II está no palacio, a bandeira que ondea é a do seu selo.

Para voltar, pasamos polo parque de St. James, onde comezamos a ter fame, polo que nos diriximos a Leicester Square para comer e ter algo de tempo libre para explorar, xa que había tendas diferentes e chamativas e tamén estabamos ao lado de China Town.

St. James Park

Coas pilas cargadas seguimos o camiño cara a Picadilly Circus e Golden Park, onde atopamos algo que nos chamou moito a atención.

Xa para rematar, demos unha pequena volta máis e pasamos por Vigo Street, unha rúa no centro de Londres que desemboca en Regent Street, unha das rúas máis importantes e comerciais de todo Londres.

Aínda que nos tería gustado contar con máis tempo para coñecer máis sitios, polo menos puidemos facernos unha idea xeral do que é a cidade, o cosmopolita que é, e alucinamos coa cantidade de turistas (e españois) que nos atopamos por alí.

Agora toca descansar e xa veremos o que nos depara o día de mañá.

Manterémosvos informados, biquiños! 🙂

 

HEADINGTON – 02 & 03/10 – GOLF E XOGOS

Boas noites Familias!

Aquí estamos de volta.

Onte, mércores, o día na escola pasou como un día máis. A única diferenza era que non podiamos conter a emoción de só pensar na actividade que íamos ter pola tarde: mini golf!!

Como esta actividade era no centro de Oxford, os do St. Gregory non tivemos que subir ata o Cheney por un día, menos mal! O punto de encontro era o Westgate, ó que algúns fomos andando e, xs máis lacazáns, en bus.

Unha vez estivemos todos alí, repartíronse as pulseiras para poder entrar nos circuitos. Como eramos moitos, dividímosnos en grupos de 8 e iamos entrando cada 10 minutos, para non estorbarnos os uns aos outros. Unha das cousas que máis nos sorprendeu foi que máis que un minigolf parecía unha discoteca, con luces de cores, música, etc.

Pedimos desculpas de antemán, xa que debido ás condicións do sitio as fotos que sacamos non foron todo o boas que quixeramos, polo que non imos poder compartir demasiadas convosco. Supoñemos que xa vos decatastes de que na foto anterior falta xente. É porque un grupo xa entrara a xogar, pero as fotos onde estamos todxs non se ven nada ben 🙁

De tódolos xeitos, aquí vos deixamos as que puidemos rescatar.

Por certo!! Un dos circuitos estaba personalizado para dous dos nosos rapaces, vaia coincidencia!! jaja

Ao rematar todxs coincidimos nunca cousa: pasámolo xenial! 🙂
De aí, algúns deron unha volta curta polo centro comercial antes de voltar á casa, e outros foron dereitiños para ela, xa que estes días está a facer un frío de tolos!

Hoxe, xoves, os mesmos de sempre volvemos subir ata o Cheney despois da escola. Subir a famosa costa non fixo que deixaramos de estar conxelados por moito que apuráramos o paso. Semella que estamos en Siberia!

Unha vez alí, Ben esperábanos para comezar coa actividade da tarde. Comezamos xogando a clase contra el e xs rapacxs dicíanlle adiviñas para ver se as acertaba.
Despois puxémonos en círculo e xogamos a un xogo no que tiñamos que pasar a tixeiras á persoa do lado dicindo I’m passing the scissors crossed ou uncrossed, dependendo dunha cousa que non imos revelar por se algún día estes volo queren ensinar 😉

Cando todxs adiviñaron o truco do xogo, pasamos ao seguinte. Neste tiñamos que dicir cousas que caberían nunha cesta de picnic, pero tamén tiña trampa. Non importaba o significado das palabras que diciamos se non as palabras en sí. Como podedes imaxinar, tampouco imos revelar este segredo jaja

E ata aquí por hoxe, xa vos contaremos como vai o último día da semana e o que fan xs rapacxs na súa tarde libre.

Biquiños! 🙂

 

 

HEADINGTON – 30/09 – School and afternoon riddles

Boas noites Familias!

Hoxe na escola foi un día normal no que ás clases se refire, pero no St. Gregory School houbo unha novidade. Temos 3 alumnas novas! Hoxe foi o primeiro día nesta escola de Lucía, Naiara e Julieta. Estiveron ben contentas coas súas novas asignaturas e xs novxs amigos que fixeron. Ademais, xs rapacxs que xa estaban nesta escola adoptaron o rol de anfitrións e presentáronlles a tódolos seus amigos, polo que se sentiron coma na casa dende o primeiro intre. 🙂

Ao rematar a escola, coma sempre, puxemos rumbo ao Cheney School. Agora Julieta, Naira e Lucía xa entenden por que pedimos que algún día baixen elxs ao St. Gregory: a súper costa matadora! Aquí temos que engadir unha cousa que aínda non vos contamos: a rúa na que desemboca esta costa chámase Hill Top Road, ou “a rúa da cumbre da colina”. Non teñen sentido do humor nin nada estes ingleses…

Os plans de hoxe, que consistían en algo moi British como é xogar ao cricket, truncáronse por mor do tempo. No Cheney esperábanos Ben para facer uns xogos. O tema dos mesmos foron riddles, ou adiviñas.

Para comezar, Ben escribiu unhas pistas no encerado e tiñamos que adiviñar a cousa da que se falaba. Despois contounos un conto que gardaba un enigma que tamén tivemos que adiviñar. Para rematar dividiu a clase en grupos e cada un deulle unha lista de adiviñas. Cada grupo tiña que pensar a resposta e dicirlla a Ben. Se era correcta el arrincaba esa adiviñanza da lista para que o grupo seguise coas outras, e ao grupo que menos adiviñas lle quedaran por respostar sería o equipo gañador.
Aquí deixámosvos unhas fotos para que vexades o transcurso da actividade.

 

Para este xoves, Ben pediulles que pensasen adiviñas de España para xogar un Beat the teacher xunto coas preguntas de verdadeiro e falso que nos pedira sobre Vigo.

Rematada a actividade, como aquí están a caer chuzos de punta, hai que buscar cobixo aqí que… todos para a casa!!

E ata aquí o día de hoxe, mañá traeremos máis novas.

PD: aquí deixámosvos un dos enigmas que tivemos que resolver esta tarde, a ver se sodes tan listos coma nós.
Se queredes, podedes deixarnos as vosas respostas nos comentarios, a ver se acertades 😉

What are moving left to right, right now?
Que se está a mover de esquerda a dereita agora mesmo?

Biquiños! 🙂