8 de outubro. Un bonito día de sol, de chuvia… e de festa!

Boas de novo!

Canto máis se nos acerca o día de volta á casa, máis cousas temos que facer! Esta mañá tivemos unha sesión de plató televisivo no instituto. O noso obxectivo: facer uns vídeos nos que os rapaces e rapazas contaran as súas impresións e experiencias destas tres semanas. Aínda que foi todo moi low cost, a verdade é que quedaron de marabilla! Non nos fixo falta nin técnico de son, nin director nin nada… e ata botamos unhas boas risas coas tomas falsas!

Despois do lunchtime e outro ratiño de clases marchamos todos para o pavillón de deportes a xogar un campionato de baloncesto. Porén, hoxe non só estabamos o grupo de vigueses e viguesas, senón que tamén había estudantes irlandesas infiltradas… e sabedes por que?

Pois porque hoxe despois do deporte tiñamos unha sorpresa preparada: un farewell pot, ou o que é o mesmo: un guateque de despedida!! Queriamos facer algo especial para concienciarnos e irnos despedindo destas magníficas tres semanas, e que mellor que facelo entre patacas, tarta de chocolate, palomitas e outros snacks! Ademais, e coma toda boa festa que se precie, tamén tivemos música para amenizar a sesión. Temas actuais e temas clásicos e como non, música tradicional!

Minipicnic improvisado Party selfie

As estudantes irlandesas foron moi riquiñas e fixéronnos unha demostración en exclusiva dun baile típico irlandés chamado Sean-nós dance e do que podedes ver un exemplo no seguinte enlace. Por suposto, se estamos aquí non é só para aprender, senón tamén para compartir e intercambiar coñecementos… e tamén nós lles ensinamos como se baila unha muiñeira (grazas á nosa súper profe Antía!).

Pasámolo moi ben, rimos, bailamos e o máis importante, gozamos do tempo xuntos!

Mañá é o gran día, no que por fin veremos o show no que levan traballando os rapaces estas semanas e pola tarde imos descubrir Kanturk un pouco máis en profundidade.

Seguiremos retransmitindo!

Pd.: Lembrade que todas as fotos e vídeos están na Galería de imaxes!

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *