Flintshire – 1/10 – Film Afternoon

Hi everyone!

Hoxe pasamos unha mañá máis entre clase e clase. Pola tarde seguimos no High School pero esta vez non para estudar, senon para ver unha peli. Así que o colexio converteuse nun cine, con palomitas e zumo incluídos.

Os propios estudantes elixiron a película “A ciegas”. Estiveron tan entretidos no “cine” que non sacaron ningunha foto…

E isto foi todo por hoxe, mañá é mércores e xa case estamos no ecuador da semana.

 

See you!

Flintshire – 30/09 – Visita ao County Hall de Flintshire

Good morning everyone!

Onte luns tocou volver á rutina da semana, polo que as nenas e nenos pasaron a mañá no colexio entre clase e clase.

A tarde si que foi distinta, xa que nos prepararon unha visita ao County Hall (casa do Concello) de Flintshire. Alí recibiunos a Chair Marion Bateman e levounos á unha sala para darnos a benvida e ofrecernos algo para beber e comer. Démoslle un regalo de parte do Concello de Vigo e as nenas e nenos presentáronse. Despois levounos á Cámara de Concello onde se adoita reunir co resto dos Councillors para tomar decisións importantes.

Iago presidiu a mesa coa “Mayor’s Chain” (collar) posta e puido usar o mazo para poñer orde na sala.

Candela fíxolle preguntas á Chair Marion sobre os sistemas que usan en Gales e tamén lle explicou (nun inglés perfecto) os diferentes aspectos sobre o sistema educativo e os colexios en Galicia. A Chair pediulle a Candela que firmase no libro de visitas. Despois fixéronnos un tour polo edificio para ver o resto das cámaras e xa nos despedimos.

Unha das coordinadoras de English Plus levounos no minibus a Mold para coller os distintos buses e poñer rumbo ás nosas casas, xa que coa que estaba caendo non podiamos facer moito máis.

See you!

 

Flintshire – 29/09 – Sunday off in Chester!

Hi everyone!

Este domingo tocou día libre así que as nenas e nenos organizaron unha visita a Chester (Caer en galés), unha cidade ubicada no noroeste de Inglaterra que fai fronteira con Gales. Algunhas das nenas viven cerca de Chester.

O tempo non acompañou moito, xa que a chuvia estivo bastante presente, pero iso non fixo que puidesen coñecer a cidade, ir de compras e facerse fotos. Na nosa conta de Instagram @prestatyn.flintshire podedes ver tamén un vídeo musical que fixeron eles mesmos.

Aquí vos deixo unha sesión de fotos:

See you!

Flintshire – 28/09 – Trip to Llandudno!

Good afternoon, everyone!

Chegou o tan esperado día da nosa primeira EXCURSIÓN! E nada máis e nada menos que a Llandudno, unha cidade que parece sacada da serie Downton Abbey.

O malo: o tempo. Que maneira de chover! Pero que mellor refuxio para os nosos rapaces que unha sala de xogos. Acabamos diagnosticándolle a algún que outro ludopatía, xa que non querían saír de alí. Eso sí, grazas a eles conseguimos a mascota do grupo, polo que valiu a pena.

Tras unha corta visita ao Pier, mentres o resto se quedaron dentro escapando da choiva, dirixímonos ao centro da cidade onde nos dispersamos para disfrutar dunhas horiñas de tempo libre.

Uns directos se foron de tendas, como non. O Primark hoxe moito vendeu. Outros de novo co vicio do xogo. E outros poucos a comer, por suposto. Pero non sen antes a foto de rigor coa nosa bandeira viguesa. E ademais co White Rabbit de Alice in Wonderland (xa que resulta que a cidade está colmada de estatuas do filme dado que a verdadeira Alice veraneaba por aquí).

Sobre as 15:30 reunímonos todos de novo para coller o bus con destino Conwy e disfrutar das preciosas vistas dende o seu castelo. Un pobo moi pintoresco no que nos atopamos coa casa máis pequena de Gran Bretaña.

Tras esta última parada, os grupos de Prestatyn e Flintshire voltaron ás repectivas casas para disfrutar dun pouco de tempo libre antes de volver coas súas host families.

Espero que vos gustara este mini resumo e disfrutedes coas fotiños que sacamos.

Espero que vos gusten as fotos. Se queredes ver máis vídeos ou fotos animámosvos a que visitedes a nosa conta de Instagram @prestatyn.flintshire

Un saúdo.

Flintshire – 26/09 – Ice Skating

Good afternoon everyone!

