Dublín 2022 – Día 20, 21 – Último día e volta a Vigo

Boas familias por última vez!

Este blog está adicado ao último día de clase máis ao día de viaxe de volta.

Como xa vos ibamos adiantando no anterior blog estes dous días foron moi emotivos. Como xa ben comentamos mixturáronsenos a pena por deixar atrás esta experiencia e novos amigos, coas ganas de volver e reencontrarnos cos nosos.

Laura xa vos comentou como foi a mañá deste último día de clase, a cal acabou cantando un cumpleanos feliz que fixo retumbar o colexio. Deixovos outra vez a foto para que fagades memoria.

Pola tarde démoslles aos rapaces a súa tan ansiada tarde libre. O plan inicial era ir visitar un museo, pero entre o que insistiron e o ben que se portaran durante as tres semanas, non nos quedou máis remedio que abrir a man, e aceptarlles a proposta.

A tarde libre aproveitárona para terminar de comprar os regalos que seguramente estedes agora desfrutando. Tan ocupados deberon estar que apenas fixeron fotos. Aquí van as poucas que poidemos conseguir!

E así sen darnos conta, o día seguinte, o venres, xa pasaran os 21 días deste intercambio e xa nos dispoñiamos a viaxar de volta.

O noso bus que nos levaba ao aeroporto saía as 10.30 da mañá do cole. Non obstante, todos chegamos antes para ter tempo para despedirnos das nosas novas amizades, facer as últimas firmas nas bandeiras, e por que non decilo, tamén para que se nos caesen algunhas bágoas.

Como xa vos deberon contar os rapaces, coller os avións non foi para nada tarefa fácil.
Para o primeiro vó fumos con catro horas de antelación, pero entre que eramos un grupo de aproximadamente 70 personas (xuntámonos 3 grupos do PiliVigo) e o aeroporto de Dublín levaba unhas semanas feito un caos, estas catro horas de antelación fixéronsenos xustas.

Foto nas largas colas do aeroporto

Non obstante o problema de verdade foi coller o segundo avión. A escala en Barcelona era moi pequena e o vó Dublín-Barcelona sufrira retrasos. O resultado foi que ao aterrizar tiñamos unha escasa media hora para que os tres grupos de PiliVigo pasasen por aduanas, controis e ademáis  chegasen á porta de embarque a tempo. Xa non contentos con iso, un avión que ía a Bogotá fora desaloxado e estaba colapsando as nosas portas de aduanas. Podédesvos imaxinar todo o estrés que tiñamos os monitores!! Que nos quedabamos en terra!!

Finalmente, a policía do aeroporto habilitounos un paso polo que poder ir máis apresa e tivemos a sorte de que o vó Barcelona-Vigo se retrasase un pouco. Cando nos sentamos no avión e comprobamos que estabamos todos, ninguén se podía creer que conseguísemos coller o avión.

Tanto foi o alivio que esta é a imaxe dos monitores unha vez xa despegados. Todos durmindo agotados!

Unha vez chegados a Vigo, qué contar que non sepades xa! Moreas de bicos e apertas (tamén algunha bágoa 😉) entre estudantes e familias mirases por onde mirases.

Ao final coidar deles tan de preto durante 21 días (que non son poucos!) covertiunos nos nosos pequenos filliños e filliñas temporais. Eso si, podémosvos asegurar que non houbo máis ledicia para Laura e para min que poder ver as vosas caras de emoción ao vervos reunidos con eles de novo. Son imaxes que levaremos conosco sempre!

E iso foi todo familias! 21 días en Dublín! Quen o diría!

Laura e eu estamos contentísimas de que todo saíse tan ben e de ter a oportunidade de coñecer e vivir cos vosos fillos unha experiencia que de seguro nos levaremos toda vida! Esperamos que os vosos fillos e fillas tamén poidan decir o mesmo!

Pola nosa parte só queda dar de novo as gracias a estudantes por facernos a vida tan fácil sendo tan bós e alegres, e a vos, familias, por acompañarnos dende lonxe.

Cerramos esta última entrada de blog coa foto de familia xa no aeroporto de Vigo, e ca nosa foto favorita, todos xuntos abrazados en corro saltando!

❤️❤️!!

O máis grande dos bicos para todos!!!

Ata máis ver!! 🎉🎉

#PiliVigoDublín2022

 

 

Dublín 2022- Día 19 – EPIC Museum

Bós días familias!

Por aquí xa andamos na metade da nosa última semana. Onte xa podiamos ver como algúns dos rapaces empezaban a asinar e escribir dedicatorias en sudadeiras e bandeiras, unha imaxe que imos ver ao longo desta semana.

A actividade que nos tocou onte foi unha visita ao EPIC Museum. Este museo está adicado á historia irlandesa ligada á inmigración. A forma que ten o museo de guiar o visitante é excepcional. É un recorrido unidireccional onde cada sala pola que pasas ten unha temática e un decorado distinto aínda que todas elas están unidas polo xeito no que se usa a tecnoloxía.
O museo facíanos partícipes desta ‘viaxe’ outorgándonos a cada un de nós un pasaporte que tiñamos que ir sellando en cada estancia.
Nestas distintas estancias podiamos ver a actores en pantallas contando as súas historias, historias de xente de verdade, ou podiamos entrar nunha biblioteca onde eran os propios libros, os que ao tirar de eles, che contaban o seu interior (libros por suposto escritos por irlandeses). Foros infinitas as formas nas que este museo nos deixou abraiados coa súa innovacion.
Eso si, tamén hai que dicir que moitos dos rapaces tiñan algo de presa por saír xa do museo, e non o desfrutaron moito. Aquí vos deixamos unhas fotos.


E iso foi todo por onte! Mañá xa o último día! Como pasa o tempo!

Un bico a todos! Imos seguir desfrutando do que nos queda!

Ata mañá!!

 

Dublín 2022- Día 15, 16 y 17 – Bowling, Moher Cliffs and free day

Bós días!

Por aquí estamos tendo uns días intensos!

O venres tivemos por fin a nosa xornada de bowling (bolos), a cal se estivo retrasando por cambios na organización debido ao tempo desta pasada semana, case toda chuviosa.  A algúns déuselles mellor que a outros pero xa podedes ver o ben que o pasamos en xeral. Non era para menos coas ganas que tiñamos do bowling!

Celebrando un pleno!

Por certo! Aquí van os nosos saúdos especiais a Begoña, que nos comentou o outro día!!

Como xa sabedes, o sábado é día de excursión. Esta vez foron aos Cliffs of Moher (Cantís de Moher). É un sitio ao que hai que ir si ou si cando se vén a Irlanda. A verdade é que a paisaxe é espectacular. Os nosos problemas: o tempo no bus máis a choiva/néboa. Ben sabiamos que o viaxe era longo, 3 horas nos dixeron, pero terminaron sendo 4. Por tal motivo só puidemos quedarnos apenas dúas horas. Por outro lado, o tempo atmosférico tampouco nos acompañou demasiado,. Choveunos todo o traxecto e ao chegar alí a néboa era tan intensa que apenas podiamos alcanzar a ver o mar.

Por sorte, na última media hora, a néboa foi desaparecendo e fumos quen de ver os tan famosos cliffs, polo que se pode dicir que finalmente a excursión valeu a pena. Deixámovos  unhas fotiños para que apreciedes a fermosura do lugar (había incluso vacas!).

Facendo un descanso no traxecto

Subidos na torre

Aquí podedes ver a néboa que había ao chegar. Tremenda!

Algúns durmindo no bus, como non!

E xa por último, o domingo! O último día libre da nosa estadía aquí en Dublín!

Neste domingo todos se decantaron por ir a Bray, onde a feira da que xa vos falaramos hai unha semana continuaba e, aínda por riba, había un espectáculo de avións. Parece ser que había un montón de xente, pois houbo problemas todo o día co transporte público que conectaba con Bray. Tanto foi así que se colapsou todo o sistema de trenes de Dublín.  Apareceu incluso nas noticias!

Despois da feira, moitos baixaron ao centro a facer as últimas compras. Esperamos que algúns agasallos dos que mercaron sexan para vós!

Espero que desfrutarades o blog tanto como nós estamos desfrutando aquí. Irémosvos informando de como vai este principio da que é xa a nosa última semana!