O noso cuarto día en Wales! O tempo empeza a poñerse un pouco feo. As temperaturas baixaron e chegou a chuvia, pero iso non vai facer que se nos pasen as ganas de pasalo ben.

Toca pasar a mañá no High School de clase en clase, pero chega a tarde e é hora de facer algo diferente. Onte de actividade tivemos Ice Skating, así que a poñer os guantes e a preparar o corpo para unhas cantas caídas.

Hai que dicir que todas e todos saíron ilesos, igual con algunha mazadura que outra pero pasárono moi ben, que é o importante.

Toca sesión de fotos para que vexades que patinadores tan talentosos temos neste grupo:

 

 

Flintshire – 25/09 – Café Isa e Open Evening

Segundo día de High School!

 

Pola mañá tiveron un intenso día de clases e ao rematar reunímonos no Café Isa para descansar de tanto estudo e comentar como foi o día.

 

Pouco despois Marta, Candela, Mencía e Isabel volveron ao cole para rematar de facer un precioso mural que quedou exposto nun dos corredores do instituto. Trataba sobre Galicia e, como non, Vigo. Hai que dicir que lles quedou moi bonito, como se nota o que lles gusta a súa terriña!

O resto quedamos un ratiño máis na cafetería tomando uns granizados e botándonos unhas risas.

Despois volvemos para o colexio para que algúns os viñesen a recoller as súas host families e outros quedaron ata máis tarde no colexio, xa que era a Open Evening (o día de portas abertas) e as familias podían visitar o colexio e ver as clases. Había aulas ambientadas en libros e películas, por exemplo, a  librería converteuse en no mundo de “Alice in Wonderland” e na aula de Ciencias estaba o Professor Snape facendo unha das súas pocións.

Déixovos algunhas fotos do día. Xa me diredes se o mural non quedou chulo. Estas rapazas e rapaces son todos uns artistas!

 

Flintshire – 24/09 – First day at Argoed School!

Good evening everybody!

 

Onte as nenas e nenos tiveron o primeiro contacto co colexio e cos que serán os seus compañeiros estas 3 semanas. Fixéronlles un tour polo colexio e  tiveron as primerias clases  como Historia, Deseño e Tecnoloxía, Drama… Despois das clases tamén tiveron tempo para xogar ao balón prisioneiro.

Todas e todos se están acostumbrando á comida, os buses, as clases… Nun par de días xa o terán todo controlado e pasarán por nativos perfectamente.

A immersión lingüística están sendo bastante profunda, xa combinan á perfección o galego, o castelán, o inglés e algúns ata se atreven co francés tamén.

Déixovos por aquí algunhas fotos do día de chegada camiño no bus e outras feitas no colexio para que vexades que guapos están cos uniformes.

 

Good night!

 

 

 

 

 

 

Flintshire – 23/09 – Safe and Sound!

Bos dias desde Wales!

 

Despois dun bo madrugón e un intenso día entre aeroportos, todas e todos chegamos a Mánchester, cunhas poucas olleiras pero chegamos.

 

No bus camiño a Flintshire aínda nos quedaban forzas para cantar unha que outra canción (Mamma Mía de Abba Gold, reggaetón, un pouco de todo, vamos…). Fixemos unha breve parada para comer algo e logo nos puxemos en marcha para chegar ao noso destino.

Por último, tocaba coñecer ás nosas familias e descansar para estar preparados para o primeiro día de cole.

Mañá máis e mellor. See you!

 

Flintshire, alá imos!

Ola a todas e a todos!

Xa tendes todo preparado para aterrar en Wales?! Maleta, adaptador de enchufe, DNI, permiso paterno… e, por suposto, moitas ganas!

Antes de nada, por aquí me presento como a vosa monitora durante estas 3 semanas. Chámome Belén, son de Meis,  teño 30 anos e estudei Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo.

Con 16 e 17 anos estiven estudando Inglés en Irlanda e Malta, e durante a carreira realicei o meu Erasmus en Frankfurt am Main, polo que podedes ver que me encantan os idiomas, viaxar e coñecer novas culturas.

Estou desexando comezar esta experiencia con todas e todos vós e asegúrovos que a imos aproveitar ao máximo. Irei publicando neste blog todo o que fagamos estas semanas para que todos poidan ver o ben que o pasamos!

Non esquezades traer con vós o DNI e o permiso paterno para poder viaxar, seguro que xa volo dixeron mil veces, pero nunca está de máis un recordatorio de última hora.

Vémonos entón o luns no aeroporto, fannos madrugar un pouquiño pero valerá a pena o esforzo.

Un saúdo e aquí me tendes para o que necesitedes.