Unha aperta grande!

Dublín 2022- Día 12 – 19/07/22- Disco night

Bós días de novo familias!

Aínda que por aquí seguímolo pasando xenial, onte foi un día un pouco raro. No cole houbo movementos de alumnos a outras clases xa que faltaba un profe. Recibimos diferentes opinións ao respecto aínda que en termos xeráis están contentos. Como nós lles dicimos, máis oportunidades para coñecer xente nova!

Despois chegou a hora da comida. Dende hai moito tempo queriamosvos ensinar o comedor e máis o felices que se ven os rapaces cando teñen comida diante (prometemos que non os estamos matando da fame, é só que lles gusta moito comer). O problema disto é que a comida tamén nos nubla a vista a nós e sempre nos esqueciamos de sacar as fotos. Así que despois de case dúas semanas de esquecementos, aquí están!

Como xa vos contamos onte, as actividades de despois de comer relacionadas con deportes e artes son luns e mércores. Pola contra, o tempo non era o apropiado para a actividade que tiñamos preparada para onte, un tour guiado polo centro da cidade, e tivemos que intercambiar os plans entre o martes e o mércores. É dicir, o tour que iamos facer onte pasa para hoxe, e as actividades deportivas e artísticas do mércores tocaron onte.

Desta vez, por estar chovendo, tiveron que ser indoor activities, é dicir, actividades no interior.

En deporte houbo dodge ball (brilé) e basketball (baloncesto).

Houbo un pouco de artes coma sempre

E como novidade e por culpa da choiva tamén tivemos board games (xogos de mesa).

Incluso nós nos unimos ao xogo!

Ata aquí, o blog coma sempre. Agora ven o que realmente vos queriamos ensinar… A disco!!! Temos que dicir que nos costou un pouco arrincar a bailar, xa que estaban un pouco vergoñentos ao comezo e a música, por ter que adaptarse a moitos países, non foi en moitos casos a que nos gustaría. Incluso lle demos ao DJ unha lista de cancións para que nos pinchase… pero non houbo sorte…

Aquí temos a Mírian facendo a lista

Eso sí!!  Unha Macarena e unha conga caeron (ainda que da conga non temos fotos por mor de tanto movemento)

Deixámosvos unha chea fotos para que vexades o ben que o pasamos. Desfrutádeas!

Por certo, mandamos máis saúdos a Mariluz que sabemos que nos segue dende preto. Nos nos esquecemos de ti Begoña! Xa lemos o teu comentario! Mañá tocan os teus!

Xa sabedes pais e nais! A comentar! Con esta foto despedímonos. Unha aperta!

Dublín 2022 – Día 10 – 17/07/22 – Free day

Bós días familias!

Onte foi domingo e iso significa día libre!

Como xa sabedes os blogs do domingo dependen un pouco da colaboración cidadá, xa que nós non estamos alí para pesadear facendo fotos. Pola contra, a diferenza do domingo pasado, os rapaces mandáronos un montón de fotos!

Houbo un grupiño que foi a Vico Baths e despois enlazaron coa Catedral de San Patricio. Un planazo! Deixamos algunhas fotos.

Outros foron ver a final de Hurling, o deporte do que vos falabamos fai case unha semana. Xusto xogaba o Kilkenny, o equipo co que aprendimos a xogar. Como non, foi o equipo ao que apoiabamos. Foi unha pena que perdese. As cintas trenzadas que enseñamos véndenas pola rúa os días que hai partido coas cores dos equipos que xogan e son para atar por calqueira parte o corpo. Como podedes imaxinar, as cores do Kilkenny son o amarelo e o negro.

Houbo outro grupo que foi a Langford a unha exposición de coches que llevaban esperando dende que puxeron un pé en Dublín. Podémosvos asegurar que o pasaron como ananos!

Por último, houbo outro grupo que se acercou a unha pequena feria que se estaba celebrando en Bray. Pasárono tan ben que teñen pensado repetir!

Volvendo da feria pasáronse por unha praia que resultou estar chea de cisnes!

Como podedes ver, ninguén desaproveitou o tempo aquí!

Foi un domingo con moi bó tempo, perfecto para recargar pilas e vir de volta a dar todo na escola! Xa vos contaremos mañá que tal este inicio de segunda semana.

Unha aperta moi grande!

 

Dublín 2022 – Día 7 – 14/07/22 – Killiney Hill

Bós días un día máis familias!👋🏻

De onte pola mañá temos que comentar pouco. Os rapaces estano facendo moi ben en clase. Parece que xa se están adaptando ao horario e xa ninguén se perde polo cole. Por outro lado, o cole estos días parece un enxame de abellas! Hai moitos grupos que se van e aínda moitos máis que veñen! Pero iso é sempre bó, pois así coñecemos a moita máis xente!

A nosa afternoon activity, á actividade que facemos despois xusto de comer, foi chulísima! Fixemos unha camiñata pola Killiney Hill. Para chegar ata á base da colina (bueno, máis que colina pareceunos unha montaña) collimos un tren de 50 minutos. Unha vez alí empezamos o ascenso. A maioría do tempo foi por camiños estreitiños rodeados de vexetación que nos recordaron moito aos que temos nós en Galicia. Chegar ata o cumio levounos aproximadamente media hora, e casi nos perdemos un par de veces, pero pagou a pena.

Por certo! Saúdos especiais a Mariluz que nos segue moi atentamente e pón comentarios moi bonitos! Reconfórtanos moito saber que vos están gustando as nosas novas diarias. Así que xa sabedes, se queredes saúdos especiais dos vosos fillos, a escribir comentarios!!! 😉😉

Despois da sesión de fotos e de contemplar a marabillosa  paisaxe durante un anaco, retomamos camiño cara á estación (como agradecemos que fose todo costa abaixo despois do tute da subida!!), e alí collemos o tren de volta á casa.

Esta tarde iremos ó National Archaeology Museum, xa vos contaremos que tal.

Unha aperta moi grande! Ata mañá!!

 

Dublín 2022 – Día 6 – 13/07/22 – Evening activities

Bós días familias!

Xa estamos á metade da primeira semana de cole!

Os rapaces contáronnos que estiveron facendo kahoots en clase, unha ferramenta  comunmente usada polos profes para aprender dunha forma divertida, e mesmo algúns tiveron que facer pequenas presentaciones! A este ritmo van aprender moito!

Despois de xantar tocou de novo deportes e arte. Esta vez decantáronse por capture the flag (captura a bandeira), gaelic football (Fútbol gaélico), soccer (Fútbol normal), e arts (artes). Como xa vos podedes imaxinar estas son unhas das actividades favoritas dos rapaces. Deixámosvos unhas fotos para que o comprobedes vós mesmos.

Capture de flag

Gaelic football 

Celebrando un gol!

Soccer 

Arts

A novidade de onte foron as evenings activities chamadas actividades da noitiña en galego, aínda que son de 5 a 7 da tarde. Xa sabedes como van estos horarios aquí.

A actividade que nos tocou onte foi un xogo chamado quiz. Consiste en que un moderador vai facendo preguntas de coñecemento xeral, e os rapaces á súa vez teñen que ir contestando cartóns cas respostas. Cada cartón ten 10 preguntas e cada cartón é unha ronda. En total xogamos 8 rondas. Había uns encargados comprobando ás respostas de cada grupo e ao final fíxose reconto das respostas correctas de cada grupo. Pasámolo como ananos! Aquí tedes algunhas fotos

Por certo! Houbo un grupo que gañou o segundo posto! Que listiños!!

 

Deixámosos por aquí outras fotos chulas que conseguimos sacarlles! Ainda que non o asemelle xa empezan a estar algo cansos de tanta foto! Non vos preocupedes, que nos seguiremos saíndo ca nosa.

Ata mañá familias!

Dublín- Día 4 – 11/07/22 – First day of school

Hola familias!

Por fin chegou o tal esperado primer día de cole!

O día empezou facendo unha proba de nivel para ubicalos nas súas respectivas clases. Aquí podedes ver o concentrados que estaban mentres a facían. Non foi para menos! A academia comunicounos que este ano o nivel de inglés subira e que había moitos estudantes no nivel C1.

Despois de este test veu o director a contarnos o funcionamento do cole e a explicarnos algunha norma que teremos que ter en conta estas semanas.

Xa podedes comprobar o interesados que estaban.

Cando acabou esta pequena charla, fixemos un pequeno tour polo cole para localizar os sitios por onde nos vamos a mover estos días, como por exemplo, as clases ou a cantina.

Despois deste tour unímonos aos demais grupos durante a o break. Unha vez acabado, cada un dirixiuse á súa respectiva clase, onde tomaron contacto cos que van ser os seus compañeiros e profes estas vindeiras semanas. Todos están moi contentos e cómodos ca súa clase. Esperemos que siga así! Xa vos iremos actualizando!

A mañá acabou comendo na cantina, onde fumos felicitados pola nosa orde e limpeza. Que ben educadiños veñen!!

Xa pola tarde repartíronse por diferentes actividades tanto de deporte como de artes. Deixamos unhas fotos por aquí.


Soccer (Fútbol)

Dodge ball (Brilé)

Baseball

Arte

Aínda que ao final do día acabamos extenuados con tantas cousas novas e tanto movemento, algúns aínda tiveron a enerxía para pasear un ratiño polo centro volvendo para cenar cas familias e despois por fin si, descansar de este tan axetreado día.

Unha aperta! Seguiremos informando!

 

Dublín – Día 3 – Free Day – 10/07/22

Boas, familias!! 😄
Onte, domingo, tivemos día libre, así que cadaquén fixo o que máis lle apeteceu. Algúns foron a parques que tiñan perto da casa, outros optaron por ir ó city centre, outros fixeron un pouco de todo…
Pero o importante é que pasaron un día estupendo coñecendo a cidade.
Para poder ensinarvos o que fixeron no free day, pedimos colaboración cidadá pero, como vedes, o noso chamamento parece que non chegou a todo o mundo 😅. Iso sí, podemos asegurarvos que tanto os retratados como os que non enviaron nada pasaron un día xenial. Esperamos que en vindeiras ocasións poidades ver o que fixeron absolutamente todos. 😉🤞
Hoxe xa comezamos no cole, polo que mañá vos contaremos como foi o primeiro día da nosa nova rutina.
Bicos!!

Dublín – Día 2 – 9/07/22 – Kilkenny City and Hurling

Ola familias!
Despois do extenuante día de onte, non pensedes que hoxe íamos descansar… 😅
Ás 9 da mañá estabamos no cole (todo o mundo foi súper puntual, ben feito equipo!! 👏) onde varios buses esperaban por nós para ir a Kellkenny, un fermosísimo povo medieval, fundado polos normandos no século XII. Nas seguintes fotos podemos ver o seu famoso castelo.
Pero antes de poder desfrutar das súas rúas, fomos xogar ó Hurling, un dos deportes nacionais de Irlanda. É unha mestura entre baseball e hockey, para o que se usa un pau parecido ó do hockey e unha bola como as do baseball. O equipo de Kellkenny é dos mellores de Irlanda, e o día 17 xogarán a final da liga. Go Kellkenny!! 💪 Están tan orgullosos do seu equipo que toda a cidade está plagada das cores do equipo (amarelo e negro), e ata teñen unha estatua en honra ós xogadores.
Como é lóxico, ensináronnos só as regras e xogadas básicas, pero descubrimos novos talentos para o Hurling 😌 E, como curiosidade, que saibades que os xogadores non cobran nada por xogar, nin os profesionais. Todos os que xogan fano no seu tempo libre, por amor ó deporte. Así que os xogadores sempre deixan a pel no campo, non como algúns fubolistas… 🙄

Sentados agardando a que nos contasen a historia e as regras do Hurling

Rematamos esfondados, xa que é un deporte bastante esixente a nivel físico. Así que voltamos ó bus, que nos levaría ata o centro do pobo, e alí tivemos tempo libre para xantar e facer un pouco de turismo.
Ás 3 da tarde fumos coller o bus de volta a Dublín e, polo camiño, atopamos uns vehículos curiosos 🙈
Unha vez alí, cadaquén colleu o seu camiño de volta á casa.
Mañá teremos día libre, (por fin!) e poderemos desfrutar da cidade sen présas.
Xa vos contaremos 😉
Bicos!